Charles Aznavour

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Charles Aznavour no Festival de Cannes (1999)

Shahnourh Varinag Aznavourian, coñecido como Charles Aznavour, nado en París o 22 de maio de 1924, é un cantante, compositor e actor francés de orixe armenia, considerado en todo o mundo como “o embaixador da canción francesa”. Trátase dun dos cantantes franceses máis populares e de carreira máis extensa, e o máis coñecido internacionalmente; vendeu máis de 100 millóns de discos. [1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Debutou na canción xunto á súa irmá Aida, ao mesmo tempo que no teatro, onde interpretou desde os 11 anos diferentes papeis infantís.

O seu encontro en 1941 con Pierre Roche foi decisivo para el: os dous homes escribiron xuntos cancións e interpretáronas a dúo. J'ai bu, cantada por Georges Ulmer, gañou en 1947 o Grand Prix. O dúo actuaba entón na primeira parte dos concertos de Édith Piaf, ata que Roche marchou ao Quebec. Aznavour escribiu cancións para estrelas como a Piaf (Jézébel), Juliette Gréco (Je hais les dimanches), Eddie Constantine (Et bâiller, et dormir), pero ao principio da súa carreira tivo moitas dificultades para triunfar. Máis tarde, soubo explotar este período da súa vida nunha canción que recolle o estado de ánimo dun fracasado no mundo da canción: Je m'voyais déjà.

O seu primeiro triunfo data de 1953, cando actuou no teatro Olympia: Sur ma vie converteuse no seu primeiro gran éxito. Cancións como Viens pleurer au creux de mon épaule, Tu t'laisses aller, La mamma, Comme ils disent, son cada unha delas un pequeno bosquexo da vida cotiá, un fragmento de vida.

Moi pronto conquistou o público estadounidense e, máis tarde, percorreu o mundo coa súa música. Paralelamente mantivo unha carreira cinematográfica, demasiado discreta para o seu gusto[Cómpre referencia], revelándose como un actor de talento en Tirez sur le pianiste (Disparen sobre o pianista) (1960) de François Truffaut, Un taxi pour Tobrouk (Un taxi por Tobruk) (1961) de Denys de La Patellière, Dix Petits Negres (Dez negriños) (1974) de Peter Collinson e en Die Blechtrommel (O tambor de folladelata) (1979) de Volker Schlöndorff.

En 2009 unha das súas cancións (For me, formidable) soaba na banda sonora da película Seven Pounds protagonizada por Will Smith. Tamén neste ano, Aznavour publicou un álbum dobre, Dúos, onde canta con estrelas de varias xeracións como Liza Minnelli, Elton John e Laura Pausini. Grazas ao uso de novas tecnoloxías, Aznavour puido gravar un dueto coa defunta Édith Piaf, con quen actuou en moitas ocasións pero sen chegar a rexistrar as ditas actuacións.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]