Pleuronectes quadrituberculatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pleuronectes quadrituberculatus
Solla de Alasca
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
Xénero: Pleuronectes
Especie: P. quadrituberculatus
Nome binomial
Pleuronectes quadrituberculatus
Pallas, 1814

Pleuronectes quadrituberculatus Pallas, 1814 é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] unha das tres que integran actualmente o xénero Pleuronectes,[2] coñecida en galego como solla de Alasca.[3]

É un peixe plano de até 87 cm de lonxitude, mariño, demersal, que habita en augas da plataforma continental en fondos areosos de até os 600 metros de profundidade, no norte do océano Pacífico, desde o golfo de Alasca polo leste, o mar de Chukchi polo norte, até o mar do Xapón polo oeste.

Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, ten o corpo aplanado, asimétrico, e os dous ollos situados no mesmo lado, na cara pigmentada.

A solla de Alasca é obxecto dunha importante pesca comercial.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1814 polo naturalista alemán Peter Simon Pallas, que o bautizou co nome aínda hoxe válido Pleuronectes quadrituberculatus.[1]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de por este nome, a especie coñécese tamén polo sinónimo Pleuronectes pallasii Steindachner, 1879.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome específico, quadrituberculatus, está formado polo elemento prefixo latino quadri-, derivado de quattŭor, "catro", e o adxactivo do latín científico tuberculatus, -a -um, derivado do latín clásico tubercŭlum, diminutivo de tuber, "tumor", "vulto".
Literalmente: "de catro tubérculos".

Características[editar | editar a fonte]

A solla de Alasca pode alcanzar até 87 cm de lonxitude,[4] e os 3,5 kg de peso,[5] aínda que o tamaño medio dos espécimes apañados rolda os 36 cm.[5]

A aleta dorsal orixínase á altura do ollo superior, e ten de 63 a 74 raios. A anal, máis curta, está sustentada por de 47 a 55 raios. Ambas as dúas, pola parte posterior, chegan até o pedúnculo caudal.[6]

Presenta cinco prominencias no bordo postocular.[7]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

É un peixe mariño, demersal, que vive en augas da plataforma continental, en fondos areosos de até os 600 metros de profundidade, no norte do océano Pacífico, entre os 65° N e os 48° N, desde o golfo de Alasca polo leste, o mar de Chukchi polo norte, até o mar do Xapón polo oeste.[6]

Alimentación[editar | editar a fonte]

A dieta das sollas de Alasca adultas está constituída por organismos bentónicos, sobre todo por crustáceos anfípodos e vermes poliquetos.[8]

Pesca[editar | editar a fonte]

Pleuronectes quadrituberculatus captúrase nas zonas de pesca 61 e 67 (Pacífico noroeste e nordeste, respectivamente).[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Pleuronectes quadrituberculatus Pallas, 1814 no WoRMS.
  2. Pleuronectes Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 83.
  4. Matta, M. E. (2012): Alaska plaice (Pleuronectes quadrituberculatus). Resource Ecology and Fisheries Management Division, Alaska Fisheries Science Center, NMFS, NOAA, 7600 Sand Point Way NE, Seattle WA 98115.
  5. 5,0 5,1 Fadéev, N. S. (2005): Guide to biology and fisheries of fishes of the North Pacific Ocean. Vladivostok, TINRO-Center.
  6. 6,0 6,1 Pleuronectes quadrituberculatus Pallas, 1814 na FishBase.
  7. Masuda, H., K. Amaoka, C. Araga, T. Uyeno & T. Yoshino (1984): The fishes of the Japanese Archipelago. Vol. 1. Tokai University Press, Tokyo, Japan.
  8. Zhang, C. I. (1988): "Food habits and ecological interactions of Alaska plaice, Pleuronectes quadrituberculatus, with other flatfish species in the Eastern Bering Sea". Bull. Kor. Fish. Soc. 21 (2): 150-160.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]