Land and Freedom

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Land and Freedom
Título orixinal
[[Ficheiro:|200px| ]]
Ficha técnica
Director Ken Loach
Produtor Rebecca O’brien
Guión Jim Allen
Baseado en {{{baseado}}}
Intérpretes Ian Hart, Rosana Pastor, Icíar Bollaín, Tom Gilroy, Marc Martínez, Frédéric Pierrot
Música George Fenton
Fotografía Barry Ackroyd
Montaxe Jonathan Morris
Estudio {{{estudio}}}
Distribuidor
Ano 1995
Duración 109 minutos
País Inglaterra Inglaterra España España Alemaña Alemaña Italia Italia
Xénero drama/bélica
Orzamento
Recadación {{{recadación}}}
Filme anterior
Filme seguinte
Ficha en IMDb

Land and Freedom é unha película de 1995 dirixida por Ken Loach e escrita por Jim Allen. Obtivo o Premio Internacional da Crítica da FIPRESCI e o premio do Xurado Ecuménico en Cannes.

Narra a historia de David Carr, un desempregado membro do Partido Comunista de Gran Bretaña, que decide loitar no bando republicano na Guerra Civil española. A película está inspirada en Homage to Catalonia, libro de George Orwell no que narra a súa experiencia durante a Guerra Civil e a Revolución Española.

Sinopse[editar | editar a fonte]

A narrativa da película desenvólvese nun longo flashback. David Carr, xa ancián, morreu, e a súa neta descubre vellas cartas, periódicos e outros documentos na súa habitación: a trama da película son as vivencias de David.

Convencido da necesidade de axudar ós republicanos españois na súa loita contra os nacionais fascistas, Carr, un mozo traballador sen emprego e membro do Partido Comunista, deixa Liverpool e viaxa a Barcelona para unirse ás Brigadas Internacionais. Logo de cruzar a fronteira polos Pireneos acaba por casualidade alistado nunha milicia do POUM na fronte de Aragón. A súa milicia, formada por angloparlantes, está comandada por Lawrence, e nela como en tódalas milicias do POUM, homes e mulleres, como a nova e entusiasta Maite, loitan xuntos. Nas seguintes semanas e meses faise amigo doutros voluntarios estranxeiros, como o francés Bernard, e namora de Blanca, unha membro e ideóloga do grupo.

Tras ser ferido accidentalmente e recuperarse nun hospital de Barcelona, únese, como tiña previsto no plan orixinal e contra a opinión de Blanca, ás Brigadas Internacionais respaldadas polo goberno, e é testemuña de primeira man da propaganda stalinista e a represión exercida contra os membros do POUM e os anarquistas; regresa entón á fronte, á súa antiga compañía, onde son rodeados por unha unidade do goberno ordenado a súa rendición: nun breve enfrontamento Blanca é asasinada. Tralo seu funeral volve a Gran Bretaña cun pano vermello cheo da terra coa que enterraron a Blanca, terra que fora colectivizada polos habitantes da súa vila natal.

Finalmente a película volve ó presente, no funeral de Carr, no que a súa neta arroxa a terra dentro da súa tumba tras ler unhas liñas dun poema de William Morris. A continuación ela e outros membros da familia realizan un saludo socialista, suxerindo que Carr transmitiu as súas crenzas á súa familia.

Temas[editar | editar a fonte]

A maior parte da crítica e espectadores advertiron as similitudes entre a historia narrada nesta película e a de Homage to Catalonia, o libro de George Orwell no que narra a súa propia experiencia como voluntario no continxente enviado polo Partido Laborista Independente, e que formou parte da milicia do POUM antes da supresión deste polo Partido Comunista, crecente en poder.

Un momento importante inspirado por feitos reais é a execución do cura dunha aldea por actuar en favor do bando fascista: rompeu o segredo de confesión, contando ós fascistas o lugar onde os anarquistas estaban ocultos e causando deste modo as súas mortes.

Segundo Ken Loach, a escena máis importante da película é o debate nunha asemblea que se leva a cabo nunha aldea liberada exitosamente pola milicia. Persoas do lugar onde foi rodada a película participaron nesta escena. Os habitantes da aldea expresan os seus pensamentos libremente (malia algunhas dificultades co idioma), discutindo se deben ser colectivizadas ou non as terras da aldea e as do cura recentemente fusilado. Un americano da milicia do POUM sostén que antes deben esforzarse por gañar a guerra, suxerindo que a colectivización e outras accións revolucionarias quizais obstaculicen eses esforzos. Menciona que se ditas accións e os slogans que as acompañan continúan, non conseguirán o apoio das democracias liberais como os Estados Unidos e Gran Bretaña ("Estádelos asustando", di). A necesidade dunha guerra e unha revolución de forma simultánea é expresada por un miliciano alemán, que di que "en Alemaña a revolución foi posposta e agora Hitler está no poder". Ó final os aldeáns votan a favor da colectivización, seguindo por tanto os pasos do camiño revolucionario. Nas zonas controladas por anarquistas e socialistas este tipo de expropiación da terra era común, xa que a guerra civil foi acompañada dunha revolución social.

Na escena anterior e ó longo da película, fálase tanto castelán como inglés e mesmo catalán. Carr chega a España sen saber nada de castelán, pero vai aprendendo gradualmente. A lingua franca da súa milicia é o inglés.

Os comunistas apoiados pola Unión Soviética e os demócratas republicanos opuxéronse á revolución social, e ó ir progresando a guerra tomaron como vantaxe o seu acceso a armas soviéticas para restablecer o control do goberno sobre o esforzo bélico, tanto a través da diplomacia como pola forza. Un feito histórico, a sanguenta loita entre republicanos e anarquistas para controlar o edificio de Telefónica en Barcelona, foi elixido por Loach como emblema deste conflito interno (véxase sucesos de maio). O desencanto progresivo de Carr comeza nesta loita sen sentido, que non é capaz de comprender, xa que se supuña que ámbolos dous grupos formaban parte do mesmo bando. En certo punto da película encóntrase custodiando o cuartel xeral do Partido Comunista en Barcelona, e entabla unha conversa en broma a través das barricadas coa oposición anarquista. Pregúntalle a un home de Manchester "Por que non estás aquí connosco?", ó que o anarquista responde coa mesma pregunta, e Carr di "Non o sei".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]