Escola Rexional de Declamación
A Escola Rexional de Declamación foi o intento máis serio de consolidación do teatro galego até o traballo das Irmandades da Fala, fundadas en 1916.
[editar] Historia
Xa en decembro de 1902 aparecía nun xornal unha noticia na cal figuraba que un grupo de mozos liderado por Eduardo Sánchez Miño pretendía crear na cidade herculina unha escola teatral. Poucos días despois, o 18 de xaneiro de 1903, actores e actrices da Coruña representaron a obra dramática ¡Filla...! de Galo Salinas. De todos os xeitos, non foi doado encontrar actores, e sobre todo actrices, que estivesen dispostos a actuar en galego, debido aos preconceptos lingüísticos existente na época. De feito, o problema dos prexuízos creados arredor da lingua de Galiza viña minguando o número de actores en galego xa desde 1882. Pouco despois ese colectivo, dirixido polo propio Salinas, constituíu na Coruña a Escola Rexional Galega de Declamación.
Logo o seu Presidente será Manuel Lugrís Freire, máximo representante do teatro social, o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa e autor da totalidade dos espectáculos realizados polo cadro coa excepción da obra de Salinas: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904).
Henrique Rabunhal, en Textos e Contextos do Teatro Galego (1671-1936), fala dun grupo de autores ligados á Escola Rexional de Declamación, definindo unha serie de trazos comúns aos integrantes deste grupo, os cales esquematizamos a continuación:
- Pertenza á Cova Céltica.
- Todos estes autores colaboraron na Revista Gallega, de Galo Salinas.
- Todos eles tiveron algún tipo de vinculación coa Liga Gallega.
- Pertenza á Academia Galega.
- Todos eles manifestaron o seu compromiso coa plataforma agrarista Solidaridad Gallega.
- Integración nas estruturas das Irmandades da Fala.
Igualmente, cómpre salientar que, segundo este investigador, estamos perante o primeiro grupo de teatro estábel do ámbito galego. Fai fincapé Henrique Rabunhal nese libro en que a este grupo lle debemos a aparición do primeiro ensaio teatral, a substitución do verso pola prosa e a evolución desde o teatro histórico de pegadas románticas a un teatro que desde estratexias realistas chega á alegación de inpiración social.
Mais a Escola Rexional de Declamación sufriu unha serie de problemas internos, protagonizados principalmente pola falta de entendemento patente entre Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire. Alén disto, os autores dramáticos galegos non se implicaron demasiado con esta causa. Segundo conta Laura Tato Fontaíña, no seu libro Historia do Teatro Galego. Das Orixes a 1936, Eduardo Sánchez Miño declarou en 1911 (nun artigo de prensa) que a Escola solicitara a través dun xornal que os escritores teatrais galegos lle enviasen as súas obras para seren postas en escena. Parece ser que só Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire atenderon ao dito chamamento. Todos isto derivou na disolución (en 1905) da Escola Rexional de Declamación. Aínda así, tal disolución valeu para que a prensa rexionalista da emigración cubana comezase a exercer presión para que reactivase na emigración o teatro galego.
En conclusión, a Escola vai ser a primeira compañía teatral dedicada á realización de espectáculos en galego e constitúe a primeira iniciativa de formación teatral que se emprendeu na Galiza. A pesar da súa curta traxectoria, pois desapareceu aos dous anos sen acadar os obxectivos, converteuse nun feito transcendental e pioneiro no desenvolvemento do teatro rexionalista e na creación dun movemento teatral galego.