Revolución urbana
Revolución urbana é un termo que se emprega para designar diferentes momentos históricos nos que as cidades naceron ou se espallaron.
Índice |
O nacemento da cidade [editar]
En primeiro lugar foi empregado por Vere Gordon Childe, que acuñara tamén o concepto de revolución neolítica, para designar o nacemento, xunto cos núcleos urbanos, da civilización e a historia no denominado Crecente fértil do Oriente Medio: as cidades sumerias e asirias de Mesopotamia, as hititas, as da franxa do Levante mediterráneo -Siria, Fenicia e Palestina ou Israel- e as do Antigo Exipto). As civilizacións da India e China desenvolveríanse, tamén na Idade Antiga, dun xeito paralelo. Posteriormente, na América precolombina producíronse revolucións urbanas endóxenas.
Decadencia e rexurdimento da cidade en Europa [editar]
A decadencia das cidades europeas, incluíndo a propia Roma, prodúcese a partir da crise do século III e se profundiza nos períodos seguintes: a Antigüidade tardía e a Alta Idade Media. A recuperación da vida urbana na Baixa Idade Media, así como a súa extensión ao norte, centro e leste de Europa, pódese denominar tamén unha revolución urbana. Porén, durante o período no que a cristiandade latina estaba ruralizada, a civilización islámica xurdiu e desenvolveuse, acollendo as maiores cidades da época: Damasco, Bagdad e Córdoba; mentres que o Imperio Bizantino mantiña Constantinopla.
Idade Moderna e Idade Contemporánea [editar]
A expansión do capitalismo comercial a partir da Era dos Descubrimentos e do capitalismo industrial a partir da Revolución Industrial supuxeron dúas novas fases de expansión das cidades. Só trala revolución agrícola e o establecemento dunha sociedade industrial é posible que a maioría da poboación poida vivir en cidades, falando en termos de poboación nacional dun país (taxa de urbanización). Para a poboación do mundo non seu conxunto, o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA) calculou que no 2008 acadouse un 50% de poboación rural e un 50% de poboación urbana (3.300 millóns cada unha), e só a partir de entón a maior parte da poboación mundial vive en cidades.[1] Mentres que os países desenvolvidos sufriron esa transformación no século XIX e a primeira metade do XX (Inglaterra dende o século XVIII, España non de forma definitiva ata os anos 1960), a maior parte do crecemento da poboación urbana nos últimos cincuenta anos produciuse nos países subdesenvolvidos, tanto nos que o seguen sendo como os que pasaron a ser novos países industrializados (NIC). O caso do país máis poboado do mundo (China, 1300 millóns de habitantes) é especialmente significativo:
Se a finais do século XIX as maiores cidades do mundo eran Londres e París, e na primeira metade do XX engadíronselles Nova York e Tokio, nos seguintes cincuenta anos as megacidades emerxentes pasaron a ser cidades de países dun nivel de desenvolvemento moito menor, como Seúl, Cidade de México, Bombai, Iacarta, Sao Paulo, Shanghai, Bos Aires, O Cairo, Manila ou Lagos. De feito, o tamaño dunha cidade deixou de ser un elemento determinante para medir a súa importancia global, acudíndose a criterios máis cualitativos como os utilizados no estudo das cidades globais.
Sinalouse a conexión da revolución urbana co fenómeno da globalización, que historicamente tivo distintas escalas, e a súa relación con outros factores ligados a ela: tecnolóxicos, económicos, políticos, sociais e culturais.[3]
Notas [editar]
- ↑ El 50% de población vive en las ciudades El Mundo (El Salvador), 27.06.2007
- ↑ Peter Hessler China, el corazón del dragón, en National Geographic, edición de España, agosto de 2008, pg. 117
- ↑ F. Ascher (2003) Nuevos principios de urbanismo, Alianza Ed., Madrid; citado por Jordi BorjaLa Revolución Urbana (I). Las ciudades ante la globalización: entre la sumisión y la resistencia, Domus nº 866, enero 2004 y Revue Urbanisme, nº 339, noviembre-diciembre 2004, pags.44-47