Catedral de San Vito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 50°05′27″N 14°24′03″E / 50.09083°N 14.40083°E / 50.09083; 14.40083

Catedral de San Vito
St Vitus Cathedral from south.jpg
Vista da parte sur
Tipo Catedral
Advocación San Vito, Venceslao, Adalberto
Situación Castelo de Praga, Praga
Culto Igrexa Católica
Diocese Praga
Construción 1344-1929
Estilo Gótico

A catedral de San Vito (en checo: Katedrála Svatého Víta ou Katedrála svatého Víta, Václava a Vojtěcha) é un templo adicado ao culto católico situado na cidade de Praga (República Checa). Forma parte do conxunto artístico monumental do Castelo de Praga e é a maior mostra de arte gótica da cidade.

Dende 1989 está adicada a San Vito, San Venceslau e San Adalberto. Foi o escenario da coroación de todos os reis de Bohemia e nela atópanse tamén enterrados tódolos santos bispos e arcebispos, así como un bo número de reis. A catedral, aínda que católica, é de propiedade estatal desde o inicio da súa construción no século XIV.

Historia[editar | editar a fonte]

A catedral en 1887.

A Catedral de San Vito é un símbolo de Praga e mesmo de toda a República Checa, tanto pola súa tempestuosa historia como polo seu valor artístico. Foi a culminación das reivindicacións dos reis de Bohemia que quixeron converter a diocese de Praga en arcebispado. A primeira pedra foi colocada o 21 de novembro de 1344 polo arcebispo de Praga, Arnošt de Pardubice, en presenza do rei Xoán de Luxemburgo e dos seus fillos, Carlos (futuro Carlos IV de Bohemia) e Xoán. Erixiuse no mesmo solar no que antigamente se achaban unha rotonda románica e unha basílica dedicadas, así mesmo, a San Vito, das que aínda quedan restos. O proxecto foi deseñado polo arquitecto francés Matias Arras, que se inspirou na inicial arte gótica francés, tomando como modelo as catedrais de Tolosa e Narbona. De feito, a catedral de San Vito é unha das últimas mostras importantes, desta corrente artística.

Peter Parler sucedeu, en 1356, ao arquitecto Matías Arras despois do falecemento deste, aínda que transcorreron uns anos sen que fose dirixida por ningún mestre de obras. Máis tarde a construción sería dirixida polos fillos de Peter Patler, Jan e Václay. Estes novos arquitectos imprimiron á catedral un estilo inspirado no gótico alemán pero dándolle, así mesmo, o seu sinal persoal, posta de manifesto no coro, a capela de San Sexismundo e a sancristía que foron terminadas por eles. Desta época cabe destacar as complexas bóvedas, só comparables ás das catedrais inglesas. En 1419 interrompéronse os traballos por mor da rebelión husita. Os husitas, contrarios á veneración dos santos e ás mostras de opulencia propias da Igrexa católica, saquearon a catedral e fixeron coroar ao rei Sexismundo no novo templo.

Coroación de Fernando I de Austria, V de Bohemia, en 1836.

En 1485 a corte volveu ao Castelo de Praga e empezouse a restaurar a Catedral. Construíuse un novo Oratorio Real, obra de Hans Spiesz, símbolo da soberanía do rei, que se terminou en 1490. As escenas da lenda de San Venceslau concluíronse en 1509 para a coroación do rei Luís II. En 1526 Fernando I converteuse no primeiro Habsburgo coroado como rei de Bohemia. Desta época data a Galería da Música, obra de Bonifacio Wolmut, de estilo manierista, con bóvedas neogóticas, así como a capela de San Adalberto que posteriormente foi destruída. En 1566 Maximiliano II encargou o Panteón Real dedicado á Casa de Habsburgo e aos seus predecesores no trono de Bohemia, terminouse en 1589.

O 23 de maio de 1618 produciuse a defenestración de Praga, que daría comezo á Guerra dos Trinta Anos. En 1619 os radicais calvinistas causaron grandes danos na catedral que tivo que volver consagrarse en febreiro de 1621, despois da derrota checa na batalla da Montaña Branca. Gaspar Bechteler tallou os relevos de madeira que commemoran a defenestración e as súas consecuencias. En 1644 Leopoldo Guillem, bispo de Olomouc, fixo restaurar un candelabro románico da capela de San Xoán Bautista que, supostamente, procedía do Templo de Xerusalén.

Coa chegada do barroco, o emperador Leopoldo I de Habsburgo colocou a primeira pedra dunha nave deseñada por Giovanni Domenico Orsi, pero as obras tiveron que interromperse en 1675 por falta de orzamento. Da mesma forma fracasou o proxecto de Johann F. Schor. Desta época datan as estatuas dos santos patróns checos que hai na capela de San Xoán de Nepomuk, obra de Rinaldo Ranzoni, o retablo de San Sexismundo de Frantisek Weis e a tumba de San Xoán de Nepomuk, obra mestra de Antonio Corradini.

