Manuel López Seijo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaManuel López Seijo
Biografía
Nacemento18 de outubro de 1891 Editar o valor em Wikidata
Pontedeume, España Editar o valor em Wikidata
Morte3 de xuño de 1977 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
Vigo, España Editar o valor em Wikidata
Alcalde
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Manuel López Seijo, nado en Pontedeume o 18 de outubro de 1891 e finado en Vigo o 3 de xuño de 1977, foi o último alcalde republicano do concello de Pontedeume.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os anos da emigración e a República[editar | editar a fonte]

Na súa mocidade emigrou a Cuba. De volta a Pontedeume montou varios negocios: unha fábrica de gasosas, un almacén de venda de carbón e leña e mercou dúas tarrafas de pesca. A súa muller Josefa Ferro Majón, coa que tivo tres fillas e un fillo, levaba unha tenda de ultramarinos.

Presidiu a Agrupación Socialista de Pontedeume dende a súa creación en 1931 ata 1936. O 4 de maio de 1931 tomou posesión como membro da Comisión Xestora municipal, que rexeu o concello mentres non se resolvía a impugnación presentada pola Federación Republicana por varias irregularidades cometidas polos partidos monárquicos nas eleccións municipais do 12 de abril, das que a máis grave foi o cambio dunha urna en Nogueirosa. Logo da repetición das eleccións o 31 de maio, foi nomeado alcalde o seu compañeiro na Comisión Xestora, Miguel Regueira Fernández.

Durante a folga xeral revolucionaria de 1934 producíronse en Pontedeume varios actos de sabotaxe como o intento de voadura da ponte do ferrocarril que trataba de impedir o paso cara a Asturias de tropas para aplacar a rebelión, e a voadura de varios postes da luz en Cabría Nova que deixou Pontedeume sen luz. Estes feitos provocaron a súa detención, amais doutras persoas, acusado de sabotaxe. Os acusados negaron as imputacións e a causa foi sobresida.

Novamente foi detido e condenado en Consello de Guerra a seis anos de cadea o 12 de febreiro de 1936, acusado de colaborar na fabricación de bombas e explosivos dende xaneiro de 1934. Coa vitoria da Fronte Popular foi posto en liberdade o 29 de febreiro grazas a amnistía decretada polo novo goberno, o cal nomeou a Celestino Sardiña Navarro delegado gobernamental na comarca para restablecer as corporacións municipais que foran cesadas en 1934. Cumprindo o mandato gobernamental, Celestino Sardiña nomeou aos novos alcaldes da Capela e Cabanas, e o 9 de marzo de 1936 presidiu, como delegado do goberno, o pleno do concello de Pontedeume no que se constituíu a nova corporación por el designada, con Manuel López Seijo como alcalde[1].


Predecesor:
Celestino Sardiña Navarro
 
Alcalde de Pontedeume
 
1936
Sucesor:
Jesús Calvo Patiño

A sublevación militar, o procesamento e a cadea[editar | editar a fonte]

Días despois da sublevación do 18 de xullo de 1936, o 22 de xullo, entregou as chaves do concello ao cabo da Garda de Asalto, José Suárez Pensado, pasando á clandestinidade. Refuxiouse sucesivamente na bodega dun bar do Souto da Vila, na casa dun amigo e, finalmente, na súa casa da vila onde lle prepararon un falso teito no cuarto de baño. Entrementres a maioría das súas propiedades foron incautadas polos sublevados, amais de queimarlle unha das tarrafas.

Foron continuos os rexistros sen éxito na súa casa e nas dos amigos e familiares. Unha das súas fillas morreu aos 16 anos mentres estaba agochado na súa casa. O 3 de maio de 1941 mudou de agocho á casa dos seus sogros onde xa vivían os seus fillos dende o comezo da súa clandestinidade. Un día, ao saír á terraza a coller auga dun depósito, foi visto por un veciño. Temendo a delación, entregouse á Garda Civil o 9 de febreiro de 1942, sendo acompañado por un curmán e o frade Gumersindo Placer co que tiña unha grande amizade.

Nas posteriores vistas para o xuízo por rebelión militar as declaracións das testemuñas foron contraditorias. Mentres o alcalde, o párroco e tres persoas máis da vila falaron del como fanático, extremista ou perigoso marxista; outros como o tenente xefe do cuartel da Garda Civil de Pontedeume ou José Suárez Pensado, a quen lle entregara as chaves do concello en 1936, téñeno por persoa moderada que gobernara sen extremismos e que en xullo do 36 mirou pola orde e protexera aos presos afectos aos sublevados evitando a vinganza.

Quedou libre en abril de 1942 pendente de xuízo, sendo obrigado a residir en Ferrol despois de ser denunciado pola Falanxe eumesa por facer visitas á súa familia en Pontedeume. Celebrouse o Consello de Guerra o 4 de marzo de 1943 onde foi condenado a quince anos de prisión. Vai cumprindo esta no cárcere de Ferrol, no Arsenal militar e no Castelo de San Filipe.

Desterro e pasamento[editar | editar a fonte]

En 1948 foi posto en liberdade condicional e desterrado de Pontedeume nun radio mínimo de 200 quilómetros. Estableceuse en Vigo onde tiña algúns camaradas socialistas. Camiño do desterro, fixo unha parada en Pontedeume para se despedir de familiares e amigos e recoller algunhas pertenzas persoais. Foi a derradeira vez que estivo na súa terra natal.

Grazas aos seus compañeiros vigueses conseguiu traballo, primeiro como vixilante na nave dunha empresa de construción e posteriormente como conserxe do Club Náutico, xubilándose neste emprego. Durante estes anos continuou coa súa militancia socialista, reuníndose clandestinamente cos seus camaradas na trastenda dun bar. Tiña que presentarse cada quince días perante a Policía Nacional e ingresaba no cárcere cada vez que Franco visitaba a cidade. Ata 1958 non lle entregaron a súa documentación e o seu DNI.

Cando faltaban tan só doce días para a celebración das primeiras eleccións democráticas dende 1936 morreu en Vigo, o 3 de xuño de 1977, á idade de 85 anos. Foi soterrado no cemiterio vigués de Teis.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A Guerra Civil en Pontedeume. Xosé Manuel Suárez. Monógráfico nº 2, revista Cátedra

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vilariño, Sindo (2006). "23 de xullo do 36, os sublevados contra a II República entran en Pontedeume". Cátedra. Revista eumesa de estudios (2). 
  • Máiz, Bernardo (2000). "Bandos e política no Pontedeume da 2ª República" (PDF). Cátedra. Revista eumesa de estudios (7). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2016. Consultado o 16 de marzo de 2017. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]