Cobra
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As cobras [1] son réptiles poiquilotérmicos -é dicir, de sangue frío- sen patas pertencentes á suborde Serpentes, bastante próximos dos lagartos, cos cales partillan a orde Squamata. Hai tamén varias especies de lagartos sen patas que se asemellan a cobras, sen estaren relacionados con estas. A atracción polas cobras coñécese como ofiofilia, a repulsión ofiofobia. O estudo dos réptiles chámase herpetoloxía (da palabra grega usada para serpente).
En Galiza hai seis especies de cobras:
- Cobregón (Malpolon monspessulanus; cast. culebra bastarda; port. cobra-rateira). É a maior dos ofidios galegos, o maior exemplar medía 182 cm, mais a maioría miden entre 90 e 140 cm. A mordedura non acostuma ser perigosa para o ser humano.
- Cobra lagarteira común (Coronella austríaca; cast. culebra lisa europea; port. cobra-austríaca, cobra lisa). É un ofidio de tamaño pequeno, e común nos toxais e queirogais.
- Cobra lagarteira meridional (Coronella girondica; cast. culebra lisa meridional, culebra bordelesa; port. Cobra-bordalesa). É unha cobra pequena e mide entre 50 e 70 cm. Aliméntase sobre todo de saurios (e algún artrópodo).
- Serpe riscada (Elephe scalaris; tamén se chama cobra de escada; cast. culebra de escalera; port. cobra-de-escada, riscadinha, cobra riscada). É un ofidio grande, con corpo musculoso. É unha especie pouco frecuente, agás algunha zona da costa meridional coruñesa.
- Cobra de colar (Natrix natrix; cast. culebra de collar; port. cobra-de-agua-de-colar). É o ofidio máis coñecido e abundante. Teñen mala sona, mais inxustamente pois son totalmente inofensivas. En moitos sitios confúndena coa víbora. Aliméntanse sobre todo de anfibios, aínda que tamén comen algunha ave e peixes.
- Cobra viperina (Natrix maura; cast. culebra viperina; port. cobra-de-áuga-viperina). Esta cobra asemella unha víbora mais é inofensiva. É abundante na metade sur da Galiza.
[editar] Referencias do artigo
- ↑ Non se debe confundir este termo co empregado para aludir ás cobras das familias Naja e Ophiophagus, ambas membros da familia Elapidae.

