Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume, comarca da cal é a súa capital. O seu xentilicio é eumés/eumesa. É un concello pequeno (29,3 km²) que en 2014 tiña unha poboación de 8 117 habitantes cunha alta densidade de poboación (277 hab./km²). Está situado no Golfo Ártabro, no fondo da ría de Ares. Limita ao norte coa ría de Ares e o concello de Cabanas, ao leste co concello de Monfero, ao sur cos concellos de Vilarmaior e Miño, e ao oeste coa ría de Betanzos. Pontedeume está nas proximidades das cidades da Coruña (38 Km) e Ferrol (18 Km), e preto de Betanzos (26 Km) e As Pontes (31 Km).

O nome do concello fai referencia á ponte sobre o Eume. Sobre o topónimo do río, o historiador Luís Monteagudo García considera que o término Eume deriva de Uma, xentilicio etrusco que designaría ao Procurator metallorum do val do Eume e a súa zona aurífera. É dicir, o topónimo viría do nome do procurador responsábel das extraccións auríferas no val do Eume, xa que, segundo algúns historiadores, o Eume era un río aurífero.

O 30 de decembro de 1270, Pontedeume obtivo a súa Carta-Póboa, que instaba aos veciños de Pruzos e Bezoucos a fundaren unha vila no lugar da Ponte Deume.

A vila de Pontedeume é unha das poucas poboacións galegas que conserva o seu centro histórico. As súas rúas e prazas manteñen moitos elementos tradicionais como os soportais, as casas con balcóns de madeira e galerías acristaladas, as fontes públicas e un gran número de edificios monumentais. Todo isto, unido a unha gran riqueza paisaxística e natural na súa contorna, fixo que en 1971 a comarca eumesa fose declarada Conxunto histórico e paraxe pintoresca. Pontedeume é un importante destino turístico, no seu territorio está un dos portais de acceso e o Centro de Interpretación do Parque Natural das Fragas do Eume. Por Pontedeume pasa o Camiño de Santiago, o Camiño Inglés.