René Robert Cavelier de La Salle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cavelier de la Salle

René Robert Cavelier de La Salle, nado en Ruán o 22 de novembro de 1643 e finado o 19 de marzo de 1687 ao sur da entón colonia francesa de Luisiana, preto de onde actualmente se atopa a cidade de Navasota, no estado americano de Texas, foi un explorador francés de sona, dadas as súas incursións en América do Norte onde percorreu a rexión dos Grandes Lagos dos Estados Unidos e de Canadá, despois o río Mississippi, explorando os territorios situados entre a rexión de Quebec e o delta do Mississippi.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xesuíta[editar | editar a fonte]

Foi novicio na Compañía de Jesús, na que formula os seus votos en 1660. Dentro da Compañía exerceu a docencia pero posteriormente renunciou aos seus votos, o que lle foi concedido o 27 de marzo de 1667.

Primeira viaxe[editar | editar a fonte]

Inicia entón a súa primeira viaxe a América, desembarcando en 1667 en Nova Francia, concretamente en Montreal, onde o seu irmán Juan, párroco na Igrexa de Saint-Sulpice, chegara un ano antes. Ocupa unha leira no extremo occidental da Illa de Montreal e bautízaa como "A China", en referencia ao seu desexo de atopar unha ruta para ir a China.

En 1669, financia unha pequena expedición que explora os lagos Ontario e Erie. Chega ao río Ohio, pero non alcanza o Mississippi, que sería descuberto por Louis Jolliet en 1672. A expedición compúñase de cinco canoas e quince homes. O Pai Dollier de Casson e outros sete homes viaxaban con el en tres canoas suplementarias.

En 1674, establece o Forte Frontenac (actualmente Kingston) no lago Ontario, como primeiro elemento dunha empresa de comercio de peles de visón. O forte foi bautizado co nome do gobernador de Nova Francia, Louis de Baude de Frontenac. A continuación parte cara a Francia (1674-1675). Co apoio de Frontenac recibe non só a concesión para o comercio de peles xunto co permiso para instalar fortes fronteirizos, senón tamén un título nobiliaro.

Segunda viaxe[editar | editar a fonte]

Na viaxe de volta a Nova Francia acompáñalle Henri de Tonti, quen se unirá ás súas exploracións. O 7 de agosto de 1678, La Salle chega ao Forte Conti, preto das cataratas do Niágara a bordo do Le Griffo, o barco que construíran el e Tonti. foron os primeiros europeos en asucar os Grandes Lagos. A remo alcanzan o lago Erie e o lago Huron e volven río abaixo ata o lago Michigan.

O 1 de novembro de 1678, La Salle edifica o Forte Miami na desembocadura do río Miami, hoxe río Saint-Joseph (lago Michigan), e espera o regreso dun grupo dirixido por Tonti, que atravesa a península a pé. Tonti chega o 20 de novembro, e o 3 de decembro todo o grupo remonta o Saint-Joseph, ata alcanzar un porto no río Kankakee. Seguen o seu curso ata o río Illinois, onde emprazan o Forte Crèvecœur, preto da actual Peoria (Illinois).

La Salle parte entón cara ao Forte Frontenac para fornecerse. Mentres tanto, Louis Hennepin segue o río Illinois ata a súa unión co Mississippi, pero durante unha guerra entre sioux é feito prisioneiro e trasladado a Minnesota. Durante a ausencia de La Salle, os soldados de Forte Crèvecœur amotínanse e expulsan a Tonti, a quen La Salle deixara a cargo do forte. La Salle captura aos amotinados no lago Ontario e atopa a Tonti en Mackinaw.

Exploración do Mississippi[editar | editar a fonte]

La Salle prepara entón todo o necesario para unha nova expedición. Deixando en Forte Crèvecœur unha dotación de 23 franceses e 18 amerindios, chegan ao extremo sur do lago Michigan en 1680 e en 1682 descenden o Mississippi ata chegar ao Golfo de México. O 9 de abril toma posesión deste vasto territorio en nome de Francia e dálle o nome de Luisiana en honra do rei Luis XIV. Na desembocadura do Mississippi, preto da actual Venice en Luisiana, La Salle enterra un prato gravado e unha cruz reivindicando o territorio para Francia.

En 1683, durante a súa viaxe de volta, para substituír ao Forte Crèvecœur establece un novo forte en Starved Rock xunto ao río Illinois. Tonti queda a cargo do forte mentres que La Salle volve de novo a Francia a fin de reunir medios para unha nova expedición, co fin de instalar un posto comercial na desembocadura do río Mississippi e desenvolver un comercio de peles competidor ao dos xesuítas de Quebec.

Terceira viaxe[editar | editar a fonte]

É o rei de Francia Luis XIV, ao que España acaba de declararlle a guerra en outubro de 1683, o que achega os fondos necesarios para montar unha expedición co fin de asegurarse un mellor control de Francia sobre América do Norte, e tamén para vixiar as minas de prata de México que alimentan as caixas de Carlos II de España. Ao seu regreso en 1684, La Salle ostenta o título de Gobernador de Luisiana e encabeza unha gran expedición co fin de establecer unha colonia francesa no Golfo de México, na desembocadura do río Mississippi, composta de catro barcos e 300 colonos incluíndo militares. O Rei Sol concédelle o buque de guerra Joly e unha ampla barcaza —unha especie de pequena fragata— o Belle. Para transportar a estes colonos, soldados e a tripulación, sen contar a carga, La Salle debe alugar outros dous buques: a fragata Aimable e o ketch Saint-François.

A expedición padecerá ataques dos piratas, indios hostís e erros de navegación. O Saint-François pérdese fronte a corsarios españois nas Indias Occidentais, á altura de A Española. A expedición excede a desembocadura do Mississippi e continúa durante dúas semanas ao longo da costa cara ao oeste, chegando preto da baía de Matagorda, Texas. La Salle dáse conta do seu erro e decide facer escala na baía. O o momento da manobra para entrar na baía o Aimable encalla sobre un banco de area. Finalmente, os colonos establecen o Forte San Luís preto de Vitoria, en Texas. O Joly regresa a Francia, en marzo de 1685, unha vez desembarca a súa carga. A expedición conta entón só cun buque, a Belle.

La Salle continúa coa súa exploración, esta vez cara ao leste para intentar atopar o Mississippi. Desgraciadamente para el, está a máis de 600 km. do río. Nunha expedición, o seu último barco, o Belle, é atrapado nunha tempestade e encalla na baía de Matagorda en febreiro de 1686. Durante a terceira expedición a pé, os 36 homes que lle acompañaban amotínanse e el é asasinado o 19 de marzo de 1687 preto de Navasota.

A colonia perdurará só ata 1688, cando os indios karankawa masacran aos 20 adultos que seguían habitando o forte e toman a cinco nenos como cativos. Ao decatarse da noticia, en 1689 Tonti envía varias misións de procura, pero non se atopou a ningún sobrevivente. Henri Joutel que recollera a todos os colonos que quixeron seguirlle e levounos con el a Quebec, onde a maior parte deles quedaron.

La Salle hoxe[editar | editar a fonte]

O primeiro barco de La Salle, o Belle foi descuberto na Baía de Matagorda en 1995 e actualmente os seus restos son obxecto de estudo por parte dos arqueólogos (ver ligazóns externas).

O modelo de automóbil LaSalle, e moitos lugares foron nomeados na súa honra, como o distrito de LaSalle da cidade de Montreal, ou o Forte La Salle da Royal Military College of Canada en Kingston, Ontario, nomeado en 1913.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: René Robert Cavelier de La Salle

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Henri Joutel, Journal historique du dernier voyage que feu M. de La Sale fit dans le golfe de Mexique, pour trouver l'embouchure, & le cours de la riviere de Mississipi, nommée à present la riviere de Saint Loüis, qui traverse la Louisiane. Où l'on voit l'histoire tragique de sa mort, & plusieurs choses curieuses du Nouveau monde, Paris, E. Robinot, 1713 (en francés)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]