O alquimista (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O alquimista é un libro publicado en Brasil en 1988 por Paulo Coelho. Traducido a máis de 69 linguas e publicado en máis de 150 países, o autor vendeu con esta obra máis de 135 millóns de exemplares no mundo.[1] En 2002, o Jornal de Letras de Portugal atribúelle o título de libro en lingua portuguesa máis vendido de tódolos tempos. Así mesmo, O alquimista é o título máis vendido na historia do Brasil, ademais, estivo nas listas dos libros máis vendidos en países como España, Portugal, Australia, Italia, Rusia e Alemaña, neste último incluso batiu o récord no ano 2002 con máis de 306 semanas de permanencia nas listas dos máis vendidos de ''Der Spiegel''.[2]

O autor recibiu numerosos premios gracias á súa obra, entre eles o premio BAMBI 2001, o Premio internacional Corine 2002 á mellor obra de ficción (Múnic) e o Nielsen Gold Book Award (Inglaterra, 2004).

Paulo Coelho accedeu ao Libro Guinness dos Récords despois de asinar 53 exemplares diferentes d'O alquimista en distintas linguas o 10 de outubro de 2003 durante a Feira do Libro de Frankfurt, converténdose así no autor que máis traducións da súa obra asina nun mesmo lugar.[3][4]

Características[editar | editar a fonte]

A obra trata da vida e aventuras de Santiago, un rapaz de dezaoito anos aproximadamente (estivo estudando nun seminario até os dezaseis anos e dous anos pastoreando ata que comeza a historia) que dende pequeno sempre vivira en España. O seu pai convenceuno de entrar nun seminario e ser sacerdote, mais o seu desexo de viaxar levouno a ser pastor.

O libro versa sobre os soños e os medios que empregamos para acadalos, sobre os azares da vida e os sinais que se presentan ao longo da mesma (saber comprender, observar ditos sinais, etc.).

É unha paráfrase dun texto tomado d'As mil e unha noites. Son as peripecias dun heroe que procura o seu tesouro lonxe do seu fogar para logo retornar a el e achalo, sofrendo durante a viaxe unha fonda transformación na súa visión do mundo e a realidade.

No Teatro Palacio Valdés de Áviles, Asturias (España) celebrouse unha homenaxe polos vinte anos da novela, coa presenza do escritor.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El alquimista. Cooperativa.cl, "El alquimista" de Paulo Coelho fue traducido al aimara y quechua" (27/08/2010) [Visitado o 17 de maio de 2011] (en castelán)
  2. Eshoradeelegir.com, Biografía de Paulo Coelho (páxs. 7-11) [Visitado o 17 de maio de 2011] (en castelán)
  3. Guinness Worls Record, Guinness Worls Record: Most translations of a single title signed by the author in 1 sitting [Visitado o 17 de maio de 2011] (en inglés)
  4. Vilaweb.cat, Paulo Coelho, rècord Guiness per signar traduccions de 'L'Alquimista' [Visitado o 17 de maio de 2011] (en catalán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]