Straight edge

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O straight edge é un movemento contracultural ou estilo de vida nacido dentro da escena punk, en concreto dentro do Hardcore, a comezos da década de 1980 nos Estados Unidos. Este movemento caracterízase pola defensa dunha actitude vital positiva e construtiva dentro do movemento punk, rexeitando prácticas consideradas como autodestructivas e negativas tales coma o consumo de drogas (incluídas as legais coma o alcol e o tabaco) e a promiscuidade sexual. A partir destes postulados tamén se relacionou fortemente con outros movementos coma o vexetarianismo ou o veganismo ata tal punto que unha parte dos Straight Edge consideran o veganismo coma un elemento definidor máis do movemento (o denominado Vegan Straight Edge).

O termo ten as súas orixes na canción Straight Edge de Minor Threat, banda de Washington DC considerada coma unha das iniciadoras do movemento.

Principios básicos[editar | editar a fonte]

Varias son as ideas centrais en torno as cales se organiza o movemento. A máis importante e da cal se parte é a de reformular a idea do punk como reacción ante os principios e valores sociais dominantes. Xa non valía a opción de refuxiarse nos paraísos artificiais para fuxir da sociedade (iso era algo propio de hippies, nin de caer no cinismo de afirmar que o consumo de drogas é un acto revolucionario, tratábase de acadar a verdadeira liberdade individual sendo crítico cos costumes sociais establecidos, os medios de comunicación de masas e as pautas de consumo, había que desenvolver todo o potencial das persoas vivindo de maneira sa e positiva na cultura punk.

Deste xeito o Straight Edge enfatiza nun enfoque positivo da mocidade, a amizade, o traballo e o esforzo por acadar uns obxectivos para toda a sociedade, ou a participación nun proxecto común: a escena hardcore (ou se se prefire, o movemento punk, ou a subcultura punk). Este enfoque positivo é herdeiro da positive mental attitude (PMA, actitude mental positiva) promovida polos Bad Brains.

En relación con todo isto o Straight Edge aposta polo non consumo de drogas (nos casos máis extremos fálase mesmo do café). Só as mentes despertas e conscientes poden transformar o mundo e as drogas alteran precisamente esa consciencia. Desde esta perspectiva, as drogas serían un mecanismo máis dos poderes establecidos para manter as masas sometidas.

As relacións humanas deben basearse no respecto. Por iso son condenadas as relacións promiscuas, por non se respectaren as persoas en tanto que tal, senón como meros obxectos de pracer. Considérase que este tipo de relacións acaban luxando as relacións humanas e contribúen a infravalorar ás persoas.

Por último, aínda que non sempre ou non todas as persoas dentro do Straight Edge o consideren como parte integrante del, hai un posicionamento favorábel ao vexetarianismo e o veganismo. Considérase que, ao igual que o sexismo ou o racismo, o especismo está inxustificado e que os dereitos animais deben ser respectados. Desta maneira deféndese o non consumo de carne nin de produtos derivados de animais (ou produtos testados en animais). Por iso abrázanse posturas ecoloxistas e próximas ás organizacións de liberación animal.

Orixes[editar | editar a fonte]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

En boa medida o Straight Edge nace coma reacción ao estereotipo de punk, ou da do rockeiro en xeral, caracterizado polo consumo excesivo ou adicción ás drogas e desmotivado e inactivo. Fronte ás prácticas consideradas como autodestrutivas e negativas dos punks anteriores coa súa filosofía do no future, os Straight Edge preconizaban un cambio de actitude procurando unha participación no movemento punk que procurase unha maior acción na construción de alternativas sociais. Non se trataba de rexeitar a sociedade para estar simplemente á marxe dela, senón de construír un novo modelo de sociedade.

A finais dos 70 e comezos dos 80 nas grandes cidades do Leste dos Estados Unidos abundaban exemplos de este tipo de punks "autodestrutivos". Na escena de Washington DC, cidade na que naceu o Straight Edge, moitas persoas envolvidas no punk acabaron enganchadas á heroína ou a outras substancias e axiña comezaron a producirse mortes por sobredose. Estes feitos habían de producir un forte efecto sobre algúns dos membros máis novos da escena hardcore punk, que comezaron a rexeitar esta actitude, considerándoa cínica, destrutiva e nihilista.

Ademais, hai que destacar algúns antecedentes de actitudes que adiantan os principios do Straight Edge. Algúns grupos xa fixeran en certa maneira unha crítica dalgúns dos aspectos nos que incidirían posteriormente aqueles: The Modern Lovers a mediados dos 70 con cancións coma "I'm Straight" e "She Cracked"[1] ou mesmo The Vibrators coa canción "Keep It Clean".