En 1844, Václav M. Pesina pediu que se acabase a catedral, feito que non ocorrería até 1839 ao constituírse unha Sociedade que se interesou niso. En 1862 Josef Kranner empezou os traballos restaurando o presbiterio do que eliminou gran parte dos engadidos barrocos. Con motivo do retorno a Praga das Xoias da Coroa Checa, reformouse a Cámara da Coroa; paralelamente finalizáronse as obras da bóveda principal e da fachada Oeste. O 28 de decembro de 1929 abriuse ao público a catedral totalmente acabada.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Fachada[editar | editar a fonte]

Fachada sur.
Mosaico o Xuízo Final, fachada sur.

A fachada oeste, de estilo neogótico, foi a primeira que se terminou. Está decorada con estatuas de catorce santos, a do rei Carlos IV e unha dos seus arquitectos. Os portalóns de bronce realizados por Otakar Sapniel, se construíron en 1927. En total son tres portas: no central áchase representada a construción da catedral, no da dereita: a vida de San Adalberto e na da esquerda que, desde 1929 é a fachada principal, a vida de San Venceslau. O rosetón foi deseñado por Frantisek Kysela en 1928, e representa a Creación.

A fachada sur, durante cinco séculos, foi a entrada principal da catedral. Nela destaca a Porta Dourada que debe o seu nome ao fondo vermello e dourado dos mosaicos venecianos, obra de Niccoletto Semitecolo, e na que se representa o Xuízo Final, obra excepcional na Europa Occidental. No centro destes mosaicos pódese distinguir a figura de Xesucristo sobresaíndo no medio do seis santos patróns da República Checa. A ambos os dous lados de Xesucristo áchanse representadas as ánimas salvadas e as condenadas. Nelas pódese recoñecer ao rei Carlos IV e á súa última esposa Sabela de Pomerania. Para a súa realización necesitáronse máis de 40.000 pezas. En 1967 e 1980 tentáronse restaurar sen chegar a logralo.

A torre principal, situada nesta fachada, foi construída en 1770 por Peter Parler. Con 99 metros de altura, está coroada por unha cúpula renacentista de Pacassi. A balaustrada é obra de Hans de Tirol e B. Wohlmüt e, o mesmo que a cúpula, é de estilo renacentista. A bóveda da catedral presenta unha planta de tres naves cun transepto, deambulatorio e capelas. É a obra mestra de Peter Parler que introduciu modificacións e innovacións no proxecto de Matías Arras.

Interior[editar | editar a fonte]

Interior da Catedral.

O altar Maior, construído por J. Kranner entre 1868 e 1873, é de estilo neogótico, mais conserva detalles renacentistas do século XVII. Os relevos de madeira foron realizados por K. Bendl entre os anos 1625 e 1650. O da esquerda representa a fuxida dun rei dun inverno e o da dereita unha vista de Praga do ano 1620. O Oratorio Real foi deseñado por Benedikt Ried en 1493 por orde de Ladislau Jagellon. É unha das obras do gótico flamengo máis importantes da Catedral de San Vito. Pódense apreciar os escudos e as armas dos Estados sometidos por Ladislau Jagellon.

A Capela de San Venceslau é unha das estancias máis importantes da catedral. É de estilo gótico e foi construída entre os anos 1362 e 1367, ano en que foi consagrada en presenza de Carlos IV de Bohemia. É obra de Peter Parler e atópase situada no mesmo lugar no que se atopaba a Rotonda de San Vito, onde foi executado San Venceslau. As pinturas dos murais datan de 1509. Na parte superior pódense ver as imaxes da vida de San Venceslau. Debaixo do altar atópase a tumba do santo (construída en ouro e pedras preciosas) onde foi enterrado por orde de Boleslav I de Bohemia.

A tumba de San Xoán de Nepomuk foi construída en 1736, é de prata e os seus ourives foron Josef?E. Fisher von Erlach, Antonio Corradini e Jan Josef Würt. Foi encargada por Carlos VI e financiada por subscrición popular. A dinámica da obra remarca a apoteose do santo. En leste mesmo lugar atópanse as tumbas de catorce bispos de Praga. É unha das poucas obras barrocas da catedral que quedaron intactas até hoxe. A súa altura é de cinco metros. As estatuas dos patróns checos foron realizadas en 1699 por Rinaldo Ranzoni.

