Johann Joachim Quantz
| Johann Joachim Quantz | |
|---|---|
Johann Joachim Quantz |
|
| Nome completo | Pau Casals Defilló |
| Alias | |
| Naceu | 30 de xaneiro de 1697 |
| Orixe | Oberscheden, Baixa Saxonia |
| Morreu | 12 de xullo de 1773 en Potsdam (Bradeburgo) |
| Ocupación (s) | Frautista |
| Xénero | |
| Instrumento(s) | |
| Tipo de voz | |
| Selo(s) discográfico (s) | |
| Relacionado con | |
| Tempo en activo | |
| Web | |
Johann Joachim Quantz (Oberscheden, Baixa Saxonia, 30 de xaneiro de 1697 — Potsdam, 12 de xullo de 1773), foi un compositor e frautista alemán, ademais de mestre de frauta do rei Federico II de Prusia.
Comezou a demostrar o seu talento musical moi cedo. Aos 8 anos xa tocaba o contrabaixo en festivais locais. En 1708, ao morrer o seu pai, ferreiro de profesión, foise vivir a casa do seu tío Justus Quantz, membro da orquestra da cidade de Merseburg, co que comezou os seus estudos musicais. Trala morte do seu tío, o xenro deste, Johann Adolf Fleischhack tomou a Quantz como alumno. Ao rematar os sus estudos sabía tocar os principais instrumentos de corda e todos os de vento usuais, a excepción da frauta travesa.
En marzo de 1716 ingresou na orquestra municipal de Dresde, un ano máis tarde viaxa a Viena onde estuda composición con Jan Dismas Zelenka e Johann Joseph Fux. En 1718 foi nomeado oboísta na capela polaca de Augusto II en Varsovia. Especializouse no estudo da frauta traveseira baixo a dirección de Pierre Buffardin.
Estudou contrapunto en Roma con Francesco Gasparini e durante as súas viaxes por Europa coñeceu persoalmente a Scarlatti e a Händel.
En 1728 convértese en frautista da capela de Dresde. Alí, durante un concerto coñece o príncipe Federico de Prusia, máis tarde chamado Federico o Grande, quen o toma como mestre particular de frauta.
Cando o príncipe chega a ser proclamado rei, Quantz pasa ás ordes directas do novo monarca e impártelle clases diarias de frauta e composición. Mesmo lle acompañaba nas súas campañas militares. Quantz permaneceu como compositor da corte e músico de cámara de Federico o resto da súa vida, interpretando as súas propias composicións, así como as do rei. Só el tiña o privilexio de criticar ao rei, en sentido positivo ou negativo.
A súa obra[editar]
Foi un compositor moi prolífico e un excepcional frautista. A súa obra comprende máis de 200 sonatas, 300 concertos, para unha ou dúas frautas, música de cámara e algunhas arias. O seu estilo é barroco, influenciado polo estilo italiano, especialmente de Antonio Vivaldi, aínda que as súas últimas creacións inclínanse cara ao clasicismo.
Tamén publicou varios tratados moi completos sobre a interpretación da frauta no final do Barroco, e en particular o seu Versuch einer Anweisung die Flöte traversiere zu spielen (1752), referencia fundamental para coñecer a interpretación musical (e non só a frautística) a mediados do século XVIII. Paralelamente construíu frautas e aportou melloras técnicas e sonoras ao instrumento. Johann Sebastian Bach e Georg Philipp Telemann coñeceron estes instrumentos e adaptaron algunhas das súas composicións ás súas novas posibilidades técnicas.
Véxase tamén[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Información sobre a asociación Quantz (en inglés)