Giovanni Pico della Mirandola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Giovanni Pico della Mirandola, retrato por artista descoñecido, Uffizi, Florencia.

Giovanni Pico della Mirandola naceu en Ferrara o 24 de febreiro de 1463 e faleceu o 17 de novembro do ano 1494, en Florencia. Foi un humanista e pensador italiano.

Biografía[editar | editar a fonte]

Estudou na universidade de Boloña e, só con 14 anos de idade, publicou "As Decretais". Viaxou polo territorio italiano e máis tarde por Francia, onde tamén asistiu á universidade. Estudou linguas: grego, árabe, hebreo e mais caldeo, con afán de poder entender o Corán, a Cábala, os oráculos caldeos e os diálogos platónicos nos seus textos orixinais.

En 1485, durante a súa estadía en París, leu os traballos do Averroes, o filósofo e teólogo axarita que introducira o pensamento aristotélico en Occidente. Alá, ocorréuselle a idea de unificar as tradicións culturais superviventes naquela época. No ano seguinte, xa de volta a Italia, con só vinte e tres anos, raptou en Arezzo a esposa de Giuliano Moriotto de Medicis, un parente dos Medicis florentinos, feito polo que foi perseguido, atacado e ferido.

A fins do ano 1486, publicou en Roma as súas Conclusiones philosophicae, cabalisticae et theologicae, coñecidas como as 900 teses. Trátase de novecentas proposicións recollidas das máis diversas fontes culturais, tanto de filósofos e teólogos latinos coma de árabes, dos peripatéticos e dos platónicos. Incluíu aínda os pensadores esotéricos, como Hermes Trimegist, e tamén os libros hebreos. A obra ía precedida dunha introdución, que titulou Discurso sobre a dignidade do home, texto que se converteu nun clásico, no cal Pico formula tres dos ideais do Renacemento: o dereito inalienábel á discrepancia, o respecto polas diversidades culturais e relixiosas e, finalmente, o dereito ao medramento e o enriquecemento da vida a partir da diferencia.

En canto ás teses, a súa intención era demostrar que o cristianismo era o punto de converxencia das tradicións culturais, relixiosas, filosòficas e teolóxicas máis diversas. O seu propósito era que estas novecentas conclusións se discutisen en Roma, despois da Epifanía de 1487, por homes doctos de todo o mundo, para inaugurar unha paz filosófica entre os cultivadores de todas as doutrinas.

Porén, trece das teses foron consideradas "sospeitosas de herexía". O papa vencellounas coa maxia cabalística, prohibindo que seguise adiante o debate. Pico non tivo mellor idea que escribir unha Apoloxía, na cal defendeu as teses cuestionadas, de forma que os doutores clericais consideraron aquilo un acto de soberbia e teimudez. Xulgado e condenado por herexía, Pico foi escomungado, ante o cal escapou para Francia, onde foi detido e conducido á cadea de Vincennes.

O herdeiro do trono de Francia, o futuro rei Carlos VIII, intercedeu no seu favor, polo que foi liberado. Logo disto, aceptou unha invitación de Lourenzo o Magnífico de Medicis (1449-1492), banqueiro, político e mecenas italiano, para instalarse en Florencia. No ano 1489 finalizou o Heptaplus, relato místico da creación do Universo, e que versa sobre a Xénese, no cal tentaba desentrañar os seus significados máis recónditos.

Dous anos máis tarde, en 1491, con vinte e oito anos de idade, renunciou aos seus bens, entregándose a un profundo fervor relixioso. O papa Alexandre VI admitiuno de novo no seo da Igrexa católica. Mais Pico non renunciou a ningunha das súas teses. Ingresou na orde dos dominicos, cuxos hábitos chegou a vestir pouco antes da súa morte, acontecida aos trinta e un anos en Florencia, o 17 de novembro de 1494.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Giovanni Pico della Mirandola
Neoplatonismo
Filósofos neoplatónicos Amonio Sacas | Filón de Alexandría | Hipatia | Iámblico | Plotino | Plutarco | Porfirio | Proclo | Pseudo-Dionisio
Conceptos básicos Emanacións | Hipóstase | Monismo | Nous | Un
Filósofos influenciados Agostiño de Hipona | Escoto Eríxena | Marsilio Ficino | Pico della Mirandola