Historia de México

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Historia de México non fai so referencia os acontecementos ocorridos dende a consolidación de México como tal senón que pese a que o Estado mexicano é algo relativamente recente podemos referirnos á historia acontecida nos seus territorios actuais e ós feitos que axudaron a consolidar a nación mexicana.

México precolombino[editar | editar a fonte]

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Os primeiros testemuños de presenza humana no actual territorio de México datan de hai aproximadamente 20.000 anos[1]; nesta época pequenos grupos de cazadores comezaron a poboar lentamente o continente. Tense a crenza de que xa sabían utilizar o lume e xa fabricaban algunhas ferramentas sinxelas de pedra, coas que curtían roupas de peles e facían obxectos de madeira e óso. Eran nómades e cabía a posibilidade de que se organizaran en familias tanto para a cacería, como para algún outro fin. A estimación fíxose oportuna por mor de que a Terra vivía a súa derradeira glaciación, chamada “Wisconsiniana”, que se iniciou aproximadamente desde hai 70.000 anos até os 18.000 anos. Quizais entre os 22.000 e os 14.000 anos tivo lugar o inicio dunha etapa na que a recolección era máis importante que a cacería. Tamén se cre que a organización social que prevalecía era a familia nuclear, ou de grupos pequenos con relacións moi débiles. Seguía a fabricación de instrumentos de pedra grandes, toscos, elaborados por percusión directa ou indirecta.

Os testemuños máis antigos que se coñecen até hoxe do ser humano de Mesoamérica son os que proporcionan as escavacións de Tlapacoia (situada a uns 25 km ao sueste da cidade de México), que demostran que xa había habitantes alí hai aproximadamente 21.000 anos. O primeiro asentamento de interese foi o da civilización olmeca, que nace na rexión costeira do Golfo de México, ao redor do ano 18.000 e esténdese nos actuais estados de Veracruz e Tabasco. Estímase que sobre o 7.000 a súa poboación puido chegar aos 350.000 habitantes, cunha forma propia de organización social e política, pero sobre todo, cun grande avance cultural, técnico e artístico. As exploracións revelaron tres sitios de grande importancia, até este momento: A Venta, San Lourenzo e Tres Zapotes. A Venta, por exemplo, xa senta as bases do trazado de cidades do altiplano, como serían Teotihuacán ou Tenochtitlán. Outro capítulo que axudou a asentar o trazado foi a extinción dos grandes mamíferos, o cambio do clima de frío ao máis cálido, coa aridez en determinadas rexións, e a elevación xeral do nivel dos mares. A economía desta etapa baseábase na caza de animais pequenos, como coellos e veados, aínda que a recolección continuou cunha maior variedade de produtos: aguacate, millo, cabaza e numerosos froitos de cactáceas. A unidade social fundamental seguía sendo a familia nuclear, aínda que esta xa comezaba a agruparse en bandas formando quizais o primeiro pobo (Tehuacán, Puebla). Nesta etapa evolucionou a técnica de tallar a pedra, coa aparición de puntas de proxectil de pedra de forma foliácea e as acanaladas, que permitían fixar con precisión a punta ao mastro. Entre os anos 7.000 o 5.000 o home comezou a cultivar. As zonas por aquelas parecían localizadas nos vales das lagoas de México para os cazadores de mamuts, que á vez se dedicaban á pesca e recolección de produtos do campo; e os abrigos rochosos do estado de Tamaulipas nos que xa era máis común o cultivo; no especial de millo que comeza a sela dieta do poboadores. O inicio da agricultura é un fenómeno que sufriu unha longa e complexa evolución, caracterizada pola domesticación das gramíneas e outras plantas comestibles, e a creación de aldeas permanentes, en México. Ao final comezouse a cultivar o algodón, co que se fabricaban teas de calidade superior ás que ata entón se obtiñan coas fibras do maguey e do liño. Ademais da domesticación de animais, entre os que se atopaba o itzcuintli, un can comestible.

Teotihiacán, vista aérea feita desde unha avioneta no ano 1972; pódese apercibir a maioría do complexo cultural dunha cidade que perduraría durante moitos séculos.

Mesoamérica[editar | editar a fonte]

Ao redor do ano 2.500 viuse unha etapa formativa que se caracterizou pola integración da superárea cultural de Mesoamérica. Os diversos grupos que a formaron (maias, teotihuacanos, zapotecas, etc.) exerceron unha influencia mutua entre si. Porén, aínda había zonas nas que se daría a coñecida fase "Purrón", á cal pertencen os restos de cerámica antigos de México. As pezas que se atoparon son de formas simples, que imitan cuncas de pedra ou cestos, as cales serían datadas polos arredores dos 1.700 anos. A rexión costeira é unha área plana, sen rochas, e apenas cun macizo montañoso, os Tuxtlas. Non obstante, as obras que maior pasmo causaron á posteridade foron realizadas en xigantescos monólitos. Os artistas olmecas crearon cabezas colosais, altares, estelas e moitas outras pezas que afortunadamente se conservan e nos dan unha idea do tipo físico, desenvolvemento e crenzas do pobo olmeca. Estas obras artísticas, entre outras peculiaridades de importancia que foron adoptadas, móstrannos por primeira vez un concepto básico no pensamento mesoamericano: a asociación dun home con dous animais, como son a serpe e o xaguar, sobre a que volveremos un pouco máis adiante.

Entre os anos 100 antes de Cristo e o século VIII da era cristiá as distintas áreas sufriron variacións, as culturas mesoamericanas colleron maior esplendor. Ao progreso das técnicas agrícolas engadiuse, probablemente, o regadío por medio de canles, permitindo o florecemento das grandes cidades. Fíxose un traspaso de comunidades agrícolas e centros non planificados aos concibidos coma grandes capitais de administración política e relixiosa. O comercio fíxose extensivo abarcando o territorio mesoamericano. Nesta época ocupou un lugar privilexiado no panteón os deuses chamados despois Tláloc e Quetzalcóatl, e o seu culto, con sacrificios humanos, foi importante para a multitude social. A estratificación fíxose máis ríxida e os coñecementos técnicos, relixiosos e máxicos quedaron en mans dos sacerdotes, que dirixiron tamén as grandes obras comunais. As representacións pictóricas e escultóricas dábanlle moita importancia aos grupos sacerdotais e a penas tiñan en conta os militares. Desta época e grazas á cultura olmeca, comezáronse a establecer os calendarios de 365 días (para a utilidade agrícola) e de 270 días (no canto relixioso, rituais e maxia). O mesmo empezou a pasar coa escritura ideográfica que co tempo e as culturas acadou un alto grao de desenvolvemento. Canto á arquitectura do área mesoamericana, ten certa similitude coa da Grecia clásica, que se trata dunha verdadeira escultura monumental, é dicir, estaba feita para ser ollada desde fóra.

Non se trataba de espazos cerrados, como na arquitectura cristiá, senón de monumentos expostos á contemplación desde o exterior. Por iso os seus interiores serán sempre pequenos e de escasa beleza, mentres que no exterior despregará a súa máxima brillantez e perfección. Neste sentido hai que considerar todos os grandes conxuntos arquitectónicos. Os interiores, como xa se dixo, son pequenos e estaban dedicados principalmente a albergar as imaxes dos deuses. Son lugares sagrados, inaccesibles para o pobo, o cal queda no exterior. Para reunir e concentrar o pobo, facíase necesaria a construción de amplos recintos. Hainos na maior parte de cidades ou centros cerimoniais da área, como a gran praza fronte ao templo de Kukulkan en Chichén-Itzá, a cidadela de Teotihuacán, a praza central do Monte Albán ou as prazas de Copán e Quiriguá, etc.

Ao carón desas prazas ou ao fondo deses espazos abertos elevábanse os templos, encravados sobre as típicas pirámides escaloadas que se elevan por toda a área mesoamericana. A idea fundamental destas pirámides é a de situar a divindade na elevación que lle corresponde espiritualmente. Os banzos das pirámides e as entradas nos templos quedarían reservadas aos sacerdotes, mentres o pobo, situado en torno á pirámide e como espectador dun drama máis ou menos comprensible, ollaría e adoraría a unha divindade máis agochada que coñecida, máis interpretada polos sacerdotes que querida por eles mesmos. Elevación, grandiosidade, intranxibilidade, son as ideas que presiden o pensamento construtivo das pirámides mesoamericanas. Pero dentro deste carácter haberá que facer algunhas distincións: a pirámide arcaica non chega a unha suficiente elevación e separación do pobo, namentres a pirámide teotihuacana é unha inmensa construción de base ancha e grande peso de liñas. Por outra parte, a pirámide maia do período clásico é sinxela, elegante, liviá, adornada con peites de pedra que lle quitan rixidez e peso. E finalmente, a pirámide do período histórico ou militarista (Tenaiuca), Tenochtitlán, volve á tradición teotihuacana con formas extraordinariamente pesadas e rechonchas.

A maior parte da arquitectura mesoamericana é de carácter eminentemente relixioso. Neste sentido débense interpretar tamén os chamados pazos que, probablemente, estaban destinados a servir de habitación aos sacerdotes. Exemplos destos pazos témolos no Palenque, Uxmal, Teotihuacán, etc. É neste lugar onde se pode situar o nacemento da columna e a pilastra. Esta columna ou pilastra terá caracteres definidos en Tula (no templo de Tlahuizcalpantecuhtli) e é na civilización tolteca na que estende o seu uso ata lugares tan afastados entre si como A Queimada (Zacatecas), Chichén-ltzá (Yucatán) ou Mitla (Oaxaca). A típica columna tolteca é a representación dunha serpe emplumada, cuxa cabeza serve de base ao corpo, con plumas de quetzal, é o fuste, e cuxa cola, con cascabeis, constitúe o capitel. Con este aspecto ían florecendo no altiplano central cidades comas as de Cholula e Teotihuacan, da que se di que era o prototipo de cidade mesoamericana, na que se deu en varias etapas. A área comezou a poboarse cara o ano 200 A.C. Nela atopáronse ruínas de templos, pazos e grandes prazas, cun abarcamento duns 20 Km². Pódese dicir que as construcións máis importantes son: a pirámide do Sol (que mide 222 m. do leste ao oeste, 225 m. do norte ao sur e presenta 64 m. de altitude), e a pirámide da Lúa (que mide 147 m. do leste ao oeste, 118 m. do norte a sur e 45 m. de altitude). Os murais ao fresco foron moi abundantes nesta cidade.

A sociedade teotihuacana era unha sociedade teocrática, estaba conformada por distintas clases sociais entre as que dominaban os sacerdotes e militares, as clases baixas eran os habitantes dos barrios de artesáns, os comerciantes e os agricultores de terras comunais. Estímase que a súa decadencia puido suceder entre o 650 e o 700 D.C. Estas cidades estaban intimamente ligadas entre si e a súa influencia estendeuse a Oaxaca, Guatemala, O Taxín e o occidente de México. No centro da área oaxaqueña está rexida polo Monte Albán, cidade zapoteca cuxa influencia cultural chegou até Cholula e Huexotzinco sobre os anos 700. Na área maia, en costas do Golfo de México, nas zonas do Panuco, Tancahuitz, O Ébano e Tamposoque, floreceron centros cerimoniais huaxtecos cos seus típicos edificios de plantas circulares ou de esquinas redondeadas. Na área tiveron importancia as cidades de Curutarán, Apatzingan, Xiquilpan e Zinapécuaro; de todas estas culturas falaremos máis adiante.

Unha das cabeza feitas polos Olmecas, situada entre o Palenque e Villahermosa.

A cultura olmeca[editar | editar a fonte]

Coma xa dixemos un pouco antes, entre os anos 1.500 o 1.200 antes de Cristo comézase a coñecer na parte sur de Veracruz e no norte de Tabasco a situación da área central da cultura Olmeca, cuxa palabra ten o significado de "poboador do país do hule". A zona é rica en recursos naturais, polo que a caza e a pesca eran a súa principal ocupación, máis que a cría de animais domésticos (cans e guaxolotes). Canto á forma de labrar a terra, prevaleceu a agricultura de roza, que consiste en desmontar a vexetación da terra e sementar. A arte olmeca tivo a súa máxima expresión na escultura. Resaltan as cabezas monumentais, feitas en bloques de basalto de máis de dous metros de altitude e case 30 toneladas de peso. Os sitios olmecas mellor coñecidos son: San Lourenzo (tamén chamado Tenochtitlan) e Tres Zapotes na rexión de Veracruz; e A Venta, na rexión de Tabasco.

Ao redor do 400 - 300 A.C. iniciouse o proceso de decadencia e extinción dos olmecas, quedando deles o período neoclásico que perduraría até arredores do ano 750. Con todo, o estilo olmeca tivo unha ampla difusión, basicamente a causa do comercio e da relixión. Quizais fora o primeiro pobo que rebasou a condición de labrego, para comerciar e influír sobre outros pobos cun menor nivel de desenvolvemento, tanto foi así que se difundiu en tres direccións: *Unha cara o val de México (Tlatilco, Cuicuilco)

  • Outra cara o val de Oaxaca (fixo a fase máis antiga do Monte Albán)
  • A terceira dirixiuse cara a costa do Pacífico, a través o istmo de Tehuantepec, até terras altas de Guatemala (O Baúl e Kaminalxuiú).

Consideran os historiadores que habería a posibilidade de que politicamente estiveran constituídos como cidades-estados, cun certo grao de autonomía. Internamente, comprobouse a existencia de clases sociais e unha formación menos homoxénea que a doutros pobos. Unha das principais achegas dos olmecas ao coñecemento foi a utilización do calendario e do número cero nas matemáticas, feito que resulta revelador dun alto grao cultural.

Pódese dicir que os olmecas foron unha cultura "nai", xa que dela se desprenderon, dunha ou outra forma, as culturas que floreceron nas demais rexións de Mesoamérica e que, no conxunto, viviron durante uns nove séculos. A máis poderosa de todas elas, e cunha maior transcendencia, é a que se desenvolveu en torno a Tehotihuacán. Localizada nos vales de México e Puebla, converteuse na maior civilización urbana do Novo Mundo, e no gran centro relixioso de toda Mesoamérica alcanzando até máis de 100.000 habitantes. O seu poder rebasou a orde relixiosa e entrou na órbita política, convertendo a Teotihuacán nun estado imperialista, con incursións até Oaxaca e Guatemala. Neste momento xorden cidades suburbanas que converten a toda a rexión nunha zona metropolitana baseada no poderío militar e político, a influencia relixiosa e a riqueza do comercio. Como se acostuma dicir, “todo o bo, dura pouco”; por causas aínda descoñecidas deron fin a un dos grandes centros culturais, Tehotihuacán, co que se iniciou a caída das maxestosas cidades do clásico. As hipóteses de desastres agrícolas, pestes e invasións de outros pobos non serviron para xustificar o derrube, polo que se pensou en graves problemas sociais que acabaron en revolucións xeneralizadas en todo o territorio mesoamericano. O Taxín, Monte Albán e Xochicalco, que foron centros inferiores, aproveitaron esta caída para constituírse en focos de influencia.

Os toltecas, os maias e os otomís[editar | editar a fonte]

Pero novos pobos, que penetraron grazas á desaparición de Teotihuacán, déronlle transformación á organización política existente. Houbo cambios nos réximes teocráticos por gobernos da maioría militarista; isto pódese apreciar nas pinturas e na escultura da época nas que os guerreiros substitúen aos sacerdotes. Así, coñecese a segunda gran cultura do altiplano mexicano, a dos toltecas. A cultura tolteca desenvolveuse na zona que hoxe corresponde ao estado de Hidalgo e unha parte de Querétaro. Houbo unha grande influencia no seu redor, tanto nas súas concepcións de organización social, coma nas relixiosas e nas artísticas, transcendendo amplamente polas súas achegas culturais. A cidade de Tula converteuse deste modo nun elevado foco cultural. Como xa se dixo, ao rematar a hexemonía de Teotihuacán no val de México, abriuse un período de fragmentación nos que moitos estados pequenos dividíronse o territorio. Un destes pequenos grupos, o mexica, pouco importante politicamente nun principio, daría lugar a gran cultura que atoparon os españois no altiplano, nucleada ao redor da grande urbe de Tenochtitlan. No ano 1325 establecéronse nunha pequena illa no arquipélago do lago de Texcoco; o seu asentamento era símbolo da humildade da súa condición e do desprezo de que eran obxecto por parte dos pobos veciños, posto que os mexicas eran vasalos dos tepanecas de Azcapotzalco, situación que había de perdurar ata o ano 1427, momento no que se rebelan e logran a súa independencia iniciando así a súa ascensión política. Así, en menos de cen anos lograron constituírse no centro do mundo mesoamericano, coñecido por aquel tempo como o inicio do imperio Azteca, do que volveremos a tratar un pouco máis adiante.

Os aztecas foron a fusión derradeira da todas as culturas relixiosas e culturais do estado de México.

No sueste, entre as fragas e os ríos de Chiapas e Quintana Roo, levantouse un dos testemuños máis impresionantes da cultura antiga americana: os maias. Toda a rexión surleste da República mexicana foi cuberta pola civilización maia en diversos momentos do seu desenvolvemento; pero o maior esplendor alcánzase na rexión antes descrita, unha zona selvática e intrincada que co paso do tempo reservou para si moitas das respostas maias, ocorrería isto entre os anos 300 e 900 da nosa era. Centrada case nunca totalidade no actual departamento guatemalteco de Petén e nas áreas próximas dos estados de Chiapas e Tabasco, así como o territorio de Belize e a zona occidental de Honduras. Talaban con obsidiana e pedernal utensilios e armas, ou fabricaban con pedra puída. Tamén o millo era a base da alimentación dos maias. Completaban a súa subsistencia con tubérculos, feixóns, cabaza e chiles, ademais dunha froita da árbore chamada "ramón". A caza, a recolección, a pesca e a domesticación dalgúns animais eran parte da súa economía. Algunhas das súas cidades son: Tikal, Uxmal, Dzibilchaltún, Iaxchilán, Bonampak, Copán e Palenque. Os maias posuían un sistema vixesimal e mostraron grande interese pola astronomía. Por suposto, e como algunhas culturas máis, ao final do período Clásico a cultura maia decaeu. Outro tanto se pode dicir que pasou cos herdeiros dos principios culturais dos olmecas e das culturas do altiplano, alcanzaron un alto grao de refinamento na su vida cotiá. Lexisladores, astrónomos, artistas, escribas e sacerdotes, os maias evolucionaron sobre todo na arte, a ciencia e a relixión, ata chegar o seu misterioso fin.

As migracións de grupos culturalmente menos desenvolvidos, co contacto e o enfrontamento cos pobos xa asentados. En consecuencia os Otomís cunha cultura inferior á mesoamericana ocupan o val do Mezquital e a cunca de México (ocorría isto entre os anos 650 o 900), onde recibiron influencias dos pobos veciños. Os Tolteca-Chichimecas, pobos nahuas procedentes probablemente dos territorios de Jalisco e Zacatecas, tamén iniciaron a invasión do territorio no que aumentarían a súa cultura e dominarían por un longo período a política dos novos estados. Seguíase nunha etapa militarista, coa formación de imperios. O comercio foi unha actividade fundamental que, ademais de permitir o intercambio de produtos e materias primas, facilitaba o contacto cultural. Destas altitudes xa parece a introdución da metalurxia.

