Emiliano Barral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEmiliano Barral

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(es) Emiliano Barral López Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento8 de agosto de 1896 Editar o valor em Wikidata
Sepúlveda, España Editar o valor em Wikidata
Morte21 de novembro de 1936 Editar o valor em Wikidata (40 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte en combate Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio Civil de Madrid 40°25′17″N 3°38′04″O / 40.421519, -3.634417 Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultor , político Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Autorretrato de Emiliano Barral en pedra de Sepúlveda (talla directa); 42,5 ×30 ×20 cm; Museo de Segovia (col. familia Barral); ca. 1933-34

Emiliano Barral López, nado en Sepúlveda, Segovia, o 8 de agosto de 1896 e finado na fronte de Usera, Madrid, o 21 de novembro de 1936, foi un escultor español do realismo antiacademicista do inicio do século XX.[1] Autodidacta, respectado por escritores como Antonio Machado e políticos como Pablo Iglesias, educado nun ambiente anarquista e solidario, a súa arte e a súa vida truncáronse ao comezo da guerra civil española cando, leal aos seus ideais, caeu defendendo Madrid "contra un exército de traidores, de mercenarios e de estranxeiros".[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido nunha familia de canteiros, aprendeu de neno o oficio de tallar a pedra xunto cos seus tres irmáns máis novos. Creceu no ambiente cultural dunha loxa anarquista sostida por Isidro Barral, o seu pai.[3] Moi novo "fuxiu" a Valencia e Barcelona, onde contactou cos grupos anarquistas da cidade condal, e máis tarde a Lión e París, onde conseguiu traballo de canteiro funerario, e posteriormente outras encargas, antes de regresar á vila natal.[4]

(de esquerda a dereita:) Emiliano Barral, Antonio Machado, Eugenio de la Torre "Torreagero" e Julián María Otero no xardín de San Gregorio (Segovia, España), cara a 1923.

Con vinte e un anos chegou a Madrid para realizar o servizo militar, onde coñeceu o granadino Juan Cristóbal, en cuxo taller fixo algúns bustos e cabezas de amigos. En 1919 regresou a Segovia e a través dunha exposición contactou cun círculo de intelectuais, incluíndo Antonio Machado, Blas Zambrano ou o ceramista Fernando Arranz, quen sería o seu cuñado ao casar con Elvira Arranz.[5] Fernando Arranz, logo de caer en combate Emiliano, volveu para a Arxentina.

En 1927, Barral trasladouse definitivamente a Madrid, onde naceu o seu primeiro e único fillo, Fernando Barral Arranz.[a]

En 1929 participou na Exposición Internacional de Barcelona e na Iberoamericana de Sevilla representando o pavillón de Castela e León. Ese mesmo ano realizou a súa primeira exposición individual en Madrid.[6]

Aquela primeira individual de Barral resultou esencial na súa carreira artística. O busto Segoviana foi adquirido polo entón Museo de Arte Moderna (pasando despois aos fondos do Museo Raíña Sofía); a súa composición retitulada Zoe, ao ser comprada en cincuenta mil pesetas polo Duque de Alba, foi a primeira escultura de estilo e autor contemporáneos que entrou no Palacio de Liria; outro mecenas, o doutor Vital Aza, comprou unha Maternidade; a peza doutra maternidade, a do conxunto monumental de Pablo Iglesias, foi inutilmente requirida polo director do Museo de Arte de Chicago.

En 1936 inaugurouse na Moncloa de Madrid, o monumento a Pablo Iglesias, segundo o proxecto aprobado en abril de 1933 que fora presentado por un equipo que formaban o arquitecto Esteban de la Mora, o pintor Luis Quintanilla e Barral. A obra monumental foi destruída en 1939, ao concluír a guerra civil. Os cascotes foron empregados na construción da tapia que separa os xardíns do Retiro de Madrid da rúa Menéndez Pelayo. A gran cabeza do líder socialista foi salvada por iniciativa do delineante Gabriel Pradal que a enterrou e gardou un plano da súa localización. Foi, en efecto, recuperada o 7 de febreiro de 1979.[b][7]

Páxina autógrafa de Antonio Machado (1875-1939), co poema dedicado "Ao escultor Emiliano Barral", publicado en 1924 en Nuevas canciones.

