Tamara de Lempicka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tamara de Lempicka.

Tamara de Lempicka, nada co nome de Maria Górska en Varsovia o 16 de maio de 1898 e finada en Cuernavaca (México) o 18 de marzo de 1980, foi unha pintora polonesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nada no seo dunha familia da alta burguesía, estudou nun internado en Lausana (Suíza), en 1914 marcha a vivir a San Petersburgo cunha súa tía. En 1916 casou cun avogado chamado Tadeusz Lempicki en San Petersburgo, Russia. En decembro de 1917, durante a Revolución rusa, os bolxeviques deteñen ao seu marido, pero ela consigue que o poñan en liberdade e marchan a París, onde ela adopta o nome de Tamara de Lempicka. Estuda arte con Maurice Denis e André Lhote, comeza a expoñer a partir de 1923 e convértese nunha coñecida retratista, desenvolvendo un estilo propio, ás veces denominado cubismo brando, pero que se desenvolve dentro do Art Déco coas súas texturas e cores frías e duras, gusto pola sensualidade do corpo pero sometido á desintegración xeométrica por medio de círculos e triángulos.

Nas vésperas da Segunda Guerra Mundial, trasládase a Beverly Hills co seu segundo marido, Raoul Kuffner e entra en contacto coas grandes estrelas cinematográficas da época. En 1943 establécense en Nova York. Despois da morte do seu marido en 1962, Tamara trasládase a Houston e comeza a pintar nun novo estilo, que non foi ben recibido e non volveu expoñer máis nunca. En 1978 marchou a vivir a Cuernavaca, México, onde morreu en 1980.