Arquivo Xeral de Indias

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista da Catedral e o Arquivo de Indias.

O Arquivo Xeral de Indias creouse en Sevilla en 1785 por desexo do rei Carlos III, co obxectivo de centralizar nun único lugar a documentación referente ás colonias españolas ata entón dispersa en diversos arquivos: Simancas, Cádiz e Sevilla.

O arquivo conserva uns 43.000 cartapacios, cuns 80 millóns de páxinas e 8.000 mapas e debuxos que proceden, fundamentalmente, dos organismos metropolitanos encargados da administración das colonias.[1]

Edificio[editar | editar a fonte]

Historia da súa construción[editar | editar a fonte]

Tras o descubrimento de América, e a elección de Sevilla, como porto exclusivo do comercio con este continente, incrementouse a actividade comercial da cidade. O lugar utilizado polos comerciantes para levar a cabo as súas actividades mercantís eran as bancadas da Catedral. O seu punto central era a denominada fonte do Ferro, situada no lugar que actualmente ocupa a Igrexa do Sagrario. Durante a segunda metade do século XVI, o Cabido da Catedral, para evitar os excesos cometidos polos comerciantes, que non dubidaban en culminar os seus acordos no interior do templo, nos días de choiva, instalou columnas con cadeas nos arredores do templo e contratou alguacís que evitasen o paso pola rúa, de animais de carga. Antes as queixas do Cabildo Metropolitano, o rei Filipe II decidiu a construción dun edificio para sede da Lonxa, que levaría a cabo na mesma Avenida, xunto á Catedral, e terminaría sendo sede do Arquivo de Indias.[2] A súa construción iniciouse en 1584, non abríndose ao uso ata 1598.

Vista lateral do edificio do Arquivo de Indias, construído a finais do século XVI.

Descrición do edificio[editar | editar a fonte]

A Casa Lonxa de Mercadores de Sevilla, construída en época de Filipe II entre 1584 e 1598, por Juan de Mijares, sobre planos de Juan de Herrera, foi elixida como sede do arquivo, tarefa que desempeña ata o día de hoxe.

Trátase dunha edificación exenta, con planta e patio central en forma cadrada, asentado sobre un podio, conta con dous pisos de altura, combina no seu exterior ladrillos vermellos e elementos de pedra, combinación que se continuaría en distintos edificios sevillanos.

No seu interior está o patio central, construído en pedra e de amplas proporcións, mostrando arcos suxeitados nos alicerces con medias columnas. Destaca a actual escaleira principal do edificio, proxecto de Lucas Cintora, que foi realizada con posterioridade á construción do edificio, a finais do século XVIII, e atópase decorada con enchapaduras de mármore. Sobre a escaleira ábrese unha cúpula en lanterna.[3]

Creación do Arquivo[editar | editar a fonte]

Corredor do Arquivo con andeis para documentos.

Dúas razóns fundamentais enmarcan a fundación do Arquivo Xeral de Indias. Por unha banda a falta de espazo no Arquivo Xeral de Simancas, arquivo central da Coroa española. Por outro, en liña co espírito da Ilustración, o desexo de escribir unha historia da conquista e colonización española que dese resposta aos escritos estranxeiros que trataran o tema.

O responsable do proxecto foi José de Gálvez y Gallardo, secretario de Indias, encargándose o académico e historiador Juan Bautista Muñoz, cosmógrafo maior de Indias, da súa execución.

En outubro de 1785 empezan a chegar ao Arquivo os primeiros documentos. Desde entón e en distintas remesas vanse incorporando os fondos das principais institucións relacionadas coas Indias ata converter ao arquivo no principal depósito documental para o estudo da administración española no Novo Mundo e as Filipinas. No momento de constituír o arquivo, tómase o ano 1760 como data divisoria entre o administrativo e o histórico, de forma que os documentos anteriores a esa data habían de ser remitidos ao Arquivo de Indias, quedando a documentación posterior a devandita data ao servizo dos organismos que produciran os documentos.

Os documentos que hoxe conserva o arquivo ocupan máis de nove quilómetros lineais de andel. Trátase duns 43.000 cartapacios cuns 80 millóns de páxinas e 8.000 mapas e debuxos que proceden, fundamentalmente, dos organismos metropolitanos encargados da administración das colonias.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Arquivo Xeral de Indias cervantes.es [7-7-2008]
  2. Albardonedo Freire, Antonio José. El urbanismo de Sevilla durante el reinado de Felipe II. ISBN 84-8093-115-9.
  3. Cardoso Bueno, Diego A. Sevilla, el casco antiguo. Historia, arte y urbanismo. ISBN 84-8093-154-X.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arquivo Xeral de Indias