Alexandra Kollontai
Alexandra Kollontai | |
---|---|
![]() Alexandra Kollontai c. 1900. | |
Nome completo | Алекса́ндра Миха́йловна Домонто́вич |
Nome de nacemento | Alexandra Mihailovna Kollontai |
Nacemento | 31 de marzo de 1872 |
San Petersburgo Rusia | |
Falecemento | 9 de marzo de 1952 |
Moscova, URSS | |
Causa | doenza |
Soterrada | cemiterio Novodevichii |
Nacionalidade | Rusa |
Alma máter | Universidade de Zúric |
Ocupación | Activista, escritora e marxista |
Pai | Mikhail Domontovich |
Cónxuxe | Vladimir Ludvigovich Kollontai Pavel Dybenko |
Fillos | Mikhail Alekseevich Domontovich |
Coñecida por | Comunismo |
Premios | Orde de Lenin, Bandeira Vermella do Traballo, Ordem de Santo Olavo e Ordem da Águia Asteca |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Alexandra Mihailovna Kollontai (en ruso Александра Михайловна Коллонтай), nada en San Petersburgo o 31 de marzo de 1872 e finada en Moscova o 9 de marzo de 1952, foi unha socialista e revolucionaria rusa.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Naceu nunha familia bastante acomodada e foi educada por un instrutor particular. Desde moi nova interesouse polo marxismo e estudou Historia do traballo en Zúric, Suíza. Afiliouse ó Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso en 1899.
Participou nos acontecementos revolucionarios de 1905, tras presenciar a matanza de obreiros fronte ó Palacio de Inverno, e traballou escribindo artigos e organizando as traballadoras rusas. Tivo que exiliarse a raíz da publicación dun artigo titulado Finlandia e o socialismo no que animaba os finlandeses a sublevarse contra a ocupación rusa. Isto deulle a oportunidade de viaxar por toda Europa, entrando en contacto con diversos partidos socialistas en países como Alemaña, Gran Bretaña ou Francia.
Opúxose activamente á primeira guerra mundial, polas súas motivacións imperialistas ó servizo da clase dominante. Neste sentido participou na Conferencia de Zimmerwald en 1915. Nesta época tamén se uniu ós bolxeviques e viaxou por diversos países facendo campaña contra a guerra.
Poucos meses antes de outubro de 1917 foi elixida membro do Comité Central do Partido e votou a favor da insurrección e da toma do Pazo de Inverno para construír así un Estado obreiro. Ó desatarse os sucesos que desembocaron na Revolución de Outubro Alexandra Kollontai regresou a Rusia, onde foi elixida membro do Comité Executivo do Soviet de Petrogrado. Apoiou a Lenin na súa visión dos soviets como organismos para o exercicio do poder e a necesidade de superar a revolución burguesa coa revolución proletaria.
Trala toma do poder Alexandra Kollontai foi elixida Comisaria do Pobo para a Asistencia Pública. Foi unha das que máis traballou a prol dos dereitos e liberdades das mulleres, modificando aspectos das leis que facían a muller unha subordinada do home. Á muller rusa negábaselle o dereito ó voto e gañaba salarios mellores traballando en peores condicións que os homes. A Revolución conseguiu pór as bases para a igualdade real entre homes e mulleres, liberalizando as relacións familiares e sexuais. Aprobouse o divorcio e o dereito ó aborto, e outorgábase ás mulleres beneficios sociais en forma de salarios de maternidade, garderías e fogares para os nenos. Así mesmo desenvolvéronse campañas de información para darlles a coñecer ás mulleres os seus novos dereitos.
En 1918 Kollontai foi unha das organizadoras do Primeiro Congreso de Mulleres Traballadoras de toda Rusia. Deste congreso naceu o Zhenotdel, un organismo dedicado a promover a participación feminina na vida pública, e en proxectos sociais, e de xeito moi especial a loita contra o analfabetismo. O Zhenotdel tiña a súa propia revista, chamada Kommunistka (Muller Comunista) e Kollontai era parte do seu Consello editorial.
En 1921 Kollontai foi cofundadora da Oposición Obreira, que encabezou co dirixente dos traballadores metalúrxicos Alexander Shliápnikov. Formularon as consignas de entregar a dirección da economía a un Congreso de produtores, establecer a dirección das empresas e fábricas polos sindicatos e elixir os principais administradores polos traballadores. O Congreso do partido ordenou disolver este grupo, decisión que foi apelada inutilmente ante a Internacional Comunista.
Alexandra Kollontai quedou marxinada e perdeu a súa influencia política. En 1923 pasou ó servizo diplomático. Foi nomeada embaixadora da Unión Soviética (primeira muller embaixadora da historia) en Noruega e posteriormente en Suecia e México. Tamén formou parte da delegación soviética na Liga das Nacións. Este exilio dourado salvouna primeiro das deportacións acontecidas a partir de 1927, que afectaron entre outros ós seus compañeiros da Oposición Obreira e á Oposición de Esquerda e logo, na década seguinte, salvouna de morrer executada cando, un a un, os antigos dirixentes bolxeviques correron esa sorte.
Entre tanto, Stalin, aínda que apreciaba o papel das mulleres, revogou parte das medidas que lles garantían a plena igualdade e a súa emancipación completa. Foron penalizados novamente a homosexualidade (1934) e o aborto (1936), reactivouse a propaganda a favor da familia, reintroduciuse a educación separada entre os sexos. Por outro lado, o divorcio non se prohibiu, pero cobrábase polos trámites, facéndoo moito máis difícil; ademais, a moral tradicional volveu a imporse nas relacións familiares e persoais. Foi só a masiva participación das mulleres soviéticas na guerra contra o nazismo o que lles devolveu os dereitos conculcados.
Obra traducida ao galego[editar | editar a fonte]
- Amor vermello e escritos sociais e políticos, traducida por María Fe González Fernández [1]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ http://bibliotraducion.uvigo.es/traduccions_ver.php?id=4347 Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine. . Consultado o 21 de xuño de 2017
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |