La Chanson de Roland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Chanson de Roland")
Oito escenas de La Chanson de Roland.

La Chanson de Roland é un poema épico medieval en francés antigo, sendo o cantar de xesta escrito en lingua romance máis antigo[1].

O primeiro manuscrito escrito coñecido da obra é o Manuscrito de Oxford escrito en anglo-normando cara a 1170. Consta de 4.002 versos decasílabos, distribuídos en 291 estrofas de desigual lonxitude chamadas tiradas (laisses).

Este manuscrito atribúese a un monxe normando, Turoldo, cuxo nome aparece no último verso (Ci falt la geste que Turoldus declinet).

Cantares de xesta[editar | editar a fonte]

Os cantares de xesta eran poemas destinados a ser recitados en público por trobadores. Este recitado facíase sobre unha ou varias frases melódicas simples, narrándose feitos históricos, heroicos ou de fazañas.

La Chanson de Roland foi o primeiro cantar de xesta de Europa, seguíndolle moitos outros, sempre tendo como base a batalla de Roncesvalles e reflectindo as virtudes esixidas aos cabaleiros cristiáns medievais.

Datación do texto[editar | editar a fonte]

Se ben o manuscrito de Oxford está escrito cara a finais do século XII, seguramente o texto apareceu entre 1060 e 1065, pois segundo Guillermo de Malmesbury os normandos xa cantaban a Canción de Roldán durante a batalla de Hastings. Ademais, segundo Dámaso Alonso, unha anotación en alfabeto visigodo atopada no manuscrito 39 do mosteiro de San Millán de la Cogolla non é posterior ao terceiro cuarto do século XI.

Feitos históricos[editar | editar a fonte]

O Cantar narra os feitos da batalla de Roncesvalles pero modificándoos lendariamente. Na realidade a batalla, que tivo lugar o 15 de agosto de 778, foi seguramente un enfrontamento entre tribos de vascóns e a retagarda das forzas de Carlomagno baixo o mando do conde Roldán, prefecto da Marca de Bretaña. Segundo os anais e as crónicas do século IX, debeu ser unha emboscada no desfiladeiro de Valcarlos, na vertente norpirenaica. Así, a crónica en latín de Eginhard, Vita Caroli, di que o rei Carlos (pois aínda non era emperador), aliouse a certos caudillos musulmáns nas súas loitas internas no reino de Al-Andalus. Logo de tomar Pamplona e cercar Zaragoza por mor dun ataque dos saxóns e un amotinamento en Aquitania, regresa a Francia tras levantar o asedio e saquear Pamplona. En vinganza polo saqueo, a retagarda é atacada por montañeses vasco-navarros.

Transformación lendaria dos feitos[editar | editar a fonte]

La Chanson de Roland foi composta uns tres séculos despois dos feitos, polo que estes foron adornados e transformados cunha dimensión épica e heroica cun transfundo relixioso. O personaxe de Roland, que só era o conde da marca de Bretaña, convértese no sobriño do vello emperador, e aparece acompañado de Oliveros, outro barón franco. A emboscada dos vascóns pasa a ser un ataque de 400.000 sarracenos, que derrotan a Roldán e aos Doce Pares de Francia logo da traizón de Ganelón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Existe unha tradución ao galego feita por Camilo Flores e publicada no nº 3 da colección clásicos en galego

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]