Cerceta
| Cerceta | ||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Clasificación científica | ||||||||||||
|
||||||||||||
| Nome científico | ||||||||||||
| Anas crecca | ||||||||||||
A cerceta (Anas crecca) é unha ave anseriforme do xénero dos patos nadadores (Anas). E o pato máis pequeño dos que viven en Europa, cunha lonxitude de entre 35 e 36 cm.
Índice |
[editar] Descrición
As cercetas pesan entre 250 e 400 gramos, sendo os machos algo máis pesados cás femias, e teñen unha envergadura de alas que vai dos 53 ós 59 cm.
Coma moitos outros parrulos, amosan un notable dimorfismo sexual. Os machos teñen unha plumaxe de gala predominantemente agrisada. A diferencia da tamén pequena cerceta albela (Anas querquedula) o peito de ámbolos dous sexos ten unha coloración clara, con manchas da cor do ante ou pardas claras. A cabeza é castaña brillante, cunha faixa lateral ancha verde que rodea os ollos e chega á caluga. Esta faixa ten unha beira de cor crema, que non aparece na variedade norteamericana, que é considerada por algúns autores unha especie separada, a cerceta de Carolina co nome científico de Anas carolinensis. A parte posterior do corpo dos machos é negra cun triángulo de cor amarelada. O espello alar ten en ámbolos dous sexos unha coloración verde brillante e ten as beiras brancas. As femias son amarronadas, coa cabeza máis escura e co pescoxo e as meixelas cun raiado fino pardo.
A plumaxe de eclipse dos machos, á que mudan entre xuño e agosto e que perden entre setembro e novembro, é moi semellante á das femias, por ben que é algo máis escura polo lombo e as alas. Os dous sexos teñen os lados do bico con cores que van do laranxa ó verdoso. As patas son grises e o iris ocular castaño.
[editar] Subespecies e distribución
A especie adoita separarse en tres subespecies:
- A eurasiática (Anas crecca crecca), propia do norte de Europa e Asia, ata os Alpes e o Cáucaso polo sur. A área de invernada das poboacións europeas e do occidente asiático espállase dende o centro e oeste de Europa ata África, mentres que as máis orientais pasan o inverno na India e o sueste de Asia.
- Anas crecca nimia, algo máis pesada, reprodúcese no noroeste de América e nas Alëutianas. No inverno emigran ó sur de Norteamérica.
- Anas crecca carolinensis cría no Canadá ata latitudes moi boreais, desprazándose no inverno ós Estados Unidos e México.
A poboacións meirandes da especie reprodúcense na zona dos bosques boreais de coníferas e na tundra.
Na época reproductora permanecen preto de pequenas zonas acuáticas. Durante a migración descansan principalmente en zonas de auga doce.
[editar] Alimentación
Son principalmente vexetarianas, malia que capturan tamén invertebrados que buscan entre a lama. O seu pequeño tamaño obrígaas a busca-lo alimento na auga por riba dos 20 cm de profundidade.
[editar] Reprodución
Coma en tódolos patos nadadores auténticos, as parellas fórmanse xa a finais do inverno. O punto culminate do cortexo empeza coa chegada ás zonas de reprodución. As cerimonias inclúen voos de persecución, que serven para marca-lo territorio.
Fan os niños entre a vexetación que medra ó longo da auga, por ben que ás veces poden verse niños a algunha distancia das ribeiras. As femias poñen, a partir de finais de abril, entre oito e dez ovos averdesados, nalgunhas ocasións de cor crema. Cando empezan a poñer, as cercetas vólvense moi discretas e prefiren pasa-lo día entre a vexetación mesta.
A incubación, que dura entre 21 e 23 días, realízana exclusivamente as femias, que tamén se encargan de criar os polos, xa que os machos comezan a remuda-las plumas cando as femias aínda están chocando. Nai e polos pasan o máis do tempo entre as plantas da ribeira. Só cando os polos empezan a voaren, uns 53 días despois da posta, ousan saír as augas abertas.
[editar] Status
A desaparición das zonas tradicionais de cría fixo reducir as poboacións da especie nelgunhas áreas. Malia isto, as cercetas son, a nivel global, unha das aves acuáticas máis abundantes e mesmo estan a vivir unha certa recuperación. No oeste da rexión paleártica calcúlase os seus números en ó redor de 1,4 millóns de exemplares, e a poboación norteamericana é duns 1,7 millóns.
[editar] A cerceta como ave doméstica
As cercetas son criadas en catividade dende hai moito tempo. En Europa é sobre todo a raza local Anas crecca crecca a que se utiliza como ave doméstica. A cría doutras rzas pode causar problemas, por que existe a posibilidade de que exemplares fuxidos se mesturen coas aves da zona.
[editar] Bibliografía
- Tom Bartlett: Ducks and geese. Crowood, Marlborough 1986–2002. ISBN 1-85223-650-7
- Hartmut Kolbe: Die Entenvögel der Welt. Ulmer, Stuttgart 1999. ISBN 3-8001-7442-1
[editar] Ligazóns externas
- A cerceta na "Lista vermella de especies ameazadas" da [IUCN]]
- Vídeos da cerceta na Internet Bird Collection
- Información xeral, fotos e gravacións sonoras en perso.wanadoo.es