Ao Panteón Real accédese pola Capela da Santa Cruz. Neste recuncho aínda poden verse os restos da antiga Rotonda de San Vito que se achaba no lugar que hoxe ocupa a Catedral. No Panteón Real atópanse os restos de Carlos IV de Bohemia, os seus fillos e a súa muller; os do rei Venceslau IV, Ladislau o Póstumo, Xosé de Podebrady, Rudolfo II e María Amelia, filla da emperatriz María Tareixa de Habsburgo. Os sarcófagos foron restaurados en 1935 por Kamil Roskot, seguindo o arte contemporáneo checo.

Monarcas soterrados[editar | editar a fonte]

Tumba de Otakar II.
Tumba de San Xoán de Nepomuk.
Nome Período Lugar
Otakar I 1155-1230 Capela Saxoa
Otakar II 1132-1278 Capela Saxoa
Xudit de Habsburgo 1271-1297 Panteón Real
Rodolfo I 1282-1307 Panteón Real
Carlos IV, emperador 1316-1378 Panteón Real
Branca Margarida de Valois, primeira esposa de Carlos IV 1317-1348 Panteón Real
Ana de Baviera, segunda esposa de Carlos IV 1329-1353 Panteón Real
Ana de Swidnica, terceira esposa de Carlos IV 1339-1362 Panteón Real
Sabela de Pomerania, cuarta e última esposa de Carlos IV 1347-1393 Panteón Real
Venceslau de Luxemburgo 1361-1419 Panteón Real
Xoana de Baviera 1356-1386 Panteón Real
Barbara de Celje, esposa do emperador Sexismundo 1391-1451 Panteón Real
Ladislau V de Hungría 1440-1457 Panteón Real
Xurxo de Podiebrad 1420-1471 Panteón Real

Xoias da Coroa Checa[editar | editar a fonte]

A Porta Dourada.

Accédese pola capela de San Venceslau onde, antigamente, atopábase a sancristía da Capela (hoxe denominada Cámara da Coroa). Precísanse sete chaves diferentes para poder entrar na estancia que a custodia desde 1791. Moi poucas veces exponse ao público.

As Xoias da Coroa simbolizan a soberanía dos reis de Bohemia e o pasado monárquico da República Checa. A máis antiga é a Coroa de San Venceslau, confeccionada para a coroación de Carlos IV e Branca de Valois como reis de Bohemia sucedida o 2 de setembro de 1347. A coroa foi dada como ofrenda a San Venceslau (de aquí o seu nome). O deseño da Coroa, con catro grandes flores de lis na diadema que se pecha con dous arcos e unha cruz parisiense, inspirouse na insignia real da Casa dos Premislites, así como o da coroa dos reis de Francia. A coroa é de ouro e está decorada con pedras preciosas; se garda nun estoxo de coiro co escudo do rei Carlos IV, a aguia imperial e o escudo da República.

A Cruz da Coroación foi traída do Castelo de Karlstein. É de ouro e pedras preciosas e, ademais, contén fragmentos da Coroa de Espiñas de Xesucristo. Outra das pezas de importancia é a espada de San Venceslau, documentada, por primeira vez, en 1333; e o cetro real que se empezou a utilizar a partir da coroación dos reis da Casa de Habsburgo, reis de Bohemia desde 1526.

O tesouro da catedral ten a súa orixe no reinado de San Venceslau. Este rei someteuse a Henrique I que lle regalou un brazo de San Vito. Carlos IV gran coleccionista de reliquias relixiosas, ampliou o tesouro. Anualmente o tesouro expúñase na Praza de Carlos de Praga á que acudían numerosos peregrinos. Na época husita perdeuse a tradición e parte do tesouro que non se recuperou até o reinado de Vladislav Jagellon e a volta á catolicidade da República tras a derrota deste na batalla da Montaña Branca de 1620. En 1645 a colección ampliouse co tesouro do Castelo do Karlstein e en 1782 coas do Convento de San José de Praga.

Vidreiras[editar | editar a fonte]

Os vitrales son da época da Primeira República Checoslovaca polo que, parte do seu significado relixioso contén un importante simbolismo do Estado Checoslovaco que, por aquel entón, acababa de independizarse do Imperio austrohúngaro. Despois de obter o seu financiamento por parte da burguesía checoslovaca, recorreuse aos principais mestres cristaleiros de Bohemia que estaban profundamente influenciados por Josef Cibulka. A maioría das vidrieiras débense a Frantisek Kysela e aos seus alumnos da Escola de Artes Decorativas de Praga, entre os que destacan Cyril Bouda e Karel Svolinsky. Sobresalientes son as vidrieiras do presbiterio e os da Porta Dourada que representan o Xuízo Final con referencias á historia checa obras de Max Svabinsky. Unha das vidreiras, na zona esquerda, está feita por Alfons Mucha, nótase o estilo propio do artista e a diferenza respecto ao resto dela.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]