En toda a rexión costeira do Golfo de México e na continua extensión cara o norte xurdiron culturas locais, emparentadas cos maias, cos antigos olmecas e cos grupos do altiplano. Estes grupos deixaron á posteridade soberbios monumentos e belas obras de arte, como é o caso da pirámide do Taxín. Mentres tanto, noutras rexións, como a do Val de Oaxaca, florecía a cultura mixteca e espallábase a zapoteca, descendentes tamén dos olmecas, que deixaron testemuños tan fermosos como o Monte Albán, Mitla ou Yanhuitlán. A época que foi desde os anos 950 ata os 1325 foi clasificada na maioría do estado de México como un movemento migratorio e de invasións dos pobos de cultura inferior cara os demais pobos xa asentados noutras épocas; trouxo consigo a revitalización da cultura, a organización de novos estados reitores con poder militarista, o espallamento da metalurxia e a aparición dos códices de escritura ideográfica, que segundo os historiadores, serviron de base aos documentos coloniais. Con todo isto, perdurou unha sociedade estratificada na que a maioría da poboación se dedicaba en boa parte ao labradío, mantendo as clases de dirixentes integradas por administradores, militares e sacerdotes. A organización política preponderante xiraba en torno a cidades aparentemente independentes, pero na realidade estaban xerarquizadas a partir de unións hexemónicas de tres ou catro estados poderosos que dominaban varias zonas, as cales debían de pagar fortes tributos. Este tipo de relacións políticas mantíñaos en constante estado de guerra; que abarcaba o dominio de redes comerciais e o control dos tributos como papel importante. Por outra parte, estaba a relixión, que creaba un incentivo místico, ao favorecer as campañas militares esixindo un constante sacrificio de prisioneiros de guerra aos deuses.

Como xa se dixo antes, a área maia da zona central decaeu e o seus habitantes emigraron á península do Iucatán, que sufriu o forte desenvolvemento, en parte, a unha forte influencia do centro de México. Pero no cegados o redor do ano 1200 sofre unha notoria decadencia de novo no canto cultural e a política. Na área huaxteca xorden centros como O Tamuín e Castelo de Teaio, que acompañaban o florecemento da cidade de O Taxín. Co decaemento na área oaxaqueña de Monte Albán, permitiuse a sucesión de cidades zapotecas como as de Cuilapan, Zaachila, Teotitlán do Val e Iagul. Nesta época os conquistadores mixtecos ocupan os centros ceremoniais dándolle boa importancia á cidade de Mitla e a outras, onde se sofre a fusión das culturas zapoteca e mixteca permitíndolle un novo rexurdimento. Cara o Oeste os poderosos Tarascos crearon estados capaces de resistir os temibles conquistadores mexicas. Xa anteriormente, nos anos 900, grupos de nahuas que entraran no altiplano estenderon o seu dominio desde o actual estado de Hidalgo ata o estado de Guerrero, tendo a Tula por cidade principal. Unha cidade gobernada polo semihistórico e semilendario rei (deus) Quetzalcóatl (coñecido co seudónimo da “serpe emplumada”). A lenda di que este deus (Quetzalcóatl) enfrontouse ao deus Tezcatlipoca; tras unha intensa batalla, Quetzalcóatl decide marcharse cara o Oriente, coa premisa de que volvería. Os toltecas, influídos pola cultura dos grupos de tradición teotihuacana, crearon unha nova cultura que os seus descendentes nahuas consideraron moi importante, en realidade tan só foi un laino reflexo da gran civilización do período Clásico. A súa organización militarista levou a influencia até a afastada Chichén-Itzá, onde as normas arquitectónicas do centro de México fixo a adaptación de Quetzalcóatl baixo o culto a Kulkulcán, sen contar a mestura da combinación da tradición maia da que recibe o nome de culto. A caída de Tula dá herdanza e poderío a Tenaiuca e Azcapotzalco, pero a entrada de novos grupos exteriores, acaudillados por Xólotl (ao redor do ano 1244), recibe o dominio da cunca lacustre dando orixe ao estado vasalo de Aculhuacan. Neste apoxeo estamos, e xa sometidos os habitantes da zona maia, os iucatecas en a cidade de Maiapán.