Antonio Machado deixou escrito o seu epitafio cunha vibrante evocación ás Coplas a la muerte de su padre do poeta renacentista Jorge Manrique:

Cayó Emiliano Barral, capitán de las milicias de Segovia, a las puertas de Madrid, defendiendo su patria contra un ejército de traidores, de mercenarios y de extranjeros. Era tan gran escultor, que hasta su muerte nos dejó esculpida en un gesto inmortal.
Y aunque su vida murió,
nos dejó harto consuelo
su memoria.

Isaac Díaz Pardo dedicoulle unha monografía, publicada en Ediciós do Castro.

Obra[editar | editar a fonte]

Barral desenvolveu o seu traballo en todo tipo de superficies (madeira, arxila, xeso, alabastro, granito... Entre 1917 e 1939 esculpiu numerosos retratos de escritores (Antonio Machado), médicos (Gregorio Marañón) e políticos (Pablo Iglesias Posse), así como os dedicados a familiares, amigos e personaxes do seu contorno segoviano.

No apartado monumental, o mausoleo no Cemiterio Civil de Madrid, os monumentos a Diego Arias de Miranda en Aranda de Duero, ao doutor García Tapia en Riaza, a Gaspar Núñez de Arce e Leopoldo Cano, ambos en Valladolid; e, polo seu vangardismo, o monumento dedicado ao enxeñeiro Manuel Orueta (morto ao tentar salvar a vida de dous obreiros que faleceron con el no porto de Xixón e inaugurado en 1927).[c]

Nun plano máis persoal, Barral e os seus irmáns crearon algunhas interesantes zoomorfias: o Gran pingüín (1926) de mármore (en paradoiro descoñecido) e en especial os seus Osos polares (1931) de 240×150×90 cm, conservados na colección de González Bueno.

Ademais da súa importante obra ao aire libre e a conservada en coleccións privadas, Barral ten algunhas pezas representativas no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía, varias delas cedidas polo seu fillo, e en diversas institucións gobernamentais, fundacións e sedes políticas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O oleiro partiu nunha longa viaxe que o levou á Arxentina, país onde máis tarde foi nacionalizado. Alí foi mestre da escultora e ceramista galega Elena Colmeiro, filla de Manuel Colmeiro Guimarás.
  2. Texto aproximado da noticia aparecida no xornal ABC do 8 de febreiro de 1979: "O busto de Pablo Iglesias, fundador do Partido Socialista dos Traballadores Socialistas, soterrado hai trinta e nove anos, foi desenterrado onte nos xardíns de Cecilio Rodríguez, do Parque do Retiro de Madrid. Estiveron presentes Alfonso Guerra, Javier Solana, Máximo Rodríguez, Enrique Múgica e Carmen García Biloise mentres se desenterrou a cabeza de 1.500 quilos de granito para ser trasladada á sede do PSOE en Ferraz de Madrid ."
  3. Acabada a Guerra Civil, o monumento vallisoletano a Leopoldo Cano correu a mesma triste sorte que o de Pablo Iglesias en Madrid. Foi destruído. (Referido por: J.M. Santamaría, Emiliano Barral (1986), páx. 55; e no Discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes da Purísima Concepción de Valladolid, a cargo de Jesús Urrea Fernández, en 1980).
Referencias
  1. Antonio Bonet Correa, en "Dos escultores: Emiliano Barral / Francisco Pérez Mateo" (introducción). Aula de Artes Plásticas da Universidad Complutense de Madrid, 1982 (pp. 9-10).
  2. Antonio Machado: "Al escultor Emiliano Barral" (164 IX), en "Nuevas Canciones" (1924).
  3. "El abuelo Isidro Barral", descrición no blog de Fernando Barral, o fillo de Emiliano Barral. Consultado en maio de 2014.
  4. Santamaría, 1986, pág. 17
  5. Sanamaría, 1986, páx. 32
  6. Artigo de Ángel Sánchez Rivero sobre a "Exposición de Emiliano Barral" en Arte Español. Madrid, 1929; ano XVIII, tomo IX, núm. 6, pp. 448-451 (edición facsímile de UAB). Consultado en maio de 2014.
  7. Santamaría, 1986, páx. 44.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Biografías noveladas
Monografías

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]