Esgonzo común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Chalcides striatus»)
Esgonzo común
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Familia: Scincidae
Xénero: Chalcides
Especie: C. Striatus
Nome binomial
Chalcides striatus
Cuvier, 1829
Mapa de distribución de Chalcides striatus.
Mapa de distribución de Chalcides striatus.

Mapa de distribución de Chalcides striatus.

O esgonzo común ou escáncer de patas común[1] (Chalcides striatus), é unha especie de lagarto da familia dos escíncidos.[2] É o esgonzo máis abundante e estendido en Galicia. Ten tres dedos nas patas, polo que se diferencia do outro esgonzo presente en Galicia (Chalcides bedriagai), que ten cinco dedos e patas menores. Antes considerábase dentro da especie Chalcides chalcides como unha subespecie (Chalcides chalcides striatus) pero agora é unha especie de seu.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un lagarto de pequeno tamaño, cunha cabeza pequena, triangular, alargada e con fociño arredondado. Orificio auditivo ben visible. O corpo é curto e groso de sección arredondada ou cuadrangular, recuberto de escamas lisas e brillantes. As extremidades son pequenas, o rabo é de sección circular e de menor lonxitude ca o corpo. A especie ten dimorfismo sexual, xa que as femias son de maior tamaño. A coloración pode ser de pardo-amarelada a olivácea con liñas de cor castaño e o ventre de cor branquecha ou con tons amarelos. Os exemplares galegos teñen un fondo pardo ou ocre con de 9 a 11 liñas castañsas delimitadas por marcas negras, e o ventre é claro, de ton griseiro ou branco.[3]

Pode confundirse con cobras ou con escánceres comúns Anguis fragilis, debido ao seu corpo longo e diminutas patas, que case non se ven, pero é un lagarto con pálpebras e patas (as cobras non teñen). Ás veces a xente o mata pensando que é unha cobra velenosa. Distínguese do outro esgonzo presente en Galicia (Chalcides bedriagai) porque ten tres dedos en vez de cinco, e diferénciase do esgonzo italiano de tres dedos (Chalcides chalcides) porque ten as patas un pouco máis grandes e os tres dedos das súas patas traseiras son todos da mesma lonxitude.

Distribución[editar | editar a fonte]

A súa área de distribución é practicamente toda a Península Ibérica. Tamén vive en Francia na costa mediterránea, penetrando cara ao norte polo val do Ródano e cara ao leste chega ata Liguria (Italia). En Galicia é común e abondoso e ocupa todo o territorio; tamén en moitas das illas atlánticas, sobre todo en zonas abrigadas e solleiras. En España soamente parece faltar nalgunhas provincias da costa mediterránea (Murcia, Alacant, Valencia e Castellón), e en gran parte de Almería, Teruel e Cuenca, seguramente debido ao aumento progresivo da aridez nas últimas décadas. É moi escaso en territorios con precipitacións inferiores a 500 mm. A súa distribución é descontinua, de tal forma que a desaparición ou modificación dalgúns dos hábitat ocupados ocasiona a extinción ou o illamento de poboacións en bosques-illa.

Hábitat[editar | editar a fonte]

É unha especie moi especializada que ocupa ladeiras solleiras, con lixeira pendente, abundante vexetación herbácea e en ocasións elevada humidade. En España supera os 1.800 m na Serra de Guadarrama e na Cordilleira Bética. En Galicia observouse que ocupa montes que foron afectados por incendios, xa que se beneficia da vexetación herbácea e de mato que se forma.

Comportamento[editar | editar a fonte]

O esgonzo común (C. striatus) parécese superficialmente a unha cobra.

Se utiliza as súas diminutas patas só pode moverse lentamente, pero pode avanzar moi rapidamente ondulando o seu corpo de xeito parecido ao das cobras. Hiberna baixo terra en inverno e emerxe despois en primavera. É moi discreto e cando o molestan agóchase rapidamente na densa vexetación, ou baixo pedras ou en buratos na terra. Toma o sol para subir a súa temperatura nas primeiras horas da mañá, pero despois cando o substrato sobre o que vive está quente agóchase entre a vexetación e quéntase coa calor que desprende o substrato. Aliméntase dunha gran variedade de invertebrados. Deprédano en Galiica as cobras (como Coronella girondica) e aves de rapina.[4]

Os machos reúnense durante a tempada de apareamento e poden loitar entre eles. Despois dun período de xestación de dous ou tres meses, a femia pare unhas 15 crías vivas (en Galicia de 1 a 8 e en agosto), xa que é ovovivípara, cada unha duns 10 cm ao nacer. A femia ás veces morre durante este proceso. Chegan á madurez sexual aos 3 ou 4 anos.[4]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Debido á especificidade dos biótopos que ocupa, e a súa distribución descontinua a modificación ou desaparición do hábitat minguan ou illan as poboacións deste lagarto. Isto parece estar ocorrendo nas dúas mesetas españolas. Como é común en gran parte da súa área de distribución a IUCN deulle o status de "pouco preocupante".[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" Arquivado 27 de agosto de 2016 en Wayback Machine. en Cadernos de Lingua, 13, páx. 81. Real Academia Galega.
  2. Chalcides striatus, no Atlas de la biodiversidad do Ministerio de Medio Ambiente (MMA). Ficheiro en pdf.
  3. Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 351-355. ISBN 84-7507-722-6.
  4. 4,0 4,1 Arnold, E. Nicholas; Ovenden, Denys W. (2002). Field Guide: Reptiles & Amphibians of Britain & Europe. Collins & Co. pp. 188–189. ISBN 978-0-00-219964-3.
  5. Status de conservación: IUCN link: Chalcides striatus. (LC)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]