Pexego
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma.
Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de óso. Esta especie divídese en variedades cuxa carne se separa facilmente do óso e noutras nas que se adhire firmemente, como a variedade chamada pavía. As variedades de carne branca son tipicamente moi doces, con escaso gusto ácido e as máis populares de países como a China, o Xapón e os seus veciños asiáticos, mentres que as de carne amarela son preferidas nos países europeos e norteamericanos, posúen un fondo ácido, que se paladea xunto á dozura. A pel de ambas as variedades ten tons encarnados.
Índice |
[editar] Cultivo
O pexegueiro é un vexetal que habita nunha zona bastante restrinxida, xa que precisa condicións de frío invernal (os requerimentos de frío varían entre as variedades) que as zonas subtropicais non reúnen e, ao mesmo tempo, non son resistentes ás xeadas; en troques, no verán requiren temperaturas altas para que madure a colleita. Algunhas das rexións produtoras de pexegos mais importantes son:
- No hemisferio Norte: California, Carolina do Sur, Colorado, Xeorxia e rexións limítrofes do Canadá; os países da conca mediterrána e algunhas zonas da China.
- No hemisferio sur: Chile,Arxentina, Uruguai, Sudáfrica e Nova Celandia.
A maioría das árbores que se venden nos viveiros son cultivares enxertados. Son propensas a unha enfermidade chamada enrolamento da folla, causada polo fungo Taphrina deformans, que normalmente non afecta directamente á froita ainda que reduce a colleita, xa que provoca unha defoliación da árbore máis ou menos extensa. A froita é moi susceptible á gomose, enfermidade fúnxica causada pola Monilinia fructicola.
[editar] Plantación
A exposición desta especie debe ser a pleno sol e con boa ventilación. Isto permite que o aire frío circule durante as noites frías e mantén a zona fresca no verán. A mellor época para plantalos é a principios do inverno, desta forma as raíces teñen tempo para asentárense e para poder alimentar a brotación primaveral.
[editar] Rega
Débeselle fornecer dunha cantidade constante de auga, que se incrementará un pouco antes do momento da colleita. As froitas co mellor sabor conséguense cando as árbores son regadas durante toda a estación. A rega por pingada é o xeito ideal.
[editar] Fertilizantes
O pexego ten unhas altas necesidades de nutrientes, requerindo mais nitróxeno que a maioría das árbores froiteiras. Pódese aplicar un fertilizante NPK con regularidade (no cultivo convencional) e unha achega extra de esterco de corral no outono, trala colleita.