Fenómeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un fenómeno é un acontecemento observábel[1], particularmente algo especial (literalmente "algo que pode ser visto", derivado da palabra grega φαινόμενoν phenómenon, 'aparencia', 'manifestación' (que á súa vez derivada de φαινομαι, 'aparecer', 'facer visíbel'); en plural, φαινόμενα phenómena, é o aspecto que as cousas ofrecen ante os nosos sentidos, é dicir, o primeiro contacto que temos coas cousas, o que denominamos experiencia Como, por exemplo, na área da física, os feitos observados por Galileo Galilei.[2]

A mesma palabra fai pensar que detrás do fenómeno pode existir unha estrutura non perceptíbel directamente, que o filósofo Immanuel Kant chamou nóumeno.[3]

Fenómeno en filosofía[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo valárabase como verdadeiro o que "estaba oculto" máis alá da aparencia, do fenómeno, e o intento do coñecemento era "desvelar" iso oculto como esencia, así como diversas clases de verdade.

O termo fenómeno ten un sentido especial na filosofía de Kant, ao poñer en contraposición o concepto de fenómeno co de nóumeno. Os fenómenos constitúen o mundo tal como o percibimos, en oposición ao mundo tal como existe independentemente da nosa experiencia, ao que Kant chama "a cousa en si mesma" (Das Ding an sich). Segundo Kant, o ser humano non pode coñecer as cousas-en-si-mesmas, senón só as cousas tal como as percibe ou experimenta.[4] Polo tanto, a tarefa da filosofía consiste en tratar de comprender o propio proceso da experiencia.

O concepto de fenómeno levou ao nacemento dunha corrente da filosofía coñecida como fenomenoloxía. Entre as figuras notábeis de dita corrente cóntanse os filósofos alemáns Hegel, Husserl e Heidegger, así como o francés Derrida.

A versión kantiana dos fenómenos considerouse así mesmo que influíu grandemente no desenvolvemento dos modelos psicodinámicos na psicoloxía, así como das más recentes teorías sobre o modo en que interaccionan o cerebro, a mente e o mundo exterior.

A percepción de Kant acerca dos fenómenos foi tamén interpretada como influente no desenvolvemento de modelos psicodinámicos da psicoloxía, e de teorías acerca do modo como o cerebro e a mente interactúan co mundo exterior.

Fenómeno nas ciencias[editar | editar a fonte]

Un fenómeno é calquera feito observábel. Os fenómenos son obxecto de estudo dea ciencia.

É posíbel reagrupar baixo unha denominación máis específica todos so fenómenos dun certo ámbito, e ter por exemplo —a partir de todos os sucesos que teñen que ver coa óptica e coa luz— a categoría fenómenos ópticos.

Algúns fenómenos comúns, naturais, son facilmente observábeis, como os fenómenos climáticos. Para apreciar outros requírense operacións delicadas e a manipulación de equipos custosos e complexos, como os fenómenos biolóxicos a nivel celular, ou a nivel molecular.

Algunhas destas observacións conduciron a experimentos significativos que trouxeron consigo importantes descubrimentos.

Existe unha clase de fenómenos xeralmente excluída do coñecemento asumido como válido cientificamente, como os do dominio da parapsicoloxía, dos que os científicos non se ocupan e que se agrupan e se discuten como fenómenos anómalos ou paranormais.

Dos moitos tipos de fenómenos do campo das ciencias os máis importantes son dous:

  • Fenómenos químicos: tamén denominados reaccións químicas, son os sucesos observábeis e que poden ser medidos nos cales as substancias intervenientes 'cambian' ao combinárense entre si para formaren novas substancias. A nivel subatómico implican una interacción que se produce a nivel dos electróns dos átomos das substancias intervenientes. Nestes fenómenos non se conserva as substancias orixinais, transfórmase a materia, manifestan enerxía, normalmente non se observan a simple vista e son irreversíbeis en moitos casos.

Fálase noutros casos, por exemplo, de fenómenos de transporte para agrupar nunha única rúbrica os fenómenos físicos relativos principalmente a transferencia de calor, cambio de materia e cambio de cantidade de movemento (e tamén na transferencia doutras magnitudes físicas).

É posíbel facer unha lista de fenómenos que son relevantes en practicamente calquera campo das ciencias.[5]

Fenómeno na linguaxe corrente[editar | editar a fonte]

Na fala corrente denomínase fenómeno a:

  • Calquera manifestación ou actividade que se produce na natureza ou na vida social, en canto que é un feito observábel: "O arco da vella é un fenómeno luminoso". "O fenómeno da emigración".
  • Algunha cousa que é extraordinaria e sorprendente: "Este dianteiro é un fenómeno". "É un fenómeno en bioloxía".
  • En sentido figurado e familiar desígnase como fenómeno a unha persoa ou animal monstruoso. "Fenómeno sen pernas".
  • Tamén, en sentido figurado e familiar, a palabra fenómeno ten uso como adxectivo, para cualificar algo que é moi bo, magnífico ou extraordinario: "Onte pasámolo fenómeno". "Tes unha amiga fenómeno".

Citas[editar | editar a fonte]

  • "Ningún fenómeno é fenómeno até que se observa". Niels Bohr.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. New Oxford American Dictionary (2 ed.).
  2. Jeremy Bernstein, A Theory for Everything, Copernicus, An imprint of Springer.
  3. Do grego νοούμενον, participio presente de νοέω "o que penso agora, o que entendo"; plural: νοούμενα, que representa unha especie intelíxbel ou idea e indica todo o que non pode ser percibido no mundo tanxíbel, pero que pode derivarse mediante o razoamento. O nóumeno, como concepto, funda a idea de metafísica en Platón.
  4. O termo "filosofía" na época de Kant sería hoxe o equivalente aproximado do que chamamos "ciencia".
  5. Así, podemos falar, por exemplo, e entre outros, de fenómeno biolóxico (en bioloxía), fenómeno climático (en meteoroloxía), fenómeno eléctrico (en electricidade), fenómeno estatístico (en estatística), fenómeno físico (en física), fenómeno hidrolóxico (en hidroloxía), fenómeno óptico (en óptica), fenómeno químico (en química), fenómeno térmico (en termodinámica), fenómeno xeolóxico (en xeoloxía), etc.