José Manuel Sertucha

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sertucha
Información persoal
Nome José Manuel Sertucha Ereñozaga
Nacemento 1 de novembro de 1941
Lugar de nacemento Gatika
Falecemento 21 de xaneiro de 2014
Lugar de falecemento A Coruña
Altura 1,75 m.
Posición Defensa
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1961–1966 Osasuna 52 (5)
1962–1963 Alavés 26 (2)
1966–1971 Deportivo da Coruña 104 (15)
1971–1972 Xerez 9 (0)
Total 191 (22)
Adestrador
1972–1973 Deportivo da Coruña Xuvenil
1974–1976 Deportivo da Coruña Xuvenil
1977 Deportivo da Coruña (asistente)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

José Manuel Sertucha Ereñozaga, nado en Gatika (Biscaia) o 1 de xaneiro de 1941 e finado na Coruña o 21 de xaneiro de 2014, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de defensa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Debutou como profesional na tempada 1961–62 co Osasuna en Primeira División, nun partido contra o Real Madrid no campo de San Juan. Foi un dos seus dous únicos partidos esa campaña, sendo o outro un encontro fronte ao CD Málaga na Copa do Xeneralísimo. Na seguinte tempada xogou cedido no Alavés, disputando 30 partidos cun bo rendemento. Reincorporouse ao Osasuna en 1963, xogando tres tempadas máis co club navarro, todas en Segunda.

Na tempada 1966–67 fichou polo Deportivo da Coruña, nunha operación pola que saíron cara ao Osasuna Escolà e Beci, este último como cedido.[1] Permaneceu no club coruñés 5 campañas. No seu primeiro exercizo como branquiazul participou en 23 encontros e anotou 4 goles, mais descendeu a Segunda División, volvendo a Primeira ao ano seguinte como campión de Segunda. No Dépor viviu un novo descenso na tempada 1969–70, logrando o ascenso un ano despois. Durante eses anos compartiu defensa con futbolistas como Domínguez, Campanal II ou Aurre.

Na tempada 1971–72 firmou polo Xerez CD, de Segunda División, co que xogou só 10 partidos, descendendo a Terceira División ao remate da campaña.

Trala súa retirada regresou á Coruña, onde traballou no Deportivo da Coruña, como adestrador en dúas etapas do equipo xuvenil e tamén como segundo adestrador do primeiro equipo.[2]

Faleceu o 21 de xaneiro de 2014 nun hospital coruñés.[2] Un ano despois foi homenaxeado postumamente nun partido entre futbolistas da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña e veteranos do Deportivo, que serviu como inauguración dun novo terreo de xogo no Campo Municipal de Fútbol Rodrigo García Vizoso.[3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Era irmán dos tamén futbolistas Ángel Sertucha e Secundino Sertucha. Casou cunha coruñesa, coa que rexentou durante tres décadas unha tenda de deportes na avenida Bos Aires da cidade galega.[4] Foi pai do tamén futbolista e músico Aritz Sertucha, que xogou entre outros no Ural, o Español ou o Fabril, e que formou parte da banda Milana, ademais de ter unha carreira en solitario.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sertucha, fichado por el Deportivo". La Noche (en castelán) (13924). 25 de xuño de 1966. p. 5. Consultado o 12 de decembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 "Fallece Sertucha, exjugador y extécnico del club coruñés". La Opinión A Coruña (en castelán). 22 de xaneiro de 2014. Consultado o 12 de decembro de 2021. 
  3. "AFAC y los Veteranos del RC Deportivo homenajean a Sertucha con un partido en la inauguración del campo de A Grela 1" (en castelán). 17 de xaneiro de 2015. Consultado o 12 de decembro de 2021. 
  4. "El cierre definitivo de Sertucha". La Opinión A Coruña (en castelán). 12 de abril de 2018. Consultado o 12 de decembro de 2021. 
  5. Rodríguez, R. D. (6 de febreiro de 2021). "Huella americana en las raíces de Sertucha". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 12 de decembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]