Serra de Guadarrama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe de satélite da localización da Serra de Guadarrama.
Circo e cima de Peñalara (na dereita) e o seu reflexo na laguna chica, de orixe glaciar.

A Serra de Guadarrama (en castelán: Sierra de Guadarrama) é unha aliñación montañosa pertencente á metade leste do Sistema Central (sistema montañoso do centro da Península Ibérica) situada entre as serras de Gredos (Ávila) e de Ayllón (Segovia - Guadalaxara). Esténdese en dirección suroeste-nordeste e nas provincias de Madrid, ao sur, e Ávila e Segovia, ao norte. Esta serra mide aproximadamente 80 km. de lonxitude e o seu cumio máis alto é Peñalara con 2.430 metros sobre o nivel do mar.

A flora desta serra caracterízase pola abundancia de bosques de piñeiros e a presenza de carballeiras e aciñedos en zonas máis baixas. Nos cumes predominan os pastos e arbustos de alta montaña. Nestes ecosistemas abundan mamíferos como cervos, xabaríns, corzos, gamos, teixugos, varios mustélidos, gatos monteses, raposos, lebres etc.; unha gran cantidade de especies de aves acuáticas nos encoros, e grandes aves de rapina como a aguia imperial ibérica ou o voitre negro, entre outras.

A proximidade a Madrid (60 km) desta serra fixo que teña un papel importante na historia de España e que hoxe sexa atravesada por bastantes portos e vías ferroviarias. Desde o monte da Almenara, en Robledo de Chavela, por exemplo, durante a invasión musulmá os árabes acendían laradas para avisar a Madrid de que se achegaban tropas cristiás.

Estas montañas teñen unha grande afluencia de xente, o que fai que as infraestruturas para o turismo e os deportes de montaña estean moi desenvolvidas. Esta afluencia ten un impacto ambiental na serra.[Cómpre referencia]