Partido Socialdemócrata de Alemaña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Socialdemócrata de Alemaña
Sozialdemokratische Partei Deutschlands
Dirixentes e organización
LíderOlaf Scholz
MocidadesJusos
Filiación internacionalInternacional Socialista
Alianza Progresista
Historia
Fundación23 de maio de 1863
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialdemocracia
Terceira vía
Progresismo
Europeísmo
Socioliberalismo
Outros datos
SedeBerlín
PublicaciónVorwärts
Na rede
spd.de
Facebook: SPD Twitter: spdde Youtube: UCSmbK1WtpYn2sOGLvSSXkKw Editar o valor em Wikidata

O Partido Socialdemócrata de Alemaña (Sozialdemokratische Partei Deutschlands SPD) é un partido político alemán, un dos máis antigos do mundo aínda en existencia. Orixinouse no seo do movemento obreiro, e é un dos membros da Internacional Socialista. Na actualidade está dirixido por Olaf Scholz (chanceler de Alemaña dende 2021), e as mocidades do partido coñécense como Jusos. O SPD participou no goberno que presidía a líder da Unión Demócrata Cristiá de Alemaña Angela Merkel.

Historia[editar | editar a fonte]

O 23 de maio de 1863 Ferdinand Lassalle fundara a Asociación Xeral de Traballadores Alemáns (Allgemeiner Deutscher Arbeiterverein, ADAV) e en 1869 August Bebel e Wilhelm Liebknecht o Partido de Traballadores Socialdemócratas de Alemaña (Sozialdemokratische Arbeiterpartei, SDAP) que se xuntou co ADAV en 1875 para formar o Partido Socialista dos Traballadores Alemáns (Sozialistische Arbeiterpartei Deutschlands, SAPD) que en 1890 adoptou o nome actual.

Otto von Bismarck puxo o partido fóra da lei en 1878 polas súas posturas revolucionarias e polo seu republicanismo, aínda que o partido seguiu a presentar candidatos, como independentes, ás eleccións, converténdose no principal partido de Alemaña. En 1890 legalizouse de novo, nese ano contou nas eleccións xerais con 1.400.000 votos que lle deron 35 deputados no Reichstag, ademais contaba con 19 diarios e 41 semanarios, entre eles o seu órgano teórico Die Neue Zeit (1883-1923; 6.000 exemplares), contaba en 1905 con 400.000 afiliados. En 1912 converteuse na primeira forza do Parlamento alemán con 110 deputados sobre 409.

No congreso do SPD de 1891 adoptou o Programa de Erfurt, que substituía ao Programa de Gotha, elaborado por Karl Kautsky, Eduard Bernstein e August Bebel nun sentido revolucionario pero o partido asume que a transformación socialista da sociedade debe ser feita por un goberno lexitimado por unhas eleccións democráticas. Durante a primeira guerra mundial apoiou a participación de Alemaña na guerra, o que supuxo a saída en 1917 da súa á esquerda que formou o Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) e da Liga Espartaquista, esta última que deu orixe ao Partido Comunista de Alemaña (KPD) en 1918.

Tras a proclamación da república en Alemaña, o SPD converteuse en parte da coalición de Weimar e nun dos piares da propia República de Weimar, liderando boa parte dos gabinetes da república e en 1922 a maioría do USPD reintegrouse no SPD.

O 14 de xullo de 1933 o partido foi prohibido polas autoridades nazis, logo de ser o único partido que votara en contra da Lei de plenos poderes, que lle daba poderes extraconstitucionais ao goberno nazi. O SPD estableceu a súa sede xeral no exilio primeiro en Praga e logo en París e Londres.

Tras a fin da segunda guerra mundial o SPD volveu á normalidade na Alemaña Occidental, primeiro permaneceu na oposición e logo pasou ao goberno con Willy Brandt e Helmut Schmidt entre 1969 e 1982. No programa de Godesberg de 1959 o partido abandonou oficialmente o concepto de loita de clases e os principios marxistas e tras un período no que se opuxo á entrada na OTAN, converteuse nun dos seus principais valedores.
Na Alemaña Oriental obrigouse ao SPD e ao Partido Comunista de Alemaña a unificarse no Partido Socialista Unificado de Alemaña ata que tras a caída do réxime comunista en 1989 o SPD restableceu a súa propia organización que se uniu ao SPD da República Federal tras a unificación das dúas Alemañas en 1990.

Baixo o liderado de Gerhard Schröder venceu nas eleccións de setembro de 1998 e en coalición cos Verdes volveu ao goberno aplicando medidas moderadas consideradas neoliberais pola á esquerda do partido, o que provocou descontento nas súas bases, que foran diminuíndo dende 1.000.000 de militantes en 1976, 775.000 en 1998 e 600.000 en marzo de 2005.

En xaneiro de 2005 unha parte da á esquerda do partido marchou para formar o Partido do Traballo e a Xustiza Social (WASG) ao que se uniu Oskar Lafontaine, antigo presidente do SPD.

Nas eleccións federais de 2005 o SPD conseguiu o 38.4% dos votos e 145 escanos no Bundestag por detrás da coalición CDU-CSU, formando estes tres partidos un goberno de coalición baixo o liderado de Angela Merkel, co líder socialdemócrata Franz Müntefering como vicechanceler.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]