Os aztecas[editar | editar a fonte]

Retomando as liñas anteriores e, nun momento no que os chichimecas estaban sometidos a unha aceleración no ritmo cultural xunto cun nacente poderío que topaba coa resistencia dos tepanecas de Azcapotzalco apoiados polos chalcas e os culhuas, chega á rexión dos lagos un grupo de labregos e pescadores que falaba un idioma náhuatl que buscaba un medio adecuado para as súas actividades. Sobre o ano 1276 chegan a Chapultepec, pero ao ser unha zona estratéxica foron expulsados polos pobos xa asentados no val, polo que pasaron a ser vasalos dos tepanecas e a establecerse en Culhuacán e Acolhuacan, dándoselles a liberdade ao loitar contra o señor de Xochimilco. O último destes pobos era os Mexicas ou Aztecas, que se viron na obriga de buscar un lugar onde poder fundar unha cidade. A peregrinación viña en base dunha lenda do deus Huitzilopochtli, segundo a cal poderían facer a cidade alí onde visen unha aguia pousada nun nopal comendo unha serpe. Isto ocorreu nun illote do lago Texcoco (ou Tetzcoco). Era o ano 1325 e fundaron un pequeno pobo de nome Mexico-Tenochtitlán. Os aztecas comezaron a intervir con decisión na vida política e militar dos demais pobos da cunca, aínda que nun principio o fixeron en calidade de mercenarios. No 1338 un grupo de mexicas funda tamén a cidade de México-Tlatelolco (mais o termo non está suficientemente claro, pois aparece baixo os termos de Texcoco e Tetzcoco). En pouco máis de cen anos xa se libraran do dominio tepaneca (era o ano 1430). Coa construción da cidade de Tlacopán (a que tamén se chamou Tacaba), os aztecas formaron a Triple Alianza, coa que se inicia o período de consolidación e expansión polo Val de México. Corría o ano 1470 cando se fixo a reconstrución do Templo Maior e de importantes monumentos, como a Grande Pedra do Sol, e a Pedra de Tizoc na cidade de Tenochtitlán.

Calendario azteca orixinal no Museo de Antropoloxía da Cidade de México.

En menos de cen anos, os aztecas e os seus aliados estendéronse primeiro polo altiplano central e despois cara as costas. Dominaron parte dos actuais estados de Puebla, México, Oaxaca, Veracruz, Hidalgo, Guerrero, Morelos e o Distrito Federal. Na agricultura usaron o sistema de rego e a roza, ademais do cultivo intensivo en Chinampas. O millo seguiu a exercer de alimento básico da poboación. Os aztecas dividíanse en dúas clases:

  • Nobres (pipiltin), que se encargaban da administración, o exército e a relixión
  • A xente do pobo (macehualtin), que na súa maioría realizaba traballos agrícolas.

Os seus mercaderes percorreron as principais rutas comerciais. Porén, o sistema de suxeición, que establecía pesadas cargas políticas e tributarias sen haber fusión a un grande estado trouxo un clima de descontento que facilitaría a conquista española. O imperio azteca estivo, ao parecer, gobernado por 12 emperadores desde a súa fundación no 1325 que se atribuíu a Tenoch até o ano 1520 no que tivo a dous (Cuitláhuac nun principio e Cuauhtémoc como derradeiro). Non obstante, a situación estaba máis ou menos calmada cando reinaba Moctezuma II Xocoiotzin, até que un día... .

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alicia Hernández Chávez México. Breve historia contemporánea. Fondo de Cultura Contemporánea, 2000, páxina 18

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]