Ahaggar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 23°17′N 5°32′L / 23.283, -5.533 O Ahaggar (tamazight: Idurar Uhaggar ou Tassili Wan Ahaggar, ⵜⴰⵙⵙⵉⵍⵉ ⵏ ⵡⴰⵏ ⴰⵀⴰⴳⴰⵔ; en árabe: جبال هقار) ou Hoggar é un macizo montañoso situado no sur de Alxeria, no corazón do deserto do Sáhara.

Toponimia[editar | editar a fonte]

A palabra «Hoggar» é unha transcrición francesa do termo árabe جبال هقار (djebel Haqar). Este provén do tuareg «Ahaggar», que en plural («Ihaggaren») designa a clase nobre entre os tuareg de Ahaggar.[1]

Xeografía[editar | editar a fonte]

Paisaxe de Ahaggar
Imaxe de Ahaggar en outubro de 2018

Atravesado polo Trópico de Cáncer a 80 km ao norte da comuna de Tamanrasset (Alxeria), o Ahaggar ocupa unha superficie de aproximadamente 50 000 km².

Ao leste de Tamanrasset érguese a máis de 2.000 m de altitude unha meseta erosionada de 250 km de diámetro. Está composta por escoadas lávicas, o campo volcánico de Atakor, sobre o que se alzan volcáns cunha altitude duns 3.000 m. O cumio máis alto do macizo, o monte Tahat, con 2.918 m, é tamén a montaña máis alta do país. O seu terreo escarpado, formado por picos e cantís de basalto e pórfiro, é un lugar popular para a escalada.

O Ahaggar nace da ensamblaxe dos distintos cratóns na orixe da oroxénese panafricana, en concreto na marxe do metacratón do Sáhara, no Proterozoico.

As altas temperaturas do verán contrastan coas do inverno, cando pode xear, e as choivas son escasas. Porén, estas condicións climáticas son menos extremas ca no resto do Sáhara. O Ahaggar constitúe, así, o hábitat de certas especies animais e vexetais.

Historia[editar | editar a fonte]

Na meseta de Assekrem, a 80 km en liña recta de Tamanrasset, está a ermida de Charles de Foucauld, un dos moitos eremitas cristiáns que viviron no Ahaggar. Foucauld estabeleceuse alí en 1911.

O Ahaggar é tamén a terra ancestral da confederación tuareg Kel Ahaggar. Preto da cidade de Tamanrasset, no oasis de Abalessa, atópase a tumba de Tin Hinan, unha matriarca que se cre que era antepasada dos tuaregs de Ahaggar.

Entre novembro de 1961 e febreiro de 1966 o exército francés realizou trece probas nucleares subterráneas no macizo granítico de Tan Afella, no lugar de In Eker.[2]

Vexetación[editar | editar a fonte]

O macizo de Ahaggar alberga a oliveira Laperrinei, da que aínda hai algúns exemplares na rexión do monte Akerakar. Esta especie ameazada atópase próxima á oliveira europea e refuxiouse nas profundidades dos uadis (vales de torrentes máis ou menos secos).[3]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Keenan, Jeremy (2004). The Lesser Gods of the Sahara: Social Change and Indigenous Rights (en inglés) (1ª ed.). Routledge. ISBN 9780714684109. 
  2. L'évaluation de la recherche sur la gestion des déchets nucléaires à haute activité - Tome II : Les déchets militaires - Chapitre II : les premiers essais français au Sahara 1960-1966 - 2°/ Les essais en galerie au Hoggar Arquivado 20 de outubro de 2004 en Wayback Machine. - par Christian Bataille, Député de l'OPECST
  3. Bernard, Anthelme, Baali-Cherif, Modelo:Opcit, p. 140, 321-322

Bibliografía[editar | editar a fonte]