O Aeroporto Internacional Rexión de Murcia-Juan de la Cierva (IATA: RMU, OACI: LEMI) é un aeroporto novo de recente construción situado no municipio de Murcia (España), cuxas obras se iniciaron en xullo de 2008 e remataron a principios de 2012. Abriuse ao público o 15 de xaneiro de 2019.[1]
O aeroporto foi promovido polo Goberno Rexional, o cal avalou con 200 millóns de euros as obras do aeroporto.[3] Tivo que asumir esta débeda en 2013 trala execución do aval, ademais de sufragar os case 22000 euros diarios necesarios para o mantemento das instalacións a pesar de non estar aínda en funcionamento.[4]
O 20 de decembro de 2017, Aena quedou como adxudicataria do concurso para a xestión do aeroporto. A pesar de que se especulara coa posibilidade de que os aeroportos de San Javier e Corvera se mantivesen abertos simultaneamente, finalmente trasladaranse todas as operacións de San Javier ao novo aeroporto.[5][6] É o primeiro aeroporto privado que xestionará Aena.
A terminal está dotada de 9 portas de embarque, 25 mostradores de facturación e 4 fitas de recollida de equipaxes. Ten unha capacidade de 3 millóns de pasaxeiros ao ano ou 23.000 movementos.
A pista dispón dunha rúa de saída rápida e 4 apartados de espera. Está equipada co instrumental de precisión ILS CAT I e o instrumental de non precisión (DVOR/DME). A categoría OACI de Servizo de Salvamento e Extinción de Incendios é de 7.