Liza Minnelli

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Liza Minnelli.

Liza May Minnelli, nada nos Ánxeles o 12 de marzo de 1946, é unha actriz e cantante estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

É filla do director Vincent Minnelli e da actriz e cantante Judy Garland, no segundo matrimonio dela. De feito estar tan preto do mundo do espectáculo fixo que protagonizase o seu primeiro papel con só catorce meses, en 1949 (In the Good Old Summertime), na escena final dun filme que interpretaban como protagonistas a súa nai e Van Johnson. Con dezaseis anos de idade, Liza marchou para Nova York pola súa conta, para iniciar carreira artística, co espectáculo Best Foot Forward. En 1964, a súa nai convidouna para participaren xuntas dun show no London Paladium de Londres, e acadaron un grande éxito. Foi nese momento cando Liza coñeceu o seu primeiro home, o cantante gai australiano Peter Allen, que era protexido da nai.

Liza gañou un tony aos dezanove anos de idade e, en 1969, aos 23, foi por primeira vez candidata ao Premio Oscar, polo seu papel de 'Pookie Adams' em The Sterile Cuckoo. Despois de distintas participacións cinematográficas, en 1972 conseguiu o Oscar pola actuación que marcou a súa carreira e que lle deu sona internacional, facendo de Sally Bowles no filme Cabaret.

Os anos 70 foron de moito traballo para Liza, actuando e cantando en todo tipo de escenarios. Adoitaba ir ao Studio 54, o máis famoso clube nocturno da cidade de Nova York. En 1974, participou como narradora no filme That's Entertainment!, con Fred Astaire e Gene Kelly. Casou de segundas en 1974 co produtor e director de televisión Jack Haley Jr., e de terceiras en 1979 co escultor Mark Gero, de quen tamén se acabou por divorciar.

O seu estilo característico é unha voz moi potente e forte, característica que compartía coa nai, e boa mostra diso son os seus dous temas máis coñecidos: o do filme Cabaret e mais a canción New York, New York que interpretaba ela no filme homónimo e que logo se fixo aínda máis sonada na versión do seu amigo Frank Sinatra.

Nos últimos anos, a súa carreira centrouse especialmente na música. Gravou con Frank Sinatra o CD "Duets" e Sammy Davis Jr. xuntouse con eles para dar unha serie de concertos e shows na televisión que loxicamente tiveron tamén un grande éxito. Presentou tamén un espectáculo sobre o seu pai en Broadway chamado Minnelli on Minnelli e en 2006 gravou a canción Mama xunto coa banda My Chemical Romance.

En 1997, Liza sufriu unha cirurxía nas cordas vocais. Ademais, tivo que pelexar coa droga en varias ocasións, acudindo a clínicas de desintoxicación e saíndo con este motivo nos medios amarelos e sensacionalistas. O 16 de marzo de 2002 casou con David Gest, promotor de concertos. Adoptaron unha nena e divorciáronse un ano despois, o 25 de xullo de 2003. Ademais destes catro matrimonios, a Liza Minnelli soubéronselle relacións sentimentais de maior ou menor duración co director Martin Scorsese, co pianista Billy Stritch, co bailarin Mighaíl Barixnicov ou cos actores Peter Sellers e Desi Arnaz Jr.

Obra[editar | editar a fonte]

Cine[editar | editar a fonte]

Televisión[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

Principais premios e nominacións[editar | editar a fonte]

  • En 1969 foi candidata ao Oscar á mellor actriz polo papel de Pookie Adams em The Sterile Cuckoo
  • En 1971 recibiu o Oscar á mellor actriz polo papel de Sally Bowles en Cabaret. É a única persoa que conseguiu un Oscar e que ademais os seus pais tamén o conseguiron.
  • Recibiu o Globo de ouro en 1972 por Cabaret e en 1985 polo filme para televisión A Time to Live.
  • Gañou un emmy polo especial de televisión de 1972 Liza with a Z.
  • Gañou tres premios Tony, os máis importantes do teatro estadounidense, por Flora the Red Menace 1965, por The Act en 1978, e mais un Tony especial en 1974 pola súa carreira. Foi ademais candidata en 1984 por The Rink pero perdeu ante a súa compañeira de reparto Chita Rivera.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]