Édith Piaf
(1950) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Édith Giovanna Gassion 19 de decembro de 1915 París, Francia |
Morte | 10 de outubro de 1963 (47 anos) Grasse, Francia |
Causa da morte | hemorraxia interna |
Lugar de sepultura | Cemiterio do Père-Lachaise, 97 48°51′35″N 2°23′56″L / 48.859683, 2.398894 Grave of Gassion-Piaf (en) |
Outros nomes | Édith Piaf |
Residencia | Francia (1956–) Estados Unidos de América (1955–1956) París (década de 1920–1955) Normandía |
Altura | 147 cm |
Actividade | |
Ocupación | cantante, chansonnière, artista urbana, artista discográfico, actriz, compositora de cancións |
Período de actividade | 1935 - 1963 |
Membro de | |
Xénero artístico | Chanson, chanson réaliste (en) e balada (pt) |
Tesitura | Contralto |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Polydor Records (1935–1946) Pathé-Marconi (1946–1963) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Theophanis Lamboukas (1962–1963) Jacques Pills (1952–1956) |
Parella | Louis Gérardin (1951–1952) Marcel Cerdan (1948–1949) Yves Montand valor descoñecido |
Fillos | Marcelle Dupont, biological daughter () |
Pais | Louis Gassion e Line Marsa |
Cronoloxía | |
14 de outubro de 1963 | Funeral (Cemiterio do Père-Lachaise) |
Premios | |
| |
|
Édith Giovanna Gassion, coñecida polo seu nome artístico de Édith Piaf, nada en París o 19 de decembro de 1915 e finada en Plascassier, Grasse, Alpes Marítimos, o 10 de outubro de 1963, foi unha cantante, compositora e actriz francesa.
Converteuse na icona parisiense da década de 1950, tanto en Francia coma fóra do país, en especial en Estados Unidos onde se consagrou en 1956 no Carnegie Hall de Nova York.
O Museo Edith Piaf, dedicado á súa memoria, atópase na rúa Crespin du Gast, no XI distrito de París.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]A lenda conta que Édith Piaf naceu debaixo dun farol diante do número 72 da rue de Belleville, en París, de pai acróbata (Louis Alphonse Gassion, natural de Normandía) e nai cantante, que os abandona ó pouco de nacer. Pasou a súa primeira infancia na casa da súa avoa materna, que a tiña desatendida, ata que o seu pai, á volta da guerra a leva coa súa avoa paterna, que era a madama dun prostíbulo, así a nena Edith pasou a súa infancia entre as prostitutas do negocio familiar, ata que o pai a leva con ela para que lle axude no seu traballo no circo. Así comezou no mundo da canción, unha vida nómade ata que abandonou o seu pai para ir vivir a París. Os seus primeiros pasos neste terreo deunos cun repertorio de cancións populares.
No 1935, mentres cantaba na rúa para sacar uns cartos, coñeceu a Louis Leplée, xerente dun cabaré de moda, o Gerny's, sito nos Campos Elisios. Édith Piaf actuou ocasionalmente neste lugar. Leplée deulle o alcume de nena gorrión ("la Môme Piaf") xa que era de pequena estatura e cantaba coma un gorrión, cunha voz espléndida. A violenta morte de Leplée fixo dela a principal sospeitosa, aínda que ó cabo foi absolta. Asinou un contrato con Polydor e gravou o seu primeiro disco en 1936, Les Mômes de la cloche (Os nenos mendigos[1]). O ano seguinte chegou ao gran music-hall, o ABC.
Jean Cocteau escribiu para ela a obra que sería o maior éxito de 1940, Le Bel Indifférent (O Guapo Indiferente). Despois, asinou un contrato para participar no filme Montmartre sur scène (Montmartre en escena), de Georges Lacombe. Durante a guerra, Édith Piaf cantaba nos clubs e music-halls, onde coñeceu a súa contemporánea alemá Ilona Hesse, e dende onde axudaba os presos a fuxir. Trala guerra escribiu La Vie en Rose (A Vida en Rosa), a máis coñecida das súas cancións, e traballou decote na Comédie Française. Converteuse nunha icona parisiense e na musa dos existencialistas. Nos anos 50, Édith Piaf xa era famosa en moitos países; o público norteamericano consagrouna en 1956 no Carnegie Hall de Nova York, ao que volveu con frecuencia.
Vida sentimental
[editar | editar a fonte]Son varios os romances de Édith Piaf, dunha banda case todos os cantantes aos que apoiou e promoveu as súas carreiras: Yves Montand, Charles Aznavour ou Georges Moustaki, tamén con xente coma o actor Marlon Brando.
Pero o grande amor da súa vida foi o boxeador francés de orixe pied noir, é dicir, nado na Alxeria, Marcel Cerdan, campión do mundo en peso medio, a pesar de que el estaba xa casado cando se coñeceron. A morte do boxeador o 28 de outubro de 1949 nun accidente de aviación nos Azores no voo París-Nova York, cando ía reunirse con ela, some a artista nunha profunda depresión pola perda e polo seu sentimento de culpa e acentúa os seus problemas coa heroína e o alcohol. Cerdan non tiña previsto viaxar nese voo, pero, ante a insistencia de Piaff, cambiou os seus billetes con outro pasaxeiro para adiantar a súa volta. Deste romance xurdiu o filme Édith et Marcel.
