John Frusciante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
John Frusciante
JohnFruscianteAugust2006.jpg
Nome completo John Anthony Frusciante
Naceu 5 de marzo de 1970 (43 anos)
Orixe Nova York Flag of the United States.svg
Instrumento(s) guitarra, voces
Relacionado con Red Hot Chili Peppers
Tempo en activo 1988 - actualidade


John Anthony Frusciante, nado o 5 de marzo de 1970 en Nova York, é un guitarrista, cantante, compositor e produtor estadounidense. É coñecido por ser o antigo guitarrista da banda Red Hot Chili Peppers, coa cal gravou cinco álbums de estudio. Frusciante ten unha activa carreira en solitario, tendo editados dez álbums co seu nome, ademais de dous co actual guitarrista dos Chili Peppers Josh Klinghoffer e Joe Lally, co nome de Ataxia. As súas gravacións en solitario inclúen elementos que van do rock experimental e a música ambient ata o New Wave e a música electrónica. Influenciado por guitarristas de varios xéneros, Frusciante fai fincapé na melodía e na emoción no seu estilo de tocar, e prefire as guitarras vintage e as técnicas de gravación analóxicas.

Frusciante uniuse a Red Hot Chili Peppers aos 18 anos de idade, e apareceu por vez primeira coa banda no seu álbum de 1989 Mother's Milk. O seguinte disco da banda, Blood Sugar Sex Magik (1991), sería o que os lanzou ao éxito. Porén, a nova popularidade dos Red Hot sobrepasouno e deixou o grupo en 1992. Recluíuse e entrou nun longo período de adicción ás drogas, durante o cal publicou as súas primeiras gravacións: Niandra Lades and Usually Just a T-Shirt (1994) e Smile from the Streets You Hold (1997). En 1998 rehabilitouse e reuniuse con Red Hot Chili Peppers para o álbum Californication (1999). O seu traballo To Record Only Water for Ten Days foi publicado en 2001. Nunha etapa creativa, Frusciante editou seis álbums en solitario no ano 2004; cada un deles explorando diferentes técnicas de gravación e xéneros. No 2009 Frusciante publicou The Empyrean e separouse novamente de Red Hot Chili Peppers. Frusciante ten producido ou gravado con artistas como Wu-Tang Clan, The Mars Volta ou George Clinton entre outros.

Frusciante ten recibido o recoñecemento da crítica pola súa forma de tocar a guitarra, acadando o posto 18 na lista da Rolling Stone dos "100 mellores guitarristas de todos os tempos" en 2003[1], e foi votado o mellor guitarrista dos últimos 30 anos nunha enquisa do ano 2010 da BBC chamada "The Axe Factor"[2].

Notas[editar | editar a fonte]