Ralf Dahrendorf

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ralf Dahrendorf, 2003.

Ralf Gustav Dahrendorf, nado en Hamburgo o 1 de maio de 1929 e falecido en Colonia o 17 de xuño de 2009, foi un sociólogo, filósofo, politólogo e político xermano-inglés. Está considerado un dos creadores da Teoría do conflito social.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estuda filosofía, filoloxía clásica e socioloxía en Hamburgo entre 1947 e 1952, conseguindo o doutorado nesta universidade este último ano. Amplía seguidamente estudos na London School of Economics. Máis tarde se dedicará á docencia: en 1957 empeza na Universidade de Hamburgo; en 1960 vai á Universidade de Tubinga; en 1966 á de Constanza, onde estará ata 1969. Do seu labor destaca a súa aportación para a creación da Comunidade Europea. É autor de importantes traballos como Clases e conflitos de clases na sociedade industrial (1973), onde analiza os problemas da sociedade poscapitalista.

Entre 1974 e 1984 foi director da London School of Economics e entre 1987-1997 Decano de St. Anthony's College na Universidade de Oxford.

En 1993 foi nomeado sir co título de Barón Dahrendorf de Clare Market na Cidade de Westminster pola raiña Isabel II. En 2007 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais.

Teoría sociolóxica[editar | editar a fonte]

A partir do estudo das clases sociais descritas por Karl Marx os estudos de Dahrendorf promoven a creación de sociedades abertas e universalistas con dereitos humanos e civís para toda a humanidade.

Interesado nas teorías da sociedade o os factores do conflito, afirma que a tendencia ao conflito é innata no sistema: a aparición de grupos con poder xera diversos intereses, e polo tanto é o xerador dos conflitos. O poder para Dahrendorf determina a estrutura social da poboación. As normas, mantidas polo "poder", definen os criterios da desestabilización social, que non son máis que as cousas (valores, estatutos, ambicións...) designadas pola colectividade. Así contribúen a estabelecer unha orde xerárquica de estamentos sociais. Para Dahrendorf o concepto de "autoridade" tamén é un dos responsábeis dos desequilibrios sociais.

Para poder realizar a mobilización e a protesta social, Dahrendorf enumera catro requisitos básicos:

  • requisito técnico: un fundador, unha ideoloxía ou un estatuto.
  • requisito político: o liberalismo, a excepción do totalitarismo, favorece a protesta.
  • requisito social: a concentración xeográfica dos membros do grupo e a súa facilidade de comunicación.
  • requisito psicolóxico: os intereses a defender deben ser reais.

O conflito aparecerá, finalmente, entre o que dá ordes e o que as recibe.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Clases e conflitos de clases na sociedade industrial (1973).