Peter Gustav Lejeune Dirichlet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peter Gustav Lejeune Dirichlet

Johann Peter Gustav Lejeune Dirichlet, nado en Düren o 13 de febreiro de 1805 e finado en Gotinga o 5 de maio de 1859, foi un matemático alemán ao que se lle atribúe a definición "formal" moderna dunha función.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa familia era natural do pobo de Richelet en Bélxica, de onde o seu apelido "Lejeune Dirichlet" ("lle jeune de Richelet" = "o mozo de Richelet") derivou, e ese era o lugar onde viviu o seu avó. Dirichlet naceu en Düren, onde o seu pai era o xefe da oficina de correos. Foi educado en Alemaña, e despois en Francia, onde aprendeu de moitos dos máis matemáticos de renome do seu tempo, relacionándose con algúns como Fourier. Tras graduarse, foi profesor nas universidades de Breslau (1826-1828), Berlín (1828-1855) e Gotinga, onde ocupou a cátedra deixada por Gauss tras a súa morte.

As súas achegas máis relevantes centráronse no campo da teoría de números, prestando especial atención ao estudo das series, e desenvolveu a teoría das series de Fourier. A súa primeira publicación comprendeu unha demostración particular do teorema de Fermat, para o caso n=5, que tamén foi completada por Adrien-Marie Legendre, un dos seus revisores. Dirichlet completou a súa propia proba case ao mesmo tempo; máis adiante completou tamén a proba para n=14. Aplicou as funcións analíticas ao cálculo de problemas aritméticos e estableceu criterios de converxencia para as series. No campo da análise matemática perfeccionou a definición e concepto de función, e en mecánica teórica centrouse no estudo do equilibrio de sistemas e no concepto de potencial newtoniano.

casou con Rebecka Mendelssohn, que viña dunha distinguida familia de xudeus conversos. Era a neta do filósofo Moses Mendelssohn, filla de Abraham Mendelssohn Bartholdy e irmá do compositor Felix Mendelssohn Bartholdy.

Foron estudantes seus Ferdinand Eisenstein, Leopold Kronecker e Rudolf Lipschitz. Tras a morte de Dirichlet, o seu amigo e colega matemático Richard Dedekin recompilou, editou e publicou as súas leccións e outros resultados en teoría de números baixo o título Vorlesungen über Zahlentheorie (Leccións sobre Teoría de Números).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]