ZSC Lions

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
ZSC Lions
Fundación1930[1]
Cidade Zúric,
Cantón de Zúric
Suíza Suíza
EstadioHallenstadion
(11.200 espectadores)[2]
LigaNational League A
Campionatos8 (1936, 1949, 1961, 2000, 2001, 2008, 2012, 2014)
Propietario(s)Hans Peter Schwald (presidente)
DirectorPeter Zahner
Adestrador Marc Crawford
Afiliado(s)GCK Lions (National League B)
CoresAzul, branco e vermello
                 
Na rede
http://www.zsclions.ch/

O Zürcher Schlittschuh Club Lions ou simplemente ZSC Lions (coñecido coloquialmente como Zätt) é un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Zúric, Suíza. O club foi fundado en 1930 e compite na máxima categoría do hóckey sobre xeo suízo, a National League A, competición que gañou en oito ocasións, a última delas en 2014. Xoga os seus partidos como local no Hallenstadion de Zúric, un pavillón con capacidade para 11.200 espectadores situado no distrito de Oerlikon.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios e primeiros títulos[editar | editar a fonte]

O 15 de outubro de 1930 nacía no Hotel Habis Royal, na Bahnhofplatz de Zúric, a sección de hóckey sobre xeo do Zürcher Schlittschuh-Clubs. Pouco despois o equipo xogou o seu primeiro partido no Palazzo di ghiaccio de Milán, caendo derrotado por 1 gol a 2. Xa en 1931 o equipo puido construír o Dolder-Kunsteisbahn e competir no campionato nacional e en 1932 conseguiu o ascenso á actual National League A.[3]

En 1936 chegaba o primeiro título de liga para os de Zúric, repetindo este éxito 13 anos máis tarde, o 30 de xaneiro de 1949, cando 12.000 espectadores viron ao ZSC alzar o seu segundo título de campión suízo. Un xogador foi fundamental na consecución destes dous primeiros título para o equipo de Zúric, Heini Lohrer, que chegara ao equipo en 1934 procedente do EHC Arosa.[4] Porén, tres anos despois deste último título, a maior parte dos xogadores do equipo campión se retiraron e o club pasaría toda a década de 1950 sen conseguir ningún campionato de liga.[3] Outro éxito da década de 1940 foron as dúas Spengler Cup consecutivas conquistadas en 1944 e 1945 fronte ao anfitrión HC Davos.[5]

Declive[editar | editar a fonte]

A finais da década de 1950, o club comezou unha reconstrución do equipo que o levou a alzarse coa copa en 1960 e co dobrete de liga e copa ao ano seguinte co adestrador-xogador Otto Schläpfer. Máis a década de 1960 estivo marcada polos inicios do profesionalismo e o equipo non puido repetir os éxitos conseguidos nos primeiros anos da década, xogando fronte a equipos da parte alta cunha estrutura máis profesionalizada e que ás veces investían grandes cantidades de diñeiro. Neste contexto, o ZSC non foi quen de seguir o ritmo dos equipos máis profesionalizados e en 1971 descendeu á segunda categoría, non conseguindo recuperar a categoría ata 1973.[3] Porén tan só conseguiu manterse un ano entre os mellores equipos suízos, descendendo de novo tras un ano na elite, iniciando unha longa etapa no segundo nivel do hóckey sobre xeo suízo ata asentarse definitivamente na máxima categoría a partir de 1990 despois de tres ascensos fugaces en 1982, 1984 e 1986.[6]

O maior éxito do ZSC na década de 1990 foi o pase ás semifinais dos play-offs polo título de liga na tempada 1991-92 baixo a dirección de Arno Del Curto,[3] logo de terse clasificado na 7ª posición e ter eliminado nos cuartos de final ao HC Lugano en catro partidos nunha eliminatoria na que os de Zúric comezaron gañando os dous primeiros partidos e encaixaron un contundente 10-0 no terceiro partido, para finalmente impoñerse nos penaltis no cuarto partido. Porén nas semifinais o equipo caeu fronte ao SC Bern, que finalmente se alzaría co título, en tres partidos.[7]

Fusión co GCK[editar | editar a fonte]

Logotipo do Grasshopper Club Zürich, que en 1997 fusionouse co Zürcher SC formando o ZSC Lions.

