Dave Navarro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dave Navarro
Nome completoDavid Michael Navarro
Data nacemento7 de xullo de 1967 (56 anos)
Nado enSanta Monica (California)
CónxuxeCarmen Electra
Ocupaciónguitarrista e personalidade televisiva
Instrumento(s)guitarra
Relacionado conJane's Addiction, Red Hot Chili Peppers
Na rede
http://www.6767.com
IMDB: nm0005263 TV.com: people/dave-navarro
Twitter: davenavarro6767 Instagram: davenavarro MySpace: davenavarro Spotify: 3JTMBiL0Bmrxv41WJ8V8cu iTunes: 564500 Musicbrainz: ae21a40c-e6de-4419-9295-d4fddcc0d215 Songkick: 362012 Discogs: 56838 Allmusic: mn0000689898 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

David Michael Navarro, nado en Santa Monica (California) o 7 de xullo de 1967, é un guitarrista estadounidense que tocou en bandas famosas de rock como Jane's Addiction e Red Hot Chili Peppers. Na actualidade Navarro é membro de The Panic Channel xunto cos compañeiros en Jane's Addiction Stephen Perkins e Chris Chaney. O cantante Steve Issacs tamén forma parte desta banda. Acaban de remata-la gravación do seu álbum de debut e os fans están agardando pola súa saída ó mercado.

Navarro tamén é membro de Camp Freddy, un grupo que fai versións rock só para divertirse.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Navarro é fillo de James Raul "Mike" Navarro e Constance Colleen Hopkins. O avó paterno de Navarro era un inmigrante irregular mexicano que quedou orfo despois da Guerra Civil Mexicana. A súa nai Constance traballaba coma modelo e aparecía no programa da televisión Let's Make A Deal ('Fagamos un trato'). Navarro foi a única persoa na parte da familia do seu pai que non falaba castelán, xa que Jame e Constance divorciáronse cando el tiña sete anos e pasou a maioría do tempo coa súa nai anglosaxoa; ela foi asasinada polo seu mozo oito anos despois, o cal foi arrestado varios anos máis tarde grazas á colaboración dun espectador cando Navarro apareceu no programa de televisión America's Most Wanted ('Os máis buscados de América').

Navarro ten dous medioirmáns por parte de pai (un irmán e unha irmá, respectivamente 27 e 31 anos máis novos ca el). Navarro casou tres veces e divorciouse dúas. Casou coa súa primeira muller, Tanja, nunha cerimonia pagá en 1990 e coa súa segunda muller, Rhian, nunha cerimonia civil en 1994. Navarro casou coa súa actual muller, a modelo e actriz Carmen Electra o 22 de novembro de 2003.

Navarro empezou a toca-la guitarra ao redor dos 12 anos escoitando a Jimi Hendrix e formou o seu primeiro grupo South Dakota Railroad na secundaria (onde tamén coñeceu o que sería compañeiro de grupo Eric Avery). Durante o bacharelato formou o grupo Dizaztre con Stephen Perkins na batería e Rico Quevedo no baixo e na voz. Navarro entrou en Jane's Addiction en 1986 onde el tocaba a guitarra, Perry Farrell cantaba, Avery tocaba o baixo e Perkins a batería. O grupo fíxose famoso e chegou a ser unha lenda na escena do rock alternativo. Con todo, desavinzas persoais leváronos a desfacelo en 1991. O festival de Lollapalooza foi creado por Perry Farrel como unha xira de despedida de Jane's Addiction.

Foi entón cando Navarro formou Deconstruction con Avery á voz e ó baixo e Michael Murphy na batería e o grupo sacou un disco homónimo antes de desfacerse. Logo Navarro uniuse a Red Hot Chili Peppers en 1993 despois de que John Frusciante deixara o grupo.

Navarro só gravou un disco con Red Hot Chili Peppers, One Hot Minute. Mentres que moitos críticos dixeron que este disco era unha pobre continuación do aclamado Blood Sugar Sex Magik, a maioría dos fans máis entusiastas disfrutárono amplamente. Durante o seu paso polos Peppers, Dave participou con Flea no disco Jagged Little Pill de Alanis Morrisette en 1996.

Chegado a este punto decidiu centrarse no seu proxecto en solitario, Spread, xa que non estaba interesado en gravar e xirar cos Peppers e ademais a química dentro do grupo xa non funcionaba como antes, polo que deixou o grupo en 1998. Seguiu traballando no disco Spread coa axuda de Chad Smith dos Chili Peppers. Jane's Addiction volveron reunirse para un par de concertos en 1997, 1999 e 2001 con Flea e Martyn LeNoble ó baixo en troques de Avery. Navarro tamén tocou o baixo e a guitarra en 1999 co grupo da súa moza daquela Monet Mazur, Nancy Raygun.

En 1998, Marilyn Manson pediulle a Navarro que fixera un solo de guitarra na canción "I Don't Like The Drugs (But The Drugs Like Me)" que apareceu no disco Mechanical Animals e, co consentimento de Navarro, quedou coa autoría do solo nos créditos do disco.

En 2002, Jane's Addiction reuníronse de novo e gravaron un disco de estudio, desta volta con Chris Chaney ó baixo. Despois do lanzamento de Strays en 2003 Jane's Addiction volveron separarse a mediados do 2004 e dende entón Navarro formou un novo grupo chamado The Panic Channel con Perkins e Chaney e o cantante Steve Isaacs. Agora mesmo (2006) están gravando o seu álbum de debut.

Ademais do seu traballo musical Navarro apareceu en dúas películas: Floundering (1994) e Uptown Girls (2003). Navarro tamén escribiu unha columna de críticas titulada Movies & Crap ('Películas e merda') para a revista Bikini co seu curmán Johnny (inda que na columna se referían o un ó outro coma irmáns). Ten escrito para as revistas Details, Nylon, Ray Gun e Us Weekly e é co-autor do libro de fotografías Don't Try This at Home. Tamén ten aparecido en varias ocasións na serie de televisión Celebrity Poker Showdown xogando ó poker Texas Hold 'Em sen límite en apoio á Elizabeth Glaser Pediatric AIDS Foundation ('Fundación Elizabeth Glaser para nenos con SIDA').

Navarro apareceu en Punk'd coa súa terceira muller Carmen Electra despois de que ámbolos dous foran enganados por Ashton Kutcher, condutor do programa, durante unha persecución. Apareceu con Electra nunha serie de realities na MTV retratando o camiño cara á súa voda.

En 2005, Navarro co-presentou o reality televisivo Rock Star: INXS xunto con Brooke Burke. Durante a competición para buscar un novo vocalista para INXS, o éxito do programa fixo que o nome de Navarro fora mellor coñecido entre os fans da música máis comercial.

Discografía[editar | editar a fonte]

En solitario[editar | editar a fonte]

  • Álbums de estudio
Trust No One 2001
  • Singles e EP's
Rexall (single - editado no Reino Unido)
  • Non oficiais/Bootlegs
Rhimorse 1995 (Demos inéditas)
Unicorns and Rainbows 1997 (Demos do proxecto Spread)

Con Jane's Addiction[editar | editar a fonte]

  • Álbums de estudio
Nothing's Shocking 1988
Ritual de lo Habitual 1990
Strays 2003
  • Outros
Jane's Addiction (en directo no Roxy dos Ánxeles o 26 de xaneiro de 1987) 1987
Live and Rare (Edición xaponesa con rarezas e directos) 1991
Kettle Whistle (Recompilación que inclúe cancións novas, directos e vellas rarezas) 1997
Live '86: The First Recording [LIVE] (Gravación do primeiro concerto de Jane's Addiction) 1997
  • Singles e EPs
Mountain Song (Single - editado no Reino Unido)
The Shocking E.P. (EP - editado no Reino Unido)
Three Days/Stop! (single)
Been Caught Stealing (single)
Classic Girl (single)
Just Because (single)
True Nature (single)

Con Deconstruction[editar | editar a fonte]

  • Álbums de estudio
Deconstruction 1994
  • Singles e EPs
L.A. Song promo (single)

Con Red Hot Chili Peppers[editar | editar a fonte]

One Hot Minute 1995
Warped (EP)
Aeroplane (EP)
Love Rollercoaster (EP)
Shallow Be Thy Game (EP - Editado en Australia)
Coffee Shop (EP - Editado en Alemaña)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]