Portal:Música rock/Artigo destacado/agosto 2013

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A banda tocando no festival Primavera Sound 2007.

The Smashing Pumpkins é unha banda de rock alternativo estadounidense que destacou durante a década dos 90. Formouse no ano 1987 en Chicago e separouse no ano 2000. A súa formación clásica estivo composta por Billy Corgan (guitarra e voz), James Iha (guitarra), D'Arcy Wretzky (baixo) e Jimmy Chamberlin (batería). D'Arcy deixou o grupo en 1999 e foi substituída pola baixista canadense Melissa Auf der Maur, que proviña da banda Hole.

A principios do ano 2006 Billy Corgan e Jimmy Chamberlin volveron resucitar The Smashing Pumpkins e comezaron a gravar un novo traballo despois de seis anos de silencio. Este disco, titulado Zeitgeist, saíu o 6 de xullo de 2007 a través do selo Reprise Records. Billy Corgan e Jimmy Chamberlin contaron cos novos membros Jeff Schroeder (guitarra, vocais), Ginger Reyes (baixo, vocais) e Lisa Harriton (teclados, vocais) para a xira de divulgación do álbum Zeitgeist.

En marzo do ano 2009, Corgan anunciou que Chamberlin deixaba a banda, pero que el continuaría gravando e actuando usando o nome de The Smashing Pumpkins. Corgan recrutou ao batería Mike Byrne para reemprazalo. O grupo publicou o seu derradeiro traballo ata a data, Oceania, en xuño do ano 2012.

Renegando das raíces punk rock de moitas das bandas de rock alternativo da súa época, The Smashing Pumpkins ten un son diverso, denso e con guitarras pesadas, contendo elementos de rock gótico, heavy metal, dream pop, rock psicodélico, rock progresivo, shoegazing e, nas últimas gravacións, música electrónica.