Jorge Manrique

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jorge Manrique

Jorge Manrique, nado en Paredes de Nava, Palencia, cara ao ano 1440 e finado en Castillo de Garcimuñoz, Cuenca, no 1479, foi un poeta español. Debe a súa sona ao poema Coplas por la muerte de su padre.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Membro dunha das familias nobres máis vellas de Castela, foi fillo de Rodrigo Manrique, mestre da orde de Santiago ,e sobriño do tamén poeta Gómez Manrique. Compaxinou a súa actividade poética coa bélica, seguindo a tradición familiar. Combateu activamente nas guerras libradas polos partidarios de Xoana a Beltranexa e os de Isabel a Católica pola sucesión ao trono de Castela, tomando partido pola última. Precisamente nesta contenda, no transcurso dunha acción militar na batalla de Uclés (concretamente a toma do castelo de Garcimuñoz), foi ferido mortalmente, falecendo pouco despois.

Poesía[editar | editar a fonte]

A súa produción poética menor, reunida nun Cancionero, está composta por unhas 50 cancións nas que cultiva a arte real, poemas amorosos orixinarios da Provenza, xunto con outras composicións de mofa e algunhas doutrinais.

Pero, sen dúbida, foron as Coplas por la muerte de su padre, de temática ben distinta, as que consagraron a Jorge Manrique como un dos principais poetas medievais en lingua castelá. Escritas en coplas de pé quebrado (doce versos, dos cales, 1º e 2º, 4º e 5º, 7º e 8º, son octosílabos, e 3º, 6º, 9º e 12º, tetrasílabos), constitúen unha elexía na cal se poden enxergar dúas partes fundamentais. Na primeira realiza unha reflexión sobre a morte en sentido universal, para logo facer o eloxio fúnebre do seu pai. En total, son 43 coplas nas que o autor condensa os principios fundamentais da filosofía cristiá, cun estilo que, apartándose dos tópicos macabros habituais na época, acada unha intensa fondura emotiva. Foxe ademais de todo exceso erudito ou retórico; pola contra, a sobriedade expresiva e a linguaxe sinxela que emprega fan deste poema unha obra doada de comprender, o que acentúa o seu carácter universal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Coplas por la muerte de su padre (1983). Ed. Castalia.
  • Lázaro, F. e Tusón, V. (1988). Literatura Española 2º BUP. Ed. Anaya

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Jorge Manrique