Guerra contra o escaravello da pataca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escarvello da pataca

A guerra contra o escaravello da pataca foi unha campaña lanzada polos países do Pacto de Varsovia durante o período da guerra fría para erradicar a praga do escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata). Foi tamén unha operación de propaganda que afirmaba que estes insectos foran introducidos en Alemaña Oriental, a República Popular de Polonia e a Checoslovaquia comunista polos Estados Unidos como unha forma de guerra entomolóxica. A propaganda comunista daquel tempo afirmaba que os insectos eran lanzados sobre os campos con paracaídas e desde globos, nun intento de empobrecer as poboacións deses países, causando fames e facilitando unha crise económica.[1]

O escaravello[editar | editar a fonte]

Área de distribución nativa e de expansión do escaravello da pataca

O escaravello da pataca é unha praga común dos cultivos de patacas. É un insecto nativo dunha área entre Colorado e o norte de México, e foi descrito en 1824 por Thomas Say nas Montañas Rochosas. Desde a metade do século XIX foi unha das pragas máis destrutivas dos cultivos de patacas. O insecto foi expandindo a súa área de distribución por todos os Estados Unidos e, grazas ao comercio internacional, conseguiu chegar a Alemaña na década de 1870, pero nesa primeira invasión conseguiu ser erradicado. Porén, fixo unha segunda aparición despois da primeira guerra mundial na área de Bordeos, Francia, onde probablemente chegou nos cargamentos de equipamento das tropas estadounidenses.[2] Chegou á fronteira entre Francia e Alemaña en 1936 e continuou espallándose cara ao leste.[3] Probablemente foi transferido a Checoslovaquia durante a ocupación alemá despois do acordo de Múnic e a Polonia despois da invasión nazi en 1939.

O método máis común de tratar esta praga é co uso de pesticidas. O DDT foi usado con efectividade ata que o animal adquiriu resistencia a el pola década de 1950. Seguidamente, empregáronse outros insecticidas pero estes finalmente acababan con frecuencia tendo o mesmo problema.

Antes da guerra fría[editar | editar a fonte]

Aínda que non hai probas definitivas que apoien esta afirmación, a idea de usar o escaravello co propósito de facer a guerra ten orixe en varios feitos. Durante a primeira guerra mundial, os franceses tiñan realmente esbozado plans para usar o escaravello da pataca contra os alemáns e, á súa vez, durante a segunda guerra mundial, Alemaña traballou en desenvolver un exército de insectos propio, mentres que simultaneamente alegaba que ese programa estaba sendo levado a cabo polos Estados Unidos e os británicos.[3]

Durante a guerra fría[editar | editar a fonte]

Unión Soviética[editar | editar a fonte]

O escaravello da pataca cruzou as fronteiras da Unión Soviética en 1949, pero as autoridades soviéticas conseguiron erradicalo e unhas estritas restricións de corentena conseguiron impedir o seu espallamento, pero soamente ata 1958.[4] Despois diso, o escaravello espallouse moito pola URSS, afectando de forma importante as colleitas de patacas das granxas colectivas e dos pequenos terreos individuais. Estes últimos foron afectados de forma especialmente grave, xa que na URSS os pequenos granxeiros privados e xardineiros non tiñan acceso aos pesticidas efectivos distribuídos oficialmente, así que o escaravello, os seus ovos e larvas tiñan que ser retirados a man, a miúdo unha tarefa asignada aos rapaces.

República Democrática Alemá[editar | editar a fonte]

A organización dos xoves pioneiros de Alemaña oriental durante a guerra contra o escaravello da pataca. O rapaz da dereita, Bodo, estableceu un récord de escaravellos recollidos nun día, 2000. A rapaza da dereita, Magdalena, conseguiu recoller 800.

Despois da segunda guerra mundial, en 1950 case a metade de todos os campos de patacas da zona ocupada polos soviétricos de Alemaña estaban infestados polo escaravello. En Alemaña Oriental na década de 1950, o insecto recibiu o nome de "Amikäfer", un neoloxismo por "Amerikanischer Käfer", é dicir, o 'escaravello americano'. Distribuíronse pósters de propaganda que mostraban o escaravello marchando a través de Alemaña, coas súas bandas amarelas e negras substituídas por brancas e vermellas con estrelas brancas sobre fondo azul nunha parte do tórax, simulando a bandeira estadounidense.[1] Outros pósters mostraban como o escaravello estaba sendo lanzado desde avións americanos coa lenda "Kampf für den Frieden" ("A batalla pola paz"). Fíxose pública unha carta dirixida "ao pobo do mundo", que dicía que "os escaravellos son máis pequenos que a bomba atómica... pero tamén son unha arma dos imperialistas dos EUA na loita contra os traballadores e campesiños amantes da paz da Alemaña do Leste." Publicáronse tamén libros para nenos sobre o escaravello e organzáronse "Sondersuchtage" ("Días de investigación especial") nos cales se esperaba que todo o mundo, desde nenos pequenos a vellos, saíse aos campos a recoller esta praga para a súa destrución.[5]

República Popular de Polonia[editar | editar a fonte]

En Polonia, a guerra contra o escaravello da pataca (stonka) empezou na segunda metade da década de 1940. Apareceron artigos sobre a praga nos principais xornais e nas revistas para agricultores como Przysposobienie Rolnicze i Wojskowe ("Almanaque Agrícola e Militar"). O órgano oficial do partido comunista no poder Partido dos Traballadores Unidos de Polonia Trybuna Ludu ("Tribuna do pobo") informou que despois de seren lanzados sobre o mar Báltico desde avións americanos, os escaravellos apareceron en terra e empezaron a levar a cabo "accións de sabotaxe e distracción dirixidos contra a Polonia socialista". Como resultado, o goberno comunista declarou unha "guerra sen piedade contra o escaravello". Nomeouse un Naczelny Nadzwyczajny Komisarz ("comisario especial xeral") para supervisar o ataque contra os escaravellos, o país foi dividido en sectores estratéxicos e elaboráronse mapas de batalla que indicaban as posicións do inimigo. Simultaneamente, déronse instrucións aos granxeiros describindo as formas simples e efectivas de erradicar a praga se non se dispoñía de pesticidas; por exemplo afogar os espécimes na auga cunha pequena mestura de queroseno. Mesmo os poetas da Polonia socialista se uniron á loita, exemplificados polo poema "Alarma" de Maria Kownacka, que instruía aos agricultores a "protexer as patacas!!!" e dicíalle tanto ao escaravello coma aos imperialistas que "non deixaremos que nos maten de fame!!!" (exclamacións no orixinal).[6]

Un noticiario polaco de 1950, "Walka z stonką" ("A loita contra o escaravello"), afirmaba que "a opinión progresista do mundo condenou con todo dereito os crimes dos pilotos americanos que lanzaron tremendas cantidades de escaravelos da pataca nos campos da República Democrática Alemá... desde onde o escaravello invadiu o territorio polaco". O noticiario continuaba describido a campaña lanzada polo Ministerio de Agricultura polaco para erradicar a praga co uso do DDT (Azotox na súa versión do bloque soviético), a vixilancia da costa báltica de Polonia, a implicación da Forza aérea polaca, e a mobilización xeral da sociedade, especialmente a xente moza. O noticiario concluía que "a praga americana non terá éxito nin en Polonia nin en Alemaña. A provocación dos belicistas vaise estrelar e arder. Todo mundo á guerra contra o escaravello!"[7]

Nun libro de 1951 publicado polo Ministerio de Defensa polaco, Zofia Kowalska escribiu que avións americanos lanzaran os escaravellos "violando o espazo aéreo soberano", a noite do 24 de maio en Alemaña Oriental, no Zwickauer Land de Saxonia.[8]

En Polonia a campaña asociada co escaravello rematou a principios da década de 1960.

Resposta de Occidente[editar | editar a fonte]

En resposta ás alegacións feitas polos gobernos dos países do bloque soviético, os EUA fixeron desmentidos non moi enérxicos.[5] En agosto de 1950, por suxestión da CIA, as autoridades de Alemaña Occidental imprimiron réplicas de cartolina do tamaño de postais do escaravello da pataca con slogans políticos e a letra "F" de "Freiheit" ("liberdade"). Un certo número delas enviouse a todos os gobernos municipais de Alemaña Oriental e o resto foi lanzado desde globos sobre o territorio de Alemaña Oriental como unha provocación e para causar terror.[9]

Era moderna[editar | editar a fonte]

Na Unión Europea, o escaravello da pataca segue sendo unha praga regulada (con corentena) na República de Irlanda, illas Baleares, Chipre, Malta e partes do sur de Suecia e Finlandia, xunto cos estados non membros Reino Unido e Noruega. Non é endémico en ningún deses países, aínda que ocorren infestacións ocasionais, como en Finlandia no verán de 2011, cando fortes ventos trouxeron escaravellos desde Rusia.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Lockwood, Jeffrey A. (2008). Six-Legged Soldiers: Using Insects as Weapons of War. Oxford University Press. p. 136. ISBN 978-0199743889. 
  2. Lockwood, Jeffrey A. (2008). Six-Legged Soldiers: Using Insects as Weapons of War. Oxford University Press. p. 407. ISBN 978-0199743889. 
  3. 3,0 3,1 Leitenberg, M.; Zilinskas, R. A.; Kuhn, J. H. (2012). The Soviet Biological Weapons Program: a history. Harvard University Press. p. 408. ISBN 978-0674065260. 
  4. Insect Pests of Potato: Global Perspectives on Biology and Management, editado por Andrei Alyokhin, Charles Vincent, Philippe Giordanengo, páxina 14
  5. 5,0 5,1 "Kartoffelkäfer". Landwirtschaft. Chronik und Dorfbuch Widdershausen. Arquivado dende o orixinal o 19 de xaneiro de 2018. Consultado o 21 de outubro de 2013. 
  6. Daszkiewicz, Alicja (29 de novembrfo de 2006). "Desant stonki". Edukacja i szkolenie. Farmer.pl Portal Nowoczesnego Rolnika. Consultado o 22 de outubro de 2013. 
  7. Walka z stonka (War against the beetle) (Film). Wytwórnia Filmów Dokumentalnych. 1950. 
  8. Kowalska, Zofia (1951). Stonka ziemniaczana. Ministerstwo Obrony Narodowej (Ministry of National Defense, Poland). 
  9. Körner, Klaus. "Politische Broschüren im Kalten Krieg". "SBZ von A-Z" - gesamtdeutsche Broschüren?. Deutsches historisches Museum. p. 4. Consultado o 22 de outubro de 2013. 
  10. Koloradonkuoriainen hyppyyttää tarkastajia perunapelloilla YLE news (en finés)
  11. Herrmann, Bernd (2009). Schauplätze und Themen der Umweltgeschichte : Umwelthistorische Miszellen aus dem Graduiertenkolleg. ISBN 9783941875234.