En 1951 comeza a súa relación co mencionado Charles Aznavour, coma secretario, asistente, chofer e confidente. Sería o autor dalgunhas das mellores cancións de Piaf, coma Plus Bleu que tes yeux ou Jezebel.
En 1953 comeza un programa de desintoxicación para combater a dependencia dos medicamentos, porén en 1958 sofre un accidente de coche na compaña do seu novo compañeiro, Georges Moustaki, o que empeora a súa saúde e a dependencia da morfina.
Xa nos últimos anos, enferma e adicta, viviu un derradeiro amor de outono con Théo Sarapo, un grego moito máis novo que ela. Casa con Théo o 9 de outubro de 1962, aos 46 anos de idade.
Hai algúns detalles na súa biografía que son moi difíciles de aclarar, xa que ela mesma adoitaba esaxerar moitas anécdotas da súa vida. Por exemplo, contaba que estivera cega durante un período importante da súa vida, cando a verdade é que a súa enfermidade ocular, aínda que grave, nunca lle impediu ver. A súa autobiografía chámase Au bal du chance.
Os seus restos foron levados a París, onde se comunicou a súa morte, o 11 de outubro. Esta data é a que figura oficialmente como data da súa defunción. Édith Piaf está enterrada no cemiterio de Père Lachaise. O seu enterro foi multitudinario, e a súa tumba segue a ser unha das máis visitadas do célebre cemiterio.
Enfermidade e morte
[editar | editar a fonte]En 1959 comeza unha serie de operacións cirúrxicas despois de esbarroarse nunha xira en Nova York, estado de saúde agravado polo abandono de Moustaki.
Edith Piaf chega ao punto de case non manterse en pé e cantar só con importantes doses de morfina, como por exemplo unha serie de concertos ofrecidos en 1961 na Sala Olympia de París, uns dos máis emotivos da súa carreira e que salvaron o salón da bancarrota. Foi nesta serie de concertos onde interpretou unha das súas cancións máis famosas, gravada en 1960 e que, segundo ela mesma, mellor definía a súa vida, Non, je ne regrette rien. A comezos de 1963 grava a súa derradeira canción, L'Homme de Berlín, escrita por Francis Lai e M. Vendôme.
Finalmente falece o 10 de outubro de 1963 a causa dun cáncer hepático. Foi soterrada ante unha gran multitude de admiradores no cemiterio de Père Lachaise, en París, xunto ao seu pai e á súa filla Mercelle falecida tempo atrás aos dous anos de idade. Pese á súa fe católica prohibíronselle as exequias relixiosas dada a súa condición de divorciada. L'Osservatore Romano, xornal do Vaticano, definiuna como Ídolo da felicidade prefabricada e á súa vida como pecado público, porén o crego Villaret Thouvenin deulle a bendición final.
Filmes
[editar | editar a fonte]Filmografía
[editar | editar a fonte]- La garçonne (1936) Jean de Limur
- Monmartre-sur-Seine (1941) Georges Lacombe
- Etoile sans lumière (1946) Marcel Blistène
- Al diavolo la celebrità (1949) Mario Monicelli
- Paris chante toujours (1951) Pierre Montazel
- Boum sur Paris (1953) Maurice de Canonge
- Si Versailles m'était conté (1954) Sacha Guitry
- French cancan (1954) Jean Renoir
Obras baseadas na súa figura
[editar | editar a fonte]Cinema
[editar | editar a fonte]- 1974: Piaf de Guy Casaril.
- 1983: Edith et Marcel de Claude Lelouch.
- 1984: Piaf con Jane Lapotaire.
- 1994: Une brève rencontre: Édith Piaf de Michel Wyn con Sophie Arthur.
- 2007: La Môme de Olivier Dahan con Marion Cotillard, gañadora do Oscar á mellor actriz e á mellor maquillaxe.
Teatro
[editar | editar a fonte]- 1978: Piaf de Pam Gems con Jane Lapotaire.
- 1983-86: La Piaf de Pam Gems con Virginia Lago.
- 1993-94: Piaf de Pam Gems con Elaine Page.
- 1994-95: Piaf de Pam Gems con Laura Canoura.
- 2008-10: Piaf de Pam Gems con Elena Roger.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Placa no lugar do nacemento de Edith Piaf
-
Edith Piaf na súa xuventude
-
Tumba de Edith Piaf
-
Edith Piaf en 1951
-
Edith Piaf xunto a Théo Sarapo
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Aínda que a tradución literal de 'cloche' é 'campá', aquí fai referencia ao mundo dos mendigos, os 'clochards' derivando en 'cloche'.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Édith Piaf |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Little Sparrow (en inglés)
- Les Conquêtes de Piaf (en francés)