David Livingstone

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
David Livingstone
David Livingstone
Doutor Livingstone
Nacemento: 1813
Blantyre, South Lanarkshire, Escocia Escocia
Falecemento: 1873
Chitambo, Zambia Zambia
Ocupación: explorador, médico, misioneiro

David Livingstone, nado en Blantyre, South Lanarkshire, (Escocia) en 1813 e falecido en Chitambo, na actual Zambia en 1873, foi un explorador, médico e misioneiro escocés, coñecido principalmente polo descubrimento das cataratas Victoria e pola súa actividade anti-escravista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Tras cursa-las carreiras de medicina e teoloxía, Livingstone entra na Sociedade de Misioneiros de Londres e en 1840 e enviado a África, á zona de Bechuanalandia (actual Botswana). En 1844 casa con Mary Moffat, quen estivo xunto a el en África algúns anos antes de volver a Inglaterra cos seus fillos.

Primeira viaxe[editar | editar a fonte]

Durante oito anos exerceu a súa actividade misioneira pola rexión, percorrendo o deserto do Kalahari e descubrindo o lago Ngami (1849) e o río Zambeze. No ano 1852 decide atravesar o sur de África de lado a lado; durante a viaxe descubriu as Cataratas Victoria (1855) ás que lles puxo ese nome en honor da raíña Vitoria. Pouco tempo despois volta a Inglaterra debido a que a sociedade misioneira á que pertencía retiroulle a finaciación. Á súa volta descubriu que a súa familia estaba case na miseria e decidiu publicar un libro narrando a súa viaxe. O libro titulouse Missionary travels (Viaxes misioneiras) e foi un éxito, converteuno nun heroe e a súa familia nunca máis tivo necesidade de cartos. Nese libro, Livingstone facía unha visión demasiado optimista da súa viaxe, dando pouca importancia aos perigos que correu (a viaxe afectou gravemente a saúde de Livingstone que sufriu 27 ataques de malaria e foi mordido por un león en 1843) e máis á beleza do lugar. Sen dúbida, Livingstone pretendía promocionar África como unha posible colonia inglesa, pero outros exploradores que animados polo seu libro decidiron repetir a súa aventura non tiveron tanta sorte.

Segunda viaxe[editar | editar a fonte]

Sen a axuda da sociedade misioneira, Livingstone propúxose conseguir novas fontes de financiación para volver a África nunha nova expedición e conseguiunas na Royal Geography Society. En 1858 volveu a África cunha grande expedición inglesa na que lle acompañaban moitos eruditos. Explorou o espazo comprendido entre o lago Nyassa e o Zambeze. Sen embargo o río era innavegable a partir dos rápidos de Kabrabasa e o barco da expedición non era tan manexable como as pequenas canoas que Livingstone utilizou na súa primeira viaxe, que ademais se podían transportar por terra. Livingstone empeñouse en continuar e a expedición acabou en desastre, morreron moitos dos membros occidentais, entre eles a súa muller Mary a causa dun ataque de disentería en 1863, e o seu irmán Charles. En 1864 volveu a Inglaterra coa súa reputación polo chan.

David Livingstone, Frederick Havill

Terceira viaxe[editar | editar a fonte]

Livingstone quería volver a África e aproveitou a polémica existente sobre as fontes do Nilo e a pesar da súa caída en desgraza puido convencer a Royal Geography Society e a un investidor independiente de que financiasen o seu proxecto pa descubrir o nacemento do río. Algúns historiadores opinan que o das fontes do Nilo non foi máis que unha excusa e que o que Livingstone en realidade quería era morrer en África.

En marzo de 1866 Livingstone estaba de novo en África, esta vez comezou a súa expedición na illa de Zanzíbar (actualmente pertencente a Tanzania), descubriu os lagos de Bangüelo e Moero, e o río Lualaba, que erroneamente identificou co Nilo (en realidade é un afluente do río Congo). Despois dirixiuse á ribeira do lago Tanganica (1867).

Desaparición e encontro con Stanley[editar | editar a fonte]

A partir de 1868 non se soubo nada do doutor Livingstone, os desertores da expedición espallaron rumores sobre a súa a morte pero a opinión pública mostrábase escéptica. Un ano despois da desaparición, o xornal New York Herald mandou o seu reporteiro estrella, Henry Morton Stanley, na procura de Livingstone. O repoteiro dirixiuse a Zanzíbar na espera de que o doutor aparecese (ese era o lugar onde repoñía as súas provisións) pero non deu resultado. Así, durante varios meses dedicouse a explora-la zona ata que un día chegou a Ujiji, onde os nativos o informaron de que o Livingstone se atopaba alí. O encontro foi o 11 de novembro de 1871 [1] e é lexendaria a frase que Stanley pronunciou ao saudar ao explorador: Doutor Livingstone, supoño.

Stanley pensaba quedarse moi pouco tempo con Livingstone pero a personalidade deste asombrouno e levouno a pasar máis de catro meses con el, tempo no que exploraron o lago Tanganika. Stanley tentou que o doutor voltase a Inglaterra pero a súa saúde era moi delicada e quedou en África cando ambos se despediron en 1872 en Uyanyembe. Á súa volta, o reporteiro escribiría un libro sobre o seu encontro co doutor no que facía quizás unha visión demasiado optimista del (presentaba ao doutor cunha aura de santidade), talvez pareceulle máis comercial presentar un santo que un vello amargado, ou quizá realmente o doutor impresionouno de tal forma que só viu os aspectos positivos da súa personalidade.

Estatua de Livingstone, preto das cataratas Victoria

Enfermidade e morte[editar | editar a fonte]

Livingstone quería completa-la súa misión, e a pesar da súa mala saúde continuou as exploracións ata o 1 de maio de 1873, data en que morreu en Chitambo, daquela Rodesia Setentrional e agora en Zambia, a causa da malaria e dunha hemorraxia interna producida por unha obstrución intestinal. Susi e Chamah, antigos compañeiros africanos do doutor, extraeron os seus órganos e enterráronos ó pé dunha árbore, encheron o seu corpo de sal e deixárono secar durante 14 días. Despois levárono ata o cónsul británico en Bagamoio que trasladou o cadáver a Inglaterra. Un exame forense no que se identificaron as lesións no brazo esquerdo a causa do ataque do león permitiu asegura-la autenticidade dos restos. O seu ataúde estivo exposto pola Royal Geography Society e o 18 de abril de 1874 (que foi día de loito nacional) foi enterrado na abadía de Westminster, despedido como un heroe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. No seu diario, Livingstone rexistrara a data como o 24 de outubro, como consecuencia do seu erro no cómputo do tempo nestes 3 anos illado.