Raymond Henry Norweb Jr.

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un artigo sobre Raymond Henry Norweb (1918-1995); para o seu pai, con igual nome e apelidos, véxase Raymond Henry Norweb Sr.
Infotaula de personaRaymond Henry Norweb Jr.
Biografía
Nacemento19 de agosto de 1918.
París, Francia.
Morte6 de xuño de 1995.
(76 anos)
Boothbay Harbor, Maine.
Datos persoais
País de nacionalidadeEstadounidense.
EducaciónUniversidade Harvard.
Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts.
Actividade
Campo de traballoEmpresa, política e numismática.
OcupaciónEnxeñeiro, político e numismático.
Familia
CónxuxeElizabeth Gardner (1944).


Raymond Henry Norweb Jr., nado en París, Francia, o 19 de agosto de 1918 e finado en Boothbay Harbor, Maine, o 6 de xuño de 1995, foi un enxeñeiro, político e numismático estadounidense, presidente da American Numismatic Society de 1991 a 1994.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Raymond Henry Norweb Jr. naceu o 19 de agosto de 1916 nun refuxio nun soto de París durante un ataque aéreo o 19 de agosto de 1918, durante a primeira guerra mundial, fillo de Emery May Holden e de Raymond Henry Norweb Sr.[2] O seu pai estaba destinado alí como secretario do embaixador dos Estados Unidos en Francia.[3][4]

A profesión do seu pai fixo que a súa infancia transcorrese entre os Países Baixos e Suramérica, excepto entre 1921 e 1922, cando el e os seus irmáns quedaron ao coidado dun familiar nos EEUU durante a estadía dos seus pais no Xapón.[4]

Norweb concluíu en 1936 o ensino secundario na Milton Academy, de Milton, Massachusetts, e logo fixo os seus estudos superiores de Historia Americana na Universidade Harvard, onde se graduou en 1940.[2][3][4]

Entre 1940 e 1941 foi reporteiro do xornal Cleveland Plain Dealer.[2]

Servizo militar[editar | editar a fonte]

Henry Norweb alistouse ao exército estadounidense en 1941, durante a segunda guerra mundial, no corpo de Cabalaría. Pasou pola Escola de Formación de Oficiais de Monmouth, Nova Jersey, e logo completou a súa formación en Electrónica na Universidade Harvard e no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Despois foi destinado ao Mando de Defensa do Caribe. En 1943, foi oficial asistente de electricidade en terra na sección de sinais na zona da Canle de Panamá, e acadou o grao de capitán antes de se licenciar en 1946.[2][4]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Norweb contraeu matrimonio durante a guerra e, finalizada esta, asentouse coa súa esposa en Bratenahl, Cleveland, onde os seus pais tiñan o seu fogar.[4]

Entre 1946 e 1951 traballou como enxeñeiro electrónico e como comercial para a compañía WHK Radio de Cleveland, e en 1952 pasou a Enamel Products Co., na que estivo vinculado ata 1958,[2] ese último ano como director xeral.[4]

Desde 1959 ata a súa xubilación en 1983, Norweb foi o primeiro director executivo do Holden Arboretum,[3] fundado en 1931 polo seu avó, Albert Holden, e baixo a súa dirección ampliou a súa superficie a máis de 1.200 hectáreas e pasou a ser o maior arboreto e un dos maiores xardíns botánicos dos Estados Unidos.[4]

Polos seus traballos no Holden Arboretum, en 1983 recibiu a Mención Profesional da Sociedade Americana de Horticultura e a medalla de ouro da Sociedade de Horticultura de Massachusetts. No mesmo ámbito profesional, foi director da Asociación Americana de Xardíns Botánicos e Arboretos, e foi presidente de varias entidades, como o Consello de Bibliotecas de Botánica e Horticultura, o Comité de Visitas dos Xardíns Longwood de Filadelfia e o Comité de Visitas do Arnold Arboretum, da Universidade Harvard. Así mesmo, foi membro da Real Sociedade de Horticultura de Inglaterra.[4]

Carreira política[editar | editar a fonte]

R. Henry Norweb foi escollido para ocupar o cargo de concelleiro en Bratenahl, logo da dimisión do titular anterior en 1949. Foi membro da corporación municipal durante sete anos, de 1950 a 1955, e en novembro deste último ano foi elixido como sétimo alcalde de Bratenahl,[2] cargo que ocupou durante un mandato, de 1956 a 1957.[4]

Dedicación á numismática[editar | editar a fonte]

A marxe dos seus labores profesionais, a principal afección de Norweb foi a numismática, unha paixón herdada dos seus pais. Como coleccionista, centrou a súa atención na moeda hispanoamericana e brasileira.[3][4]

No ámbito numismático, Norweb estivo moi vinculado á American Numismatic Society (ANS), entidade na que ingresou en 1956 e da que foi nomeado membro de pleno dereito (fellow) en 1975. Nesta sociedade ocupou varios postos de dirección, entre eles o de secretario en 1966,[5] logo vicepresidente (1984-1990),[6] e posteriormente presidente (1990-1994).[3][4][7]

Ademais da ANS, Norweb foi membro doutras entidades nomismáticas, como a American Numismatic Association, a Sociedade Numismática dos Estados Centrais e a Sociedade Numismática Brasilera.[3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Raymond Henry Norweb Jr. casou o 11 de setembro de 1944 con Elizabeth Gardner (1917-2007),[8] en Orono, Maine. O matrimonio tivo tres fillos:[2] Raymond Henry III (nado en 1947), Emery May (en 1949) e Constance Elizabeth en 1952).[4]

Norweb finou aos 76 anos o 6 de xuño de 1995 como consecuencia das feridas sufridas nunha caída na súa casa en Boothbay Harbor, Maine,[2] e foi soterrado no cemiterio Lake View, de Cleveland.[4][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Portrait photograph of R. Henry Norweb, Jr.". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Smith, P. (2012).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Norweb, R. Henry, 1918-1995". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 "R. Henry Norweb Jr. - Seventh Mayor of Bratenahl". Bratenahl Historical Society (Bratenahlhistorical.org).
  5. "Secretaries of the American Numismatic Society". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  6. "Vice-Presidents of the American Numismatic Society". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  7. "Presidents and Chairmen of the American Numismatic Society". American Numismatic Society (Numismatics.org).
  8. "Elizabeth “Libby” Gardner Norweb". Findagrave.com
  9. "R. Henry Norweb Jr.". Findagrave.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]