Tofu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tofu sedoso (Kinugoshi tōfu en xaponés)

O tofu (leite de soia callado) é un alimento oriental.

Os seus ingredientes son sementes de soia, auga e solidificante ou calleira. Prepárase callando “leite de soia” e o seu prensado posterior para separar a parte líquida da sólida, de xeito semellante como se fai o queixo a partir do leite. Ten unha textura firme semellante á do queixo, sabor delicado, cor branca crema e soe presentarse a xeito de cubos brancos.

O tofu orixinouse na China. A lenda chinesa describe que a súa invención foi feita polo príncipe Liu An (劉安, 179–122 a.C.). O tofu e a súa técnica de produción foi introducido na Corea e no Xapón durante o período Nara. Espallouse tamén por outras partes do leste asiático. É moi probábel que a súa difusión coincidise coa expansión do budismo, xa que é unha importante fonte de proteínas na dieta vexetariana do budismo asiático. Li Shizhen da dinastía Ming describe un método para facer tofu no Bencao Gangmu.

O tofu é baixo en calorías, con cantidades relativamente grandes de proteína e moi pouca graxa. É rico en ferro e dependiendo da calleira usada durante a súa manufacutra, pode tamén ter altos contidos de calcio e/ou magnesio.

O tofu emprégase acotío na cociña xaponesa, que lle deu sona en occidente, porén os seu uso está tamén moi espallado pola China e na cociña asiática en xeral.

Se se cociña con algunha especia o tofu colle o sabor da mesma, o que fai del un bo ingrediente para guisos e sopas especiais. Ningún produto animal intervén na súa elaboración, sendo por isto amplamente usado como substituto da carne polos vexetarianos.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A verba “tofu”, provén de tōfu (豆腐) en xaponés (pronunciación xaponesa: [ toː.ɸɯ ]).Que á súa vez deriva do chinés "tou-fu", composto polos caracteres de feixón e “callado” ou “fermentado” .

Produción[editar | editar a fonte]

O tofu obtense callando o leite de soia e prensando o callo obtido. Estes coagulantes consisten na adición dun sal non tóxico ao leite de soia, como o sulfato de calcio (xeso), é o sistema tradicional e produce un tofu tenro; ou cloruro de magnesio e cloruro de calcio, ambos os dous sales teñen un alto grao de solubilidade na auga e afectan á proteína de soia. Tamén se usan coagulantes acedos, coma o glicono delta-lactona (GDL).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tofu