Lago Niassa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O lago Niassa visto desde o espazo

O lago Niassa (tamén coñecido como lago Malawi ou Nyasa en kiswahili) é un dos Grandes Lagos Africanos e atópase no Val do Rift, entre Malawi, Tanzania e Mozambique. Cunha orientación norte-sur, o lago ten 560 km de longo, 80 km de largura máxima e 700 m de profundidade.

É o único lago no mundo que conforma unha rexión bioxeográfica específica, con preto de 400 especies endémicas de cíclidos descritas (arredor do 30 % de todos os cíclidos coñecidos no mundo) e probabelmente quedan aínda moitas por descubir. Estímase que ten unha idade de entre un e dous millóns de anos. Posto que se encontra nunha rexión tropical e é moi profundo, o lago está permanentemente estratificado, cun epilimnio máis quente sobre un hipolimnio máis frío. O nivel da auga varía coas estacións do ano e ten aínda un ciclo de longa duración, cos niveis máis altos en anos recentes, desde que existen rexistros.

Na lingua chiNyanja, falada na beira mozambicana do lago, niassa significa lago - tal como o propio nome do pobo que usa aquela lingua, os Nyanja, significa pobo do lago. En chichewa, unha das linguas de Malawi, a palabra malawi significa ao nacer do sol, visto que, estando no occidente do lago, é desa forma que os habitantes de Malaui do sur ven nacer o día sobre o lago.

O Parque Nacional do Lago Malawi, no sur de Malawi, que abrangue a extremidade sur do lago, unha ducia de illas, unha rexión de reserva forestal e unha zona acuática até 100 m da costa foi inscrito pola UNESCO en 1984 na lista dos lugares que son Patrimonio da Humanidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]