Grupo de Teatro Airiños
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2017.) |
O Grupo de Teatro Airiños é unha compañía de teatro de afeccionados da parroquia de Asados (Rianxo), sendo a compañía de teatro máis veterana das actuais galegas.
Historia[editar | editar a fonte]
Foi creado en 1933 por uns curmáns de Castelao, vinculado ao Centro Galeguista da parroquia. A primeira obra representada foi A retirada de Napoleón, de Xavier Prado Lameiro.
Trala guerra civil española retomouse a actividade, procurando representar obras en lingua galega. En 1960 representaron a peza A fiestra valdeira de Rafael Dieste, cando o autor aínda estaba no exilio.
Trala fin do franquismo a compañía representou Os vellos non deben de namorarse de Castelao, e ao pouco a compañía asentouse no local do Centro Cultural Simón Varela, fundado neses anos.
En 2008, coincidindo co 75 aniversario, recibiu un premio da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña «pola súa defensa do idioma e a cultura galega durante máis de tres cuartos de século». Nese mesmo ano publicouse o libro Cadro Artístico Airiños: 75 anos, que recibiu os premios de edición Anuaria e Desing & Desing no 2009. Tamén no 2009 a compañía recibiu o premio do Sereno de Bronce de Barbantia na sección de iniciativa cultural no Barbanza.
No ano 2010 a directora da compañía pasou a ser Esther F. Carrodeguas. No ano 2012 recibiu o premio Ángel Velasco Montoya da Asociación Amigos del Teatro de Valladolid. En novembro de 2012 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas polo traballo desenvolvido desde a súa creación. No 2013 inaugurouse a exposición 75 anos do Cadro Artístico Airiños, con pezas, vestiario e textos da historia da compañía. Nese mesmo ano recibiu o Pedrón de Ouro.