A estrutura xerárquica do Estado, que ía de abaixo cara a arriba e de arriba cara a abaixo -un dos principios do centralismo democráticoleninista- estaba conformada por sucesivos consellos ata chegar á máxima autoridade, o Soviet Supremo. Nun nivel medio entre os gobernos locais e o poder federal, cada República Socialista Soviética tiña o seu propio Soviet Supremo. Aínda que, coa institucionalización do país cara a 1924, e a paulatina burocratización do Estado obreiro, os soviets comezaron a perder unha gran parte do seu poder real e capacidade de decisión a nivel local ou de base, converténdose á súa vez, en niveis superiores, en órganos de goberno ao estilo dos parlamentos doutros estados. Así, a Unión Soviética, pronto adquiriu un sistema político de tipo parlamentario, no que o xefe de Estado ou Presidente do Presídium do Soviet Supremo, era elixido polo poder lexislativo (este último). O poder executivo exercíao o Consello de Ministros, cuxo nome orixinal en ruso era Soviet de Comisarios do Pobo.