Pastel de Belém

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pasteis de Belém

Os pasteis de Belém (en portugués pastéis de Belém) son unha das especialidades máis características da pastelaría portuguesa. Xenericamente reciben o nome de natas.

Son tortiñas de crema, duns 10 centímetros de diámetro, elaboradas conforme unha receita secreta que non foi desvelada en case douscentos anos e que, supostamente, só tres persoas coñecen no planeta. Tanto a pasta como a crema comezan a elaborarse a porta pechada, na chamada oficina do segredo, nun proceso que dura dous días. A pasta é de masa follada. A crema ten unha base fundamental de xema de ovo, leite e azucre. Cómense tanto en quente como en frío.

Historia[editar | editar a fonte]

Crese que foron creadas con anterioridade ao século XVIII polas freiras do mosteiro lisboeta dos Xeromes, situado na freguesía de Belém, nos arredores da capital portuguesa. Como consecuencia da revolución liberal portuguesa de 1820, en 1834 péchase o mosteiro. O panadeiro do convento, de súpeto no paro, decide venderlle a receita ao empresario portugués de orixe brasileira, Domingos Rafael Alves.

Nun primeiro momento puxéronse á venda os pasteis, elaborados conforme a receita do mosteiro, nunha refinería de cana de azucre situada a poucos metros dos Xeromes. En 1837 ábrense unhas instalacións anexas á refinería que se transforman na pastelaría Casa Pastéis de Belém. Dende aquela este local vén traballando ininterrompidamente tanto como sitio para a venda como para o consumo alí mesmo dos pasteis, que se acompañan de azucre e canela en po por riba. A pastelaría segue sendo propiedade dos descendentes de Alves.

Tanto a receita orixinal coma o nome de pastéis de Belém están rexistrados. A Casa Pastéis de Belém elabora diariamente unhas 10.000 tortiñas.

Os pasteis de Belém representaron a Portugal na iniciativa do Café Europe, desenvolvida no Día de Europa de 2006 durante a presidencia austríaca da Unión Europea. España estivo representada pola Torta de Santiago.

Ingredientes[editar | editar a fonte]

  • Para a masa follada: dúas cuncas de fariña triga, unha pizca de sal, unha cunca de auga, 250 gramos de manteiga.
  • Para a crema: 3 culleradas de fariña, unha cunca de leite, unha cunca de azucre, unha variña de canela, media culleradiña de vainilla, unha cunca de auga e seis xemas de ovo batidas.

Como se fan[editar | editar a fonte]

  • Para a masa follada: Mestúrase a fariña co sal e coa auga e amásase ata que prenda. Esténdese a masa e pártese a manteiga en tres cachiños. Colócase un destes pedazos no medio da masa e enrólase esta, ata que a manteiga desaparece. Faise dúas veces máis, cos outros cachos. Déixase repousar a masa durante un cuarto de hora. Logo córtase a masa en cadrados de 2 cm de espesor, e colócanse eses anacos sobre moldes lisos como de madalenas.
  • Para a crema: Póñense ao baño maría as xemas batidas co azucre, coa fariña, coa canela, coa vainilla e co leite ata que colla corpo. Déixase repousar e colócase unha cullerada de crema en cada molde. Desspois métense no forno, durante un tempo longo e a unha gran temperatura ata que queden as tortas cocidas e douradas.

En Macau[editar | editar a fonte]

Un británico chamado Andrew Stow modificou a receita con técnicas inglesas e comezou a vender estes novos pasteis no Lord Stow's Cafe, un establecemento da súa propiedade en Coloane, (Macau). Na actualidade estas tortiñas de ovo á portuguesa están dispoñíbeis en numerosas pastelarías, así como nos restaurantes típicos de Macau e nas franquías honconesas do KFC.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Web oficial da Casa Pastéis de Belém