Nacemento e primeiros anos[editar | editar a fonte]

En primeiro lugar hai que destacar a influencia directa que tiveron os membros dos Bad Brains no nacemento do Straight Edge. Esta foi a banda máis influente da escena de Hardcore de Washington DC, converténdose nunha especie de padriños ou gurús do movemento na cidade. Algúns dos membros do grupo eran rastafaris e promoveron a positive mental attitude (ou simplemente PMA, actitude mental positiva) que, fronte a actitude destrutiva e nihilista da maioría dos punks, falaba de pensar en positivo para participar na escena. Entre os protexidos dos Bad Brains estaban algúns dos mozos que iniciaron o novo movemento.

Deste xeito, un círculo de mozos e mozas da escena en torno a bandas como Teen Idles e Minor Threat, comezaron a defender unha nova actitude vital dentro do punk, rexeitando o consumo de drogas e a promiscuidade nas relación persoais, e esforzándose por crear algo cunha actitude positiva e construtiva. Nacera o Straight Edge.

A primeira vez que o termo foi empregado como se di anteriormente foi na canción de Minor Threat, Straigt Edge, onde se expoñen algúns dos principios deste estilo de vida:

«I'm a person just like you / But I've got better things to do / Than sit around and fuck my head / Hang out with the living dead»

(Son unha persoa exactamente coma ti / Mais teño mellores cousas que facer / Que sentar por aí e foder a miña cabeza / Saíndo cos mortos viventes)

Pouco a pouco o movemento foi adquirindo a súa propia idiosincrasia. Un "X" tatuado, pintado ou marcado dalgún outro xeito no dorso da man (ou noutras partes do corpo) converteuse nun sinal que identificaba á xente envolta no movemento. As orixes deste símbolo son explicadas por Michael Azerrad no seu libro Our Band Could Be Your Life: Scenes from the American Indie Underground 1981-1991 (2002) a través de varias entrevistas. Resulta que cando os Teen Idles chegaron de xira a San Francisco, o propietario do local no que ían tocar decatouse de que eran menores de idade, polo que decidiu marcarlles un "X" negro e ben grande na man para que non lles vendesen alcol na barra. A idea gustoulle aos membros do grupo e de volta na capital propuxéronllela aos diferentes locais da cidade para que os menores de idade puideran entrar nos locais e gozasen dos concertos sen consumir alcohol. Desta maneira naceron os concertos all ages, para todas as idades, na que os menores tiñan o acceso permitido sempre que se marcaren as mans cun "X". Pouco despois o "X" xa era asociado con este estilo de vida.

Co tempo nos fanzines, carteis, etc. comezaron a estenderse diferentes formas de identificar ao Straight Edge. Así xXx (a súa orixe está na substitución feita polo batería de Minor Threat, Jeff Nelson, das tres estrelas da bandeira de Washington DC, por Xs[2]), sXe, hXc... eran indicadores de que se estaba a falar deste estilo de vida.

Nestes primeiros anos era habitual que bandas que fosen Straight Edge e bandas que non o fosen tocasen nos mesmos concertos, mas a cousa mudou algo coa radicalización dalgúns grupos de Straight Edge que en certa maneira creou algunha división dentro do Hardcore[3].

A comezos dos 80 este novo estilo de vida estendeuse con moita rapidez por toda a costa Leste dos Estados Unidos, mais tamén pola costa Oeste. O principal foco foi Washington DC con bandas como Minor Threat, State of Alert (S.O.A.), Government Issue ou Teen Idles, mas tamén destacou Boston, onde adquiriu un carácter máis dogmático e militante, con bandas como SSD, DYS ou Negative FX; ou New York. No Leste estaban os 7 Seconds de Reno ou en California America's Hardcore (A.H.C.), Stalag 13, Justice League ou Uniform Choice.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Xusto cando a primeira vaga de bandas da xeración Hardcore comezaba a decaer, apareceu unha xeración nova de bandas en New York que conformaron a denominada youth crew, a cal estaría formada por, entre outras bandas, Gorilla Biscuits, Judge, Bold, Youth of Today, Chain Of Strength, Sick of It All ou Slapshot, e que abrazaron, na maior parte dos casos, o Straight Edge. Así mesmo, foi esta xeración a que introciu os principios do vexetarianismo/veganismo. A canción de Youth of Today, No More adoita ser considerada coma a primeira en tratar estas temáticas: Meat-eating, flesh-eating, think about it. So callous this crime we commit. Co tempo converteuse nun principio ou idea importante dentro do movemento, sobre todo nos 90, consolidándose o denominada Vegan Straight Edge.

Chegados a esta altura, o Straight Edge xa estaba consolidado como actitude e, case sempre, relacionábase cunha actitude militante por parte dos seus seguidores que, nalgúns casos, chegaba a posturas coma as da escena de Boston dos primeiros anos amosando intransixencia e certo fundamentalismo. Estes factores levaron a que algúns Straight Edge da primeira fornada, coma no caso do cantante e letrista de Minor Threat, Ian Mckaye, renegasen varias veces do Straight Edge en entrevistas. En relación con estas posturas extremistas estaría a hard line que sería a postura máis belixerante e que chega a ser hostil cara as persoas que non comungan cos ideais Straight Edge.

Nos 90, por tanto, existiu unha radicalización do movemento acompañada dun certo sectarismo con respecto ao resto do Hardcore ou do punk en xeral. Estas características iranse diluíndo cara finais do século e coa chegada do ano 2000 as tendencias extremistas convertéronse en algo marxinal, ao tempo que o straight edge se integrou completamente no resto da escena.

Tendencias[editar | editar a fonte]

Vegan straight edge[editar | editar a fonte]

Vencellado á youth crew e en concreto a Youth of Today, como introdutores do tema do vexetarianismo, veganismo e liberación animal, este movemento fíxose forte a mediados dos 90 con bandas militantes relacionadas co Frente de Liberación Animal coma Earth Crisis, que defendían o respecto dos dereitos animais.

Defende unha ética ecoloxista que respecta os dereitos dos animais. Esta tendencia defende manter unha actitude coherente con estes postulados non comendo carne, nin derivados (ovos, leite), e non utilizar coiros, peles, produtos testados en animais (champús, cosméticos), etc.

A hard line[editar | editar a fonte]

Está constituída polas interpretacións máis extremistas do Straight Edge e, aínda que minoritaria e reducida no espazo xeográfico a escenas locais moi concretas, tivo certo éxito e repercusión nos anos 90. Esta tendencia apostaba por unha postura de confrontación chegando mesmo a ser hostil cara aquelas persoas que bebesen, fumasen, etc. Estas posturas intransixentes e intolerantes perderon moito pulo xa desde finais dos anos 90.

Tendencias relixiosas (Hare Krishna, Cristianismo)[editar | editar a fonte]

Toda esta interpretación da realidade do movemento Straight Edge, nalgúns casos tan puritanista ou moralista, levou a que se vencellara con algunhas correntes relixiosas.

A relación co Hare Krishna prodúcese xa nos anos 80 vencellada á escena de New York, onde Ray Cappo, cantante dos Youth of Today, se converteu nun dos seus maiores expoñentes e propagandistas, sobre todo co seu grupo Shelter. A súa difusión nos anos 90 fixo que se comezase a falar de Krishnacore, sendo o propio Cappo un dos seus principais difusores xunto co selo discográfico Equal Vision Recordings.

As relixións orientais coma o hinduísmo ou o budismo, coa súa espiritualidade e ética tan afín en moitos dos seus aspecto co Straight Edge, tiveron certa influencia dentro do movemento.

Pola súa parte o cristianismo tamén chegou a ter unha boa relación co movemento. En primeiro lugar, aínda que non chegase a haber unha militancia cristiá dentro da escena de Washington DC, si que houbo unha boa relación permitindo algunhas igrexas locais a celebración de concertos ou outras actividades nalgunhas das súas instalacións. Os sacerdotes vían unha influencia positiva do Straight Edge sobre a mocidade ao inculcarlles valores positivos que os afastaban das drogas, o alcol, a violencia ou a promiscuidade.

Por outro lado tamén existiron casos nos anos 90 de militantes cristiáns que se involucraron dentro do Straight Edge. O hardcore cristián adquiriu certa importancia co selo norteamericano Tooth & Nail Records. A partir do ano 2000 tamén estaban na Alemaña o movemento Jesus Freaks ('Os loucos de Xesús') ou nos Estados Unidos bandas dos selos Facedown Records ou Strike First Records.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ver declaracións de Henry Rollins e Ian MacKaye no libro de Michael Azerrad Our Band Could Be Your Life: Scenes from the American Indie Underground 1981–1991. 2002, Back Bay Books. ISBN 0-316-78753-1
  2. http://sleevage.com/minor-threat-minor-threat/ visto o 19-3-2007.
  3. na obra de Ross Haenfler (2006) Straight Edge: Hardcore Punk, Clean Living

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Straight edge Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]