O 15 de novembro de 2014, A esmorga proxectouse na inauguración da XIX edición do Festival de Cine de Ourense[2] e estreouse nos cines de toda Galicia o 21 de novembro do mesmo ano.[3][4] Grazas ó éxito colleitado nos cines galegos, o filme estreouse en España (en galego con subtítulos e dobrada ó castelán) o 8 de maio de 2015.[5] Trala súa estrea converteuse no filme en galego con máis recadación da historia, superando a Días de voda, e o segundo máis visto, con 47.866 espectadores nos cinemas, só por detrás de Sempre Xonxa.[6][7][6] A día de hoxe continúa entre os cinco filmes en galego con maior recadación e entre os seis con máis espectadores no cine.
Cibrán (Miguel de Lira) é un obreiro que se xunta coa Raxada (Melania Cruz), unha ex-prostituta e nai solteira. Unha mañá, de camiño ó traballo, é abordado por dous amigos bébedos, Bocas (Karra Elejalde) e o atormentado Milhomes (Antonio Durán "Morris"). Cibrán xúntase a eles no seu deambular incerto pola zona, deixando tras de si un regueiro de destrución.
Fan un alto na taberna da tía Esquilacha (Covadonga Berdiñas), acceden á vivenda dun cacique local chegado hai pouco de Francia, onde Bocas se namora da misteriosa dona da fiestra; chegan a un pazo ao que Cibrán, xa bébedo, lle prende lume sen querelo; bótanos dun prostíbulo; galantean cunha muller pueril e tola, Socorrito (Sabela Arán), quen cada mañá saca pasear un boneco nun carriño. Namentres, Bocas é sospeitoso de ter matado a un home durante unha liorta nunha taberna, e ademais a homosexualidade reprimida de Milhomes non deixa de amolar ao Bocas dun xeito que ningún dos dous homes son quen de comprender. Bocas e Milhomes emprenderon unha especie de misión suicida ao abeiro da bebedela á cal o malpocado Cibrán se sumou sen sabelo. O alcol é para Cibrán o refuxio do que el mesmo denomina “o pensamento”, unha terrible lucidez que lle fai ser consciente da súa sórdida existencia.
En Galicia tivo unha estrea limitada en só 26 salas, con 18 copias distribuídas,[8] e a súa acollida entre o público foi maior da agardada, polo que foi considerado un dos filmes revelación do 2014.[9] Dende a súa estrea o 21 de novembro ata finais do ano 2014, o filme foi visto por máis de 37500 espectadores galegos. En vista do seu bo resultado de recadación, xa que foi a mellor estrea de todo o ano en España entre os filmes con menos de 100 copias, e coa quinta mellor media (3408 euros) do ano en España, só por detrás de Ocho apellidos vascos, La isla mínima, Torrente 5 e El Niño,[10] estreouse en cines de España na primavera de 2015.[11][12] O número total de espectadores en todo o Estado foi de 47.866 persoas, cunha recadación de 277.652,06 €.[6]
Grazas ó éxito colleitado na estrea nos cines, saíu á venda en DVD o 20 de novembro de 2015.[13]
Habería, quedou dito, outras "esmorgas" posibles nas nosas meimiñas; porén, esta que vén de filmar Ignacio Vilar demostra a verdade dun cinema ben feito, dun cinema traballado con esmero; un cinema, entón, que dá gusto contemplarmos e gozarmos.
Nos Premios Mestre Mateo de 2014, A esmorga obtivo 16 nomeamentos en 13 categorías, conseguindo 6 premios, entre eles mellor actor para Antonio Durán "Morris" no papel de Milhomes, mellor fotografía e música orixinal.
Na 20º edición do "Festival du Film Espagnol de Toulouse" celebrado en outubro de 2015, o filme gañou os premios de mellor director para Vilar, o premio ao mellor actor ex aequo para “Morrís”, Karra Elejalde e Miguel de Lira, e o premio á mellor fotografía.[16]