Sushi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.
Sushi de diferentes clases

O sushi (, , 寿司[1] ou 壽司[2]?) é un prato de orixe xaponesa a base de arroz cocido aderezado con vinagre de arroz, azucre e sal. Este prato é un dos máis recoñecidos da gastronomía xaponesa e un dos máis populares internacionalmente.

Aínda que normalmente se asocia o sushi co peixe e o marisco, tamén pode levar verduras ou ovo. Ademais, os produtos frescos tradicionais que acompañan o arroz non teñen por que ir sempre crus. Inclúense tamén preparacións fervidas, fritidas ou marinadas.

O sushi prepárase tipicamente en unidades pequenas, aproximadamente do tamaño dun bocado e poden adoptar diversas formas. Sérvense o peixe e o arroz enrodelados nunha folla de alga nori, e a iso chámaselle maki (rolo). Se se trata dunha especie de albóndega de arroz cuberta polo peixe falamos de nigiri. Cando o peixe se presenta embutido nunha pequena bolsa de tōfu fritido denomínase inari. Tamén pode servirse unha cunca de arroz para sushi con anacos de peixe e outros ingredientes por riba: entón chámaselle chirashi.

Fóra de Xapón o nome sushi designa só as variedades máis habituais, coma o makizushi ou o nigirizushi; curiosamente é frecuente que se faga extensivo ó sashimi, un prato a base de peixe cru pero sen arroz.

Os xaponeses aconsellan comelo con paíños ou cubertos de madeira, ou directamente coa man. Debe evitarse o uso de utensilios metálicos, xa que alterarían o sabor da comida.

Índice

[editar] Etimoloxía

O nome xaponés sushi escríbese con kanji (caracteres de orixe chinesa) debido a que orixinalmente era un antergo prato chinés. O kanji 鮨 está voncellado co "adobo de peixe salgado". A primeira mención de 鮨 apareceu no antigo dicionario Erya (爾雅), escrito entre os séculos IV adC e III adC Nela explícase que "魚謂之鮨 肉謂之醢", traducido como "aqueles feitos con peixe (son chamados) 鮨, aqueles feitos con carne (son chamados) 醢". O 醢 é un mollo feito de porco picado e o 鮨 é un mollo feito de peixe picado. Crese que o caracter 鮨 debe ter unha orixe máis temperá no entando que o caracter 鮨 non está vencellado co arroz.

Cinco séculos despois, no século II, outro caracter comezou a ser empregado para referirse ao sushi 鮓, aparecendo noutro dicionario chinés que dicía: "鮓滓也 以塩米醸之加葅 熟而食之也", traducido como "鮓滓 é unha comida onde o peixe é sazonado con arroz e sal e que se come cando está listo". Esta comida crese que é semellante ao narezushi ou ao funazushi, no que o peixe fermenta durante longo tempo xunto co arroz e cómese tras separalo do arroz.

No século III, o significado dos dous caracteres confundiuse e durante un tempo cando os dous caracteres foron implantados no Xapón, os mesmos chineses non eran quen de diferencialos. Os chineses deixaron de empregar o arroz como parte do proceso de fermentación e deixaron de comer peixe adobado. Durante a dinastía Ming, tanto 鮨 como 鮓 desapareceron da gastronomía de China.

[editar] Como comer o sushi

Os elementos básicos no intre de consumir sushi son: un prato, hashi (ou paíños de madeira), hashioki (ou pousa-paus), wasabi e gari (ou xenxibre curtido).

  • Os xaponeses aconsellan comelo con paíños ou cubertos de madeira, ou directamente coa man; mais cómpre evitar o uso de utensilios metálicos como garfos, culleres ou pinzas, xa que os mesmos alterarían o sabor da comida.
  • Para comezar baléirase unha cantidade de salsa de soia nunha pequena cunca. Logo tómase un pouco de wasabi cun paíño e dilúese na salsa de soia.
  • Despois tómase unha peza de sushi cos paíños e mergúllase dentro da salsa de soia lixeiramente, mais sen mollalo polo lado do arroz, para non descompoñer a peza.
  • Levar a peza completa á boca e comela dunha vez.
  • Cando non se estean empregando os paus, déixanse sobre o hashi-oki ou sobre o prato.
  • Non se considera de boa educación dar comida a outro comensal cos mesmos paus, así coma xogar con eles, mantelos separados, pinchar na comida, ou movelos polo aire.
  • Entre bocado e bocado pódese comer anacos de gari, que axuda a limpar o padal dos sabores.
  • Débese tratar de deixar o prato completamente limpo de alimento, especialmente de arroz.
  • Asemade non se debe comer wasabi en gran cantidade xa que é moi picante.

[editar] Presentación

Preparación do sushi nun sushi bar, xunto co kaitenzushi movendo os pratos

Existen restaurantes especializados en sushi chamados kaiten zushi (回転寿司, tren de sushi ou cinta transporadora de sushi), transportan o sushi ao longo dunha barra, sendo este o xeito máis corrente de amosar este prato, tanto no Occidente coma no Xapón; os clientes van tomando os pratos como desexen. Cada prato da barra está codificado con cores e cada cor denota o prezo do sushi; ao final, cando se paga, a conta realízase con base na cantidade total de pratos que o cliente tome.

No Xapón tradicionalmente adoita preferirse comer no intre da preparación. Sérvese o sushi en pratos de madeira ou laca de estilo minimalista xaponés, xeométricos e cun ou dous tons de cores, mantendo a estética da gastronomía xaponesa. Moitos restaurantes pequenos de sushi actualmente non usan pratos, o sushi é inxerido directamente do mostrador de madeira, tomándoo coa man.

Tamén o sushi é apto como comida de picnic; é frecuente que os restaurantes especializados preparen caixas bentō (shōkadō bentō, 松花堂弁当) para levar.

[editar] Utensilios para preparar

Makiyakinabe

Para preparar o sushi, independente do estilo, necesítanse varios utensilios de cociña xaponeses:

Fukin (布巾)
trapo de cociña.
Hangiri (半切)
odre de madeira de ciprés para arrefriar o arroz.
Hocho (包丁)
coitelo de cociña especial para cortar o sushi e filetear o peixe.
Makisu (巻き簀)
esteira de bambú.
Ryoribashi (料理箸)
paíños de cociña.
Shamoji (しゃもじ)
paleta de madeira para o arroz.
Makiyakinabe (巻き焼き鍋 o まきやきなべ) ou tamagoyakiki (玉子焼き器 o たまごやきき)
tixola de tamagoyaki rectangular ou cadrada (depende do estilo).
Saibashi
paíños de madeira para cociñar.

[editar] Varidedades

  • Nigiri ou Nigirizushi - Normalmente fóra de Xapón Sushi significa Nigirizushi, en Xapón tamén se chama Edomaezushi.
  • Makizushi
  • Inarizushi
  • Chirashizushi - É sushi caseira.
  • Oshizushi
  • Narezushi
    • Funazushi
    • Sabazushi

[editar] Galería de imaxes

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre:

[editar] Notas

  1. Esta escritura é un ateji, é dicir, os caracteres teñen un valor fonético, mais non semántico.
  2. Versión tradicional ou arcaica de 寿司.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas