Xesús San Luís Romero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaXesús San Luís Romero

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento9 de setembro de 1872 Editar o valor em Wikidata
Carballo, España Editar o valor em Wikidata
Morte22 de setembro de 1966 Editar o valor em Wikidata (94 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoPoesía, teatro
LinguaLingua castelá e lingua galega Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosDolores
IrmánsRamón San Luís Romero Editar o valor em Wikidata

Dialnet: 3855698

Xesús San Luís Romero, nado en Carballo o 9 de setembro de 1872 e finado en Santiago de Compostela o 22 de setembro de 1966[1], foi un escritor e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Francisco San Luís, que fora presidente do Comité Republicano, síndico e alcalde de Carballo na Primeira República, e irmán de Ramón San Luís Romero. Realizou os estudos primarios en Carballo e, despois, púxose a traballar como aprendiz de zapateiro. Aos vinte anos emigrou á Arxentina e colaborou en El Eco de Galicia, para o que escribiu artigos co pseudónimo Un mozo bergantiñán. Alí escribiu os monólogos Para que me namorei? (1897) e No quinteiro, a comedia O xastre aproveitado (estreada no Salón Teatro do Orfeón Español en abril de 1898) e as revistas folclórico-musicais A romaxe de san Campio e Unha noite no muíño (estreada en 1959 en Santiago de Compostela).

Regreso a Galiza[editar | editar a fonte]

En 1902 volveu a Galiza, e estableceuse como zapateiro en Santiago de Compostela. Retomou a escrita e colaborou en varios xornais (como La Defensa, El Látigo ou La Campana) con composicións anticaciquís, cun espírito de loita agraria que, reivindicada por Solidaridad Gallega e outras organizacións agrarias, mobilizaba a sociedade galega do primeiro terzo do século XX.

San Luís Romero compuxo e estreou numerosas obras dramáticas, algunhas das cales atacaban os abusos do poder dos caciques. Esta liña do teatro social xa fora iniciada por Manuel Lugrís Freire. Publicou O fidalgo, estreada no Teatro Principal en xaneiro de 1918 e Rosiña, estreada en febreiro de 1921. Colaborou no suplemento Nós de El Noroeste. En poesía escribiu A volta do bergantiñán (1928).

En abril de 1936 intentouse levar ao cine o seu drama anticaciquil O fidalgo.[2] Deixou unha obra inédita Unha noite co'a Compaña.

Actividade política[editar | editar a fonte]

Masón, foi tres veces presidente do Centro Republicano de Santiago entre 1920 e 1930, asistiu á sinatura do pacto de Lestrove. Na República, foi elixido concelleiro, foi presidente do Comité do Partido Radical Socialista de Compostela e formou parte da Comisión organizadora da Asemblea Rexional de Municipios de 1932 que decidiu a redacción do proxecto de Estatuto de Autonomía. Foi candidato a deputado polo partido Radical Socialista nas eleccións de novembro de 1933 pero non resultou elixido. En maio de 1935 anunciou a súa retirada da vida política[3], pero volveu ser concelleiro en febreiro de 1936.[4] Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e procesado por masón[5], pasando 33 meses na cadea. En 1941 volveu ó cárcere condenado a 12 anos e un día en aplicación da lei de Represión da Masonería e do Comunismo, pasou polos penais de Porto de Santa María (Cádiz), Burgos, Toledo e Lugo, de onde saíu en 1944. Ao enviuvar en 1946, pasou tempadas en Turces (Touro) coa súa filla Dolores. Alí escribiu o conto en verso "Unha noite coa compaña" e o drama en tres actos e un cadro Xenreira, que foi prohibido pola censura. En 1950 concedéronlle o premio de poesía do Centro Galego de Buenos Aires e fixéronlle un xantar de homenaxe en Roxos.

Obras literarias[editar | editar a fonte]

Xesús San Luís, o poeta zapateiro. Documental de Nós Televisión.

Teatro[editar | editar a fonte]

  • O fidalgo, 1918, 1ª ed. con portada de Asorey e 2ª de Camilo Díaz.[6]
  • Rosiña, 1998.
  • Xenreira, 2002.
  • A foliada n-o rueiro. Paso cómico, 2010.

Poesía[editar | editar a fonte]

  • A volta do bergantiñán, 1928, Nós, con portada de Camilo Díaz.[7]
  • Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas, 1999, escolma da súa poesía na emigración bonaerense.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Un colexio de Carballo leva o seu nome.[8]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Necrolóxica en El Pueblo Gallego, 24-9-1966, p. 16.
  2. "La filmación de O Fidalgo", El Pueblo Gallego, 26-6-1936, p. 14.
  3. "San Luís Romero se retira de la política activa", El Pueblo Gallego, 26-5-1935, p. 11.
  4. El Pueblo Gallego, 12-2-1936, p. 9.
  5. Ficha en Nomes e Voces
  6. Reeditado en 1986 en Ediciós do Castro.
  7. Iglesias, Xabier (22/6/2013). "A volta do bergantiñán". Os libros de Ánxel Casal. 
  8. Xunta. Centros. CEIP Xesús San Luís Romero

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]