En 1997 o Zürcher Schlittschuh-Clubs fusionouse coa sección de hóckey sobre xeo do Grasshopper Club Zürich (actualmente denominado GCK Lions), mudando o seu nome polo de ZSC Lions.[8] Malia a fusión co Grasshopper, o ZSC Lions non foi quen de conseguir ningún título nas seguintes tempadas.

Porén, na tempada 1999-00 o club de Zúric volvería á senda dos títulos ao conseguir o seu cuarto campionato de liga logo dunha tempada na que os Lions remataron na segunda posición da liga regular por detrás do HC Lugano cun rexistro de 26 vitorias, 4 empates, e 15 derrotas para un total de 56 puntos (11 puntos menos que o Lugano). Nos cuartos de final dos play-offs polo título os Lions se enfrontaron ao HC Davos (7º da liga regular), superando a eliminatoria en cinco partidos logo de gañar os dous primeiros e perder o terceiro por 2 goles a 3. Nas semifinais enfrontouse ao terceiro clasificado da liga regular, o EV Zug, que viña de xogar unha longa eliminatoria fronte aos Kloten Flyers que se decidiu no 7º partido, e ao que derrotou en catro partidos. Na final cruzouse co Lugano, que viña de gañar todas as eliminatorias sen ceder ningún partido. Malia que o Lugano comezou gañando o primeiro partido, os de Zúric gañaron os tres seguintes partidos, e aínda que o Lugano conseguiu manterse vivo na final logo de gañar o quinto partido na prórroga, os ZSC Lions se impuxeron no sexto partido por 4 goles a 3, alzándose co campionato despois de 39 anos sen gañar o título de liga.[9]

Champions Hockey League e Victoria Cup[editar | editar a fonte]

Na tempada 2008-09, os ZSC participaron na primeira edición da Champions Hockey League. Na fase de grupos, foi encadrado no grupo D xunto co HC Slavia Praha checo e o Linköpings HC sueco.[10] Os Lions clasificaronse para as semifinais cun rexistro de 3-1 e a primeira posición do seu grupo.[11] Nas semifinais cruzouse cos Espoo Blues finlandeses, aos que eliminou malia á derrota por 6 a 3 no primeiro partido disputado en Zúric, ao gañar por 4 goles a 1 no partido de volta disputado no Länsiauto-areena de Espoo ante 6.612 espectadores.[12][13] O partido de ida de final tivo lugar o 21 de xaneiro de 2009 no Magnitogorsk Arena, onde os Lions empataron a 2 goles co Metallurg Magnitogorsk ruso logo de ir gañando por 2 goles a 0 no primeiro tempo e recibir dous goles no último.[14] O partido de volta foi xogado o 28 de xaneiro de 2009 no Diners Club Arena de Rapperswil-Jona, onde os ZSC Lions gañaron por 5 goles a 0, gañando o Silver Stone Trophy.[15]

Coa súa vitoria na Champions Hockey League, os ZSC Lions cualificáronse para xogar fronte aos Chicago Blackhawks da National Hockey League na edición de 2009 da Victoria Cup. Xogada na casa dos Lions, os suízos derrotaron por 2 goles a 1 aos Blackhawks, gañando o trofeo.[16] Esta foi a primeira vez dende 1991 que os Blackhawks perderon fronte a un equipo de Europa.

Pavillón[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Hallenstadion.
Interior do Hallenstadion.

Entre 1930 e 1950, os ZSC Lions xogaron os seus partidos como local na pista de xeo Dolder.[8] Dende 1950 o equipo xoga os seus partidos como local no Hallenstadion de Zúric, un pavillón con capacidade para 11 200 espectadores situado no distrito de Oerlikon. O primeiro partido do club tivo lugar o 18 de novembro de 1950 e enfrontou ao daquela denominado Zürcher SC e ao EHC Arosa, finalizando o partido con empata e 5 goles. Entre xuño de 2004 e xullo de 2005 o pavillón experimentou unha profunda remodelación que custou 145 millóns de francos e que modernizou o pavillón dotándoo de infraestrutura para acoller eventos empresariais, deportivos e culturais.[17] Durante o tempo que o Hallenstadion permaneceu en obras, os ZSC Lions xogaron os seus partidos como local no achegado Stadiönli (tamén coñecido como KEBO).[8] O Hallenstadion conta cunha das medias de asistencia máis altas da competición.[18][19]

Tempada Liga regular Play-Off Play-Out Récord de asistencia Esgotado
2013-14 9 048 10 082 11 200 4x
2012-13 8 745 10 541 11 200 2x
2011-12 7 625 10 843 11 200 4x
2010-11 7 640 10 050 10 700
2009-10 7 749 8 948 9 963
2008-09 7 720 8 698 9 668
2007-08 6 314 10 385 10 700 4x
2006-07 6 287 10 182 10 660 1x
2005-06 8 540 6 625 10 046
2004-05 3 038 3 300 3 840 3x
2003-04 7 615 10 421 11 500 2x
2002-03 8 837 9 485 11 500 3x
2001-02 8 507 11 229 11 500 8x
2000-01 8 124 10 854 11 500 6x

Afección[editar | editar a fonte]

Seareiros do ZSC Lions na celebración do 80 aniversario do club.

O ZSC Lions é un dos clubs con maior apoio de Suíza. Na tempada 2021-22 foi o terceiro club suízo e cuarto europeo en rexistros de asistencia, reunindo a 8 020 persoas de media ao longo da tempada, só superado polo SC Bern (13 348) e o Fribourg-Gottéron (8 324).[20]

Personalidades[editar | editar a fonte]

Xogadores[editar | editar a fonte]

Capitáns[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa historia, os ZSC Lions tiveron 16 capitáns, 11 deles ostentando o posto en solitario. O primeiro capitán da historia do equipo de Zúric foi nomeado na tempada 1980-81, e foi o xogador nado en Arosa Lorenzo 'Lolo' Schmid. O xogador que máis tempo ocupou o posto de capitán na historia do equipo foi o suízo Mathias Seger, que ocupou o posto en solitario durante nove tempadas, e logo compartiu o posto con outros xogadores outras tres tempadas máis. Excepto o estadounidense Ron Wilson, todos os capitáns do equipo naceron en Suíza. Os diferentes xogadores que teñen sido capitáns do equipo ao longo da súa historia son:[21]

Capitáns dos ZSC Lions
Nome(s) Período
Lorenzo 'Lolo' Schmid 1980–84
Hans Schmid 1984–86
Roger Geiger 1986–88
Ron Wilson 1988–89
Ningún capitán 1989–91
Jiri Faic 1991–93
Christian Weber 1993–94
Bruno Vollmer 1994–97
Claudio Micheli 1997–00
Michel Zeiter 2000–02
Ningún capitán 2002-03
Capitáns dos ZSC Lions
Nome(s) Período
Mark Streit 2003-05
Mathias Seger 2005-14
Mathias Seger
Severin Blindenbacher
2014-15
Mathias Seger
Patrik Bärtschi
2015-16
Mathias Seger
Patrick Geering
2016-17
Patrick Geering 2017-

Blindenbacher, Bärtschi e Geering foron co-capitáns de Mathias Seger durante as tempadas 2014-15, 2015-16 e 2016-17 respectivamente.

Geering e Schäppi son os co-capitáns do equipo na tempada 2017-18.

Números retirados[editar | editar a fonte]

Números retirados dos ZSC Lions[22]
Xogador Posición Carreira nos Lions
15 Mathias Seger D 1999–2018[23]
21 Reto Sturzenegger D 1984–1988[24]
23 Chad Silver F 1998–1999[25]
31 Ari Sulander P 1998–2012[26]

Presidentes[editar | editar a fonte]

Dende a fundación do equipo en 1930, 17 persoas sucedéronse no posto de presidente do ZSC. O primeiro presidente foi Max Reutter, que estivo no cargo en dous períodos, o primeiro deles dende a fundación do club ata a tempada 1942-43, e posteriormente durante as tempadas 1948-49 e 1949-50. Na tempada 1997-98 Walter Frey asumiu o cargo e en 2022 continuaba presidindo a entidade suíza, converténdose deste xeito na persoa que máis tempo permaneceu na presidencia na nos case 100 anos de historia do equipo de Zúric. Os presidentes dos ZSC Lions ao longo da súa historia foron os seguintes:[27]

Presidentes dos CZS Lions
Presidentes Inicio Fin
Max Reutter 1930 1942-43
Karl Müller 1943-44 1947-48
Max Reutter 1948-49 1949-50
Ruedi Vilim 1950-51 1951-52
Otto Ernst 1952-53
Hans Waldburger 1953-54 1956-57
Max Thierstein 1957-58 1959-60
Max Baumgartner 1960-61 1961-62
Fritz Arzethauser 1962-63 1966-67
Walter Kleiner 1967-68 1968-69
Alfred Duttweiler 1969-70
Walter Laetsch 1970-71 1972-73
Ernst Ruth 1973-74 1975-76
Edwin Naegeli 1976-77 1977-78
Andreas von Albertini 1978-79
Alfred Duttweiler 1979-80 1987-88
Pepe Wiss 1988-89 1992-93
Bernd Böhme 1994-95 1996-97
Walter Frey 1997-98 No cargo

Equipo feminino[editar | editar a fonte]

Artigo principal: ZSC Lions Frauen.

Na tempada 1982-83 creouse o equipo feminino do club baixo o nome "ZSC ASTENA". Posteriormente pasaron a denominarse durante moitos anos "ZSC Cosmos". En 2011 o equipo gañou por primeira vez o liga suíza, título que alzaron posteriormente noutras seis ocasións, a última delas en 2022.[28][29]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. eurohockey.com (ed.). "ZSC Lions" (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  2. hockeyarenas.net (ed.). "Hallenstadion" (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 lions-nachwuchs.ch (ed.). "ZSC Lions" (en alemán). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  4. sports-reference.com (ed.). "Heini Lohrer" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2011. Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  5. Spengler Cup (ed.). "THE WINNERS OF THE PAST 87 YEARS" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2014. Consultado o 29 de xuño de 2014.  Arquivado 13 de outubro de 2014 en Wayback Machine.
  6. hockeyarenas.net (ed.). "ZSC Lions stats" (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  7. hockeyarchives.info (ed.). "Championnat de Suisse 1991/92" (en francés). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Champions Hockey League (ed.). "ZSC Lions Zurich" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2014. Consultado o 30 de xuño de 2014.  Arquivado 01 de xullo de 2014 en Wayback Machine.
  9. hockeyarchives.info (ed.). "Championnat de Suisse 1999/2000" (en francés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  10. IIHF, ed. (25 de abril de 2008). "Champions Hockey League groups drawn" (en inglés). Archived from the original on 11 de maio de 2008. Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  11. passionhockey.com (ed.). "Champions Hockey League 2008/09" (en francés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  12. passionhockey.com (ed.). "Zurich SC Lions - Blues Espoo (10 décembre 2008)" (en francés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  13. passionhockey.com (ed.). "Blues Espoo - Zurich SC Lions (7 janvier 2009)" (en francés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  14. "Game Summary" (PDF) (en inglés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  15. "Game Summary" (PDF) (en inglés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  16. ESPN.com, ed. (29 de setembro de 2009). "Blackhawks suffer first loss to European club since '91" (en inglés). Consultado o 30 de xuño de 2014. 
  17. zsclions.ch (ed.). "Übersicht" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2015. Consultado o 29 de xuño de 2014.  Arquivado 30 de maio de 2015 en Wayback Machine.
  18. swiss-icehockey.ch (ed.). "STATISTIK" (en alemán). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  19. hockeyfans.ch (ed.). "Statistiken ZSC Lions" (en alemán). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  20. "Euro Attendance - 2021/2022" (en inglés). EHC. Consultado o 8 de setembro de 2022. 
  21. "TEAM CAPTAINCY HISTORY - ZSC" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 26 de outubro de 2017. 
  22. "ZSC LIONS" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 26 de outubro de 2017. 
  23. eliteprospects.com (ed.). "MATHIAS SEGER" (en inglés). Consultado o 8 de setembro de 2022. 
  24. eliteprospects.com (ed.). "RETO STURZENEGGER" (en inglés). Consultado o 26 de outubro de 2017. 
  25. eliteprospects.com (ed.). "CHAD SILVER" (en inglés). Consultado o 26 de outubro de 2017. 
  26. eliteprospects.com (ed.). "ARI SULANDER" (en inglés). Consultado o 29 de xuño de 2014. 
  27. "PRÄSIDENTEN" (en alemán). ZSCLions.ch. Consultado o 8 de setembro de 2022. 
  28. "GESCHICHTE DER LIONS-FRAUEN" (en alemán). ZSCLions.ch. Consultado o 8 de setembro de 2022. 
  29. "PALMARES" (en alemán). ZSCLions.ch. Consultado o 8 de setembro de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]