Conservatorio Nacional de Arte Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado no ano 1919, foi unha unha iniciativa das Irmandades da Fala, concretamente da Irmandade coruñesa. Á fronte do mesmo, durante os seus primeiros meses de existencia, estivo Fernando Osorio Docampo, un actor profesional formado en Lisboa com Júlio Dantas. Naquela altura, a capital lusa era unha das capitais europeas do teatro, e desenvolveu no vello continente un papel moi similar ao de Bos Aires a nivel mundial.

[editar] Historia

No mes de Xaneiro de 1919, anúnciase a creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega, co nome orixinal de Conservatorio Nazonal de Arte Galego. Coa súa fundación, a dramática galega experimentará o impulso que precisaba, sobre todo despois da disolucíón da Escola Rexional de Declamación (1903-1905). Estamos, pois, ante unha nova tentativa de profesionalizar o teatro galego, formando os actores nas modernas técnicas teatrais traídas por Osorio de Lisboa. Alén disto, buscábase ampliar tanto a duración das obras como o repertorio da dramática nacional, un teatro innovador e de calidade estética.

Mais, o xurdimento do Conservatorio, perseguía igualmente cumprir con obxectivos políticos e sociolingüísticos. Por unha parte, buscábase crear un teatro en galego que fose atractivo para as minorías cultas, ás que xa non lles atraía o teatro rexionalista e que, en moitos casos, asistían ás representacións máis por unha sincera convicción política que pola calidade das pezas.

Por outra parte, pretendíase conducir cara ao uso do galego e cara ao recén inaugurado nacionalismo á clase media urbana, fortemente españolizada lingüística e politicamente. Para isto, debíanse presentar sobre o taboado personaxes pertencentes a medios non rurais, de clase alta ou media,comprometidas coa causa agrarista e a falar a lingua de Galiza.

Sabedores destas necesidades, os membros da Irmandade coruñesa (sobre todo Antón Vilar Ponte) encargaránlle a Ramón Cabanillas que escriba unha peza onde se reúnan todas estas características. E esa obra foi A Man de Santiña, obra impactante nó seu día para o público galego só polo feito de presenciar nunha determinada parte da obra unha conversa entre tres "señoritas" de clase acomodada, vehiculada na lingua do país e sobre un tema tan inaudito ata aquel entón como era o da moda (temática que os prexuízos da época asociaban á lingua española).

Así, o 22 de Abril de 1919, no Pavillón Lino da Coruña, o Conservatorio Nacional de Arte Galega ofrecerá a súa primeira función, cuxa obra principal será, precisamente, a peza do "Poeta da Raza" arriba citada, A Man de Santiña. Debido á curta extensión desta peza, a sesión completaríase con Uma Anécdota, do dramaturgo luso Marcelino Mesquita. A falta de precedentes dentro do teatro galego que encaixasen co ideal de dramática nacional que as Irmandades querían promover, provocou que se botase man dunha obra portuguesa.

A estrea do Conservatorio foi un éxito en todos os sentidos. Tal foi a súa boa acollida que, en Maio de 1919, anúnciase a estrea de Donosiña, de Xaime Quintanilla. Mais este drama en tres actos do escritor ferrolán presentaba o problema do adulterio e do matrimonio de conveniencia, a través dun enredo amoroso. Ademais, nun determinado momento, a obra ofreecíalle ao público a visión dunha muller bicando nos labios a un home (que, aínda por riba, non desenvolvía o papel do seu marido, senón do seu amante), algo para o que non estaba preparado o público galego naquel momento. Por isto, Donosiña e Quintanilla suscitaron involuntariamente unha grande polémica no mundo dramático galego. Para calmar os ánimos e non dividir as forzas do aínda feble teatro galego, o Conservatorio desapareceu como escola, ficando unicamente como cadro de declamación da Irmandade. E, Osorio, o seu director, formou a súa propia compañía, a cal non lle deu os beneficios económicos necesarios como para vivir do teatro, polo que tivo que emigrar. Antes da súa marcha, iso si, Fernando Osorio deixou un duro artigo na prensa no que deixaba constancia da súa iracunda opinión sobre os actores amadores e o público galego.

A partir de 1920, farase cargo do cadro de declamación do Conservatorio o actor Lois Lafuente, quen continuará na liña de ofrecer postas en escena de obras portuguesas (Amanhâ, de Manuel Laranjeira; Fim de Penitência, de Marcelino Mesquita; e mais Mater Dolorosa, de Júlio Dantas), as cales se combinarán con estreas obras galegas como Entre Dous Abismos de Antón Vilar Ponte; A Tola de Sobrán, de Francisco Porto Rei ou San Antón Casamenteiro, de Avelino Rodríguez Elías. Alén disto, o Conservatorio representará pezas anteriores á súa fundación como O Fidalgo (1918) de Xesús San Luís Romero ou obras da autoría do dúo conformado por Uxío Charlón e Manuel Sánchez Hermida (coñecidos como Charlón e Hermida), que non respondían a o espíto universalista que as Irmandades pretendían inferirlle ao noso teatro.

A segunda temporada do Conservatorio (1920-1921), que estará dirixida por Rodrigo García, botarase a andar coa estrea de Maria Rosa, de Gonzalo López Abente, obra que suscitou unha nova polémica, posto que o por daquelas machista público galego e mais os sectores máis radicalmente católicos das Irmandades non estaban a favor de que se representase unha peza de temática feminista e na que se critican os ben asentados prexuízos sexistas existentes e maioritarios na nosa sociedade nos anos de 1920.

Para calmar os caldeados ánimos, este cadro de declamación levou a escena pezas onde se volta á visión tradicional da muller, como Rosas de Todo o Ano e Soror Mariana, de Júlio Dantas, Roncar sem Dormir de Castro Soromelho e Os Dous Xordos, de Manuel Lourenço Roussado.

Na terceira e derradeira temporada (1921-1922), de Novembro de 1921 a Marzo de 1922, este cadro de declamación representará maioritariamente obras portuguesas e, de Marzo a Xuño, practicamente só autores galegos. Ademais, a partir de Febreiro de 1922 o Conservatorio Nacional de Arte Galega pasará a chamarse Escola Dramática Galega (que non debe confindirse coa Escola Dramática Galega que nos anos de 1970 porá en marcha Francisco Pillado) e estará dirixido por Leandro Carré Alvarellos. Nos seus catro anos de existencia (1922-1926) a Escola Dramática Galega fará camiñar o noso teatro poos vieiros do costumismo e do ruralismo. De todas as maneiras, o Decreto de Separatismo publicado en 1923 polo xeneral Miguel Primo de Rivera, só permitía a utilización das chamadas neste documento legal "linguas rexionais" en representacións de tipo ruralista e folclórico, polo que non permitía unha vía diferente á que estaba a promover Leandro Carré Alvarellos. As obras que escapaban destas tendencias podían ser publicadas, mais non levadas sobre o taboado, debido a que a súa difusión no papel era moito menor que na escena, posto que estas pezas serían lidas por minorías cultas xa convencidas do ideario galeguista. Alén disto, este pouco ou nada puido afectarlle á Escola Dramática Galega posto que, esta deixou de realizar representacións co inicio do réxime ditatorial de Primo de Rivera.

A xeito de conclusión, podemos dicir que o Conservatorio Nacional de Arte Galega supuxo unha fermosa mais fracasada tentativa de aguilloar de xeito definitivo o teatro en Galiza, promovendo unha dramática innovadora e de corte europea para a que non estaba preparada o aínda conservador público